Aldo Dagraza entrevista a Domingo Villar

“As novelas policíacas non son máis que excusas para falar doutras cousas”

Da saudade en verso de Martín Códax aos relatos kafkianos de Méndez Ferrín, pasando pola fina retranca coa que Risco nos contaba como se ascendía de porco a marrán para chegar a ser alcalde, ou as crónicas políticas e sociais de Castelao, primeiro desde Badaxoz e logo desde a diáspora. A prolífica cultura galega, chea de enormes escritores e poetisas, ou viceversa; o galego, esa lingua á que Cunqueiro desexou antes de morrer “mil primaveras máis” despois de reescribir con ela as historias de Merlín, Simbad, Hamlet e compañía en versión enxebre, está a pasar por unha mala época.

Houbo tempos peores, como os tres séculos escuros ou os corenta anos nos que un homiño de Ferrolterra prohibiu o noso idioma. O ser humano ten contradicións; os galegos temos unha chea delas. Ese podería ser un exemplo.

E precisamente de contradicións está cheo o inspector Leo Caldas: tertuliano nun programa de radio soporífero, comparte casos cun malhumorado aragonés, o axente Rafael Estévez, que non soporta a ambigüidade dos galegos. Esta curiosa parella apatrulla Vigo nunha premiada serie de novelas que comezou cun asasinato na illa de Toralla (Ollos de auga; Galaxia, 2006) e proseguiu coa misteriosa aparición do corpo sen vida dun mariñeiro nunha cala do Val Miñor (A praia dos afogados, Galaxia, 2009). Para esta primavera estaba previsto o lanzamento da terceira entrega das aventuras deste inspector con nome de deus futbolístico, pero parece ser que inda teremos que esperar para ter nas nosas mans unha novela da que sabemos pouco máis ca o nome: Cruces de pedra. Toda unha homenaxe a don Afonso Daniel.

O pai das criaturas é Domingo Villar, e escribe desde a distancia, lonxe dos ríos e das fontes de Rosalía, e por sorte non é por obriga. Nado en Vigo en 1971, desde hai un tempo vive en Madrid, onde quedamos unha cálida mañá de marzo para compartir morriña e que nos conte máis da súa obra e situación actual.

12

Un dos escritores máis lidos en lingua galega nos tempos que corren, na vangarda tamén da novela negra española. Que se dí cedo, e só con dúas novelas. ¿Esperaba tanto recoñecemento?

O que esperaba era ter a oportunidade de publicar unhas cousas que escribía, non contaba con nada máis. Eu non teño padriño, non coñezo a ninguén no eido literario, non sabía que ía atopar. Escribía por pracer, e o que quería era ter a oportunidade de contar as cousas que tiña fervendo dentro. Era unha maneira de estar de volta cada día na miña terra, porque hai tempo que vivo en Madrid, nos ratos que eu me acubillaba nun curruncho para escribir.

Nominado ao premio á Mellor Novela Internacional nos premios que otorga cada ano a academia sueca de novela negra (Svenska Deckarakademin). Iso é como loitar polo “Pichichi” nas mellores ligas.

Non sei se loitar, digamos que é colarse na pelea polo Pichichi… Agradecese moito cando recoñecen o teu traballo. Cando saes por ahí e non hai un vencello sentimental có que contas, porque en Galicia podería gustar porque á xente gústalle ver reflectido o que atopa na rúa na literatura, pero con xente de lugares distintos é complicado ver como van reaccionar, se van a entender as nosas cousas. As miñas novelas son galegas dende dentro a afora, están feitas con Galicia no corazón e na punta dos dedos; eu non sabía como ía aceptar esas historias xente que non coñecía a nosa realidade… Logo decátaste de que a xente é distinta por fóra e idéntica por dentro; tanto ten ter nacido en Suecia, en Escocia ou en Galicia.

Rubalcaba recomendaba A praia dos afogados como unha das súas novelas favoritas, describíndoa como novela negra aderezada con percebes e ribeiro. (Antes da pregunta me corrixe: “non sei que diría Rubalcaba, pero o que hai é alvariño, percebes e alvariño) ¿É a escritura unha vía de canalizar a morriña?

Un pouco… Hoxe estaba reescribindo unhas páxinas nas que Caldas estaba co seu axudante comendo un bacallao con patacas no bar Puerto, no Arenal de Vigo, e a verdade é que era eu o que estaba ahí. Non é un xeito de loitar contra a morriña, trátase de vencela.

A propósito da gastronomía e dos viños, na nosa terra temos moi bós brancos que teñen un gran recoñecemento e excelentes tintos que case non se coñecen. ¿A novela negra é coma eses tintos?

Bueno, os Mencía pouco a pouco están a coller forza; ou os do Bierzo, considerándoo a quinta provincia. Pero con respecto ao da novela negra, eu penso que venceu todos eses complexos que tiña. Falaba Chandler de que unha novela de recolledores de millo tería moitas páxinas de crítica nas revistas especializadas e que unha novela policial tería un par de parágrafos simplemente por selo, sen que ninguén se detivese a valorar se é mellor ou peor literatura. Eu penso que iso está, afortunadamente, superado. Grazas a eles, que pasaron por unha travesía no deserto, a día de hoxe na novela negra, coma no resto da literatura, distínguese entre as cousas que están mellor e peor escritas, e non tanto según o xénero. Amais de que a novela negra ten unha fronteira ben difusa, porque na novela negra cabe crítica irónica como a de James McClure, que destripa o apartheid con situacións tan ridículas que acaban sendo enormemente críticas; pode ser novela negra filosófica, como Dürrenmatt, que ten libros estupendos falando dos complexos; pode ser tamén novela negra de frases cortas, tipo as de Ellroy; pode ser festiva, como as de Camilleri… A novela negra é un saco grande de máis, cabe de todo, e é difícil xulgar á novela negra como un xénero determinado cando hai cousas tan diversas dentro dela. No único que se parecen é en que teñen crimes, e disto dicía Ramiro Pinilla, que é un escritor marabilloso que tamén fixo algunha novela negra, que no único que se diferencian estas novelas é en que o morto aparece ao principio. No demais non hai tanta diferencia.

Recoñecido celtista, así como o teu equipo está a triunfar tirando da canteira, seica pola crise, ¿vostede pensa que a cultura, en especial a narrativa, está potenciando ese traballo de base?

Home, a edición está nun momento complicado… Pero eu penso que o fundamental é seguir un soño, que por moito que diga a xente, que por moi mal que estea o mundo arredor, a xente ten que mirar para dentro e facer o que lle dite o corazón. Está claro que ninguén quere ser futbolista sen saber darlle a un balón, e ninguén que non teña facilidade para escribir quererá ser escritor. Hai unha cousa fundamental que é ter afección, e esa afección é o que move á vontade. O que fai que lle roubes esas horas ao soño, á familia, para facer iso que te fai soñar.

Recordo un artigo que escribiu no Diario 16 hai moito tempo Carmen Martín Gayte, que falaba da diferenza que se fai entre o mundo profesional e afeccionado. Dáselle máis valor a un carpinteiro profesional que a un afeccionado, e pode ser un boísimo profesional pero tamén pode ser un tipo que caeu aí por calquera motivo e está a cravar puntas sen ser o que querería facer. En cambio, un carpinteiro afeccionado é un tipo que rouba tempo ás outras cousas para facer iso do que gusta, e podería estar a rascar a barriga pero está cravando puntas, cortando madeira, facendo un traballo de ebanistería, ou o que sexa… ¿Por que vai ter máis valor o profesional que o afeccionado? Non é así. O que non hai é que perder a afección, o que hai é que seguila. Tendo os pés no chan, sabendo cales son as limitacións e sendo consciente de que as cousas están complicadas. Non hai nada que garanta o éxito pero non hai nada tampouco que o impida definitivamente. Non hai a seguridade dun erro.

Non tes nada que perder.

Home, o tempo, que é fundamental. Iso non volve. Cando ves a alguén mercar un libro teu é un compromiso grande , porque un libro vale dez ou quince euros pero os cartos van e veñen, máis o tempo que esa persoa vai pasar co meu libro, cos meus personaxes, mergullado na miña historia, ese tempo non volve. A miña responsabilidade como autor é que esa viaxe que o lector fai da miña man pague a pena. Escribir non é facer un libro para moita xente, o libro non é un diálogo para moitos, non é un sermón, unha homilía. Un libro é un murmurio que lle fai un tipo concentrado so na súa casa escribindo a outro tipo que está sentado tranquilo na súa casa igual de concentrado có libro nas mans.

Din que o éxito só está antes que o traballo no dicionario.

Por suposto, inda que hai xente que cae de pé sen necesidade de traballo, facendo as cousas por inercia; eses son xenios. Polo xeral o éxito si que esixe un traballo grande. Amais o éxito ten unha difícil mesura, eu teño un oficio que non o cambio por ningún outro, traballo facendo o que sempre soñei. Afortunadamente podo pagar o aluguer e o colexio dos nenos co que gano escribindo libros, pero non deixaría de escribilos se non fose así. O éxito non é iso, o éxito é mirarte ao espello e que te devolva a imaxe dun tipo honrado. E logo está certo prestixio social que che da a literatura. Os escritores temos todos un puntiño de exhibicionista, e se non o temos fannos o ter. Porque somos uns anacoretas, o noso traballo é ser ermitáns, pero a metade do tempo; a outra metade somos exhibicionistas. A min o que me gusta é andar o camiño, sentarme a escribir. Hai unha tendencia a medir o éxito en termos económicos, pero está moi afastado diso. O éxito é ter tempo para facer o que te fai desfrutar, é deitarte feliz.

Falábamos da narrativa galega, e dicías que non está mal…

Eu non penso que estea a cousa tan mal, narradores hainos cojonudos. Onde se están a vender libros? En ningún lado. O noso problema non é de materia prima, non é un problema de falta de autores; é cuestión de tirar para adiante, de intentar as cousas, de botarlle ilusión e non deixarte vencer; que te venzas a ti, non aos demais. E logo temos editoriais que asumen o reto que é publicar e ofrecer visibilidade aos escritores en lingua galega. Edicións Xerais de Galicia convoca os seus premios, que co tempo foron ampliándose a literatura infantil, xuvenil, para adultos… O Premio Blanco Amor, que o publica Galaxia; o Premio da Fundación Repsol… As editoriais están a facer un esforzo nun tempo complicado. Por outro lado está a publicación en internet, fóra do papel. Penso que nunca estivo tan doado publicar, outra cousa é que logo poidas acadar difusión por internet.

Cambiando de tema, o audiovisual galego si que non é o noso forte. Sen unha industria ben definida e con poucas películas realmente feitas e producidas aquí, non simplemente como escenario. ¿Axudará a película de “A praia dos afogados” a darlle un empurrón ao audiovisual galego?

Espero que si. E hai moitos produtores intentando sacar adiante o tema. José Luís Cuerda ven de facer “Todo é silencio” coproducida cun capital galego importante detrás da película. O ano pasado foi “18 comidas”, de Coira. Hai novos produtores traballando en Galicia tratando de sacar as cousas adiante: Milú Films está tirando forte, Continental Producciones segue aí, Filmanova tamén fai as súas cousas. É un tempo complicado para financiar o cinema porque é unha arte cara, pero a crise non é de talento, a crise non é de bos profesionais. O problema noso non é materia prima…
De ferramenta entón…

Si, si… De ter medios tirando a escasos. Pero é un problema que teñen noutros lados nos que non hai tan boa materia prima.

Entón poderemos ver a un galego dándolle vida a Leo Caldas.

Pois a min gustaríame moito, espero que poida ser. Se non pode ser, terá que intentar coller o acento, o que pasa é que con iso dos acentos, como non se faga ben pode quedar un pouco raro.

E agora que está a punto de saír a súa terceira novela, ¿que nos pode contar de Cruces de pedra?

E outra novela de Leo Caldas e o seu axudante Estévez, e coma as outras está ambientada na ría de Vigo. Hai unha muller que desaparece, unha mestra da Escola de Artes e Oficios que vive en Tirán, e que ninguén sabe moi ben que lle sucedeu. É unha pescuda nos momentos previos á desaparición e do seu ambiente. É unha reflexión tamén do mundo do arte, como ten cambiado, o espazo que ten no mundo. Fala das relacións familiares, das relacións persoais. Eu penso que as novelas policíacas non son máis que escusas para falar doutras cousas, e nesta pois se fala do mundo rural, das grandes cidades, das soidades, da xente vella, do amor, da amizade… Das cousas que conforman a vida.
E agora que está a punto de saír do forno esta novela, é obriga preguntarlle que anda a escribir nestes momentos.

En realidade aínda estou corrixindo a última novela. Ás veces os prazos son os que son e non os que queres que sexan. Sigo corrixindo e teño un revoltallo de ideas importante dentro, e algunha desas sairá despois.

Haberá cuarto libro de Leo Caldas?

Posiblemente si, o que non teño tan claro é que sexa o seguinte que escriba.

A literatura galega está chea de enormes contistas. Vostede ten publicados un par de relatos curtos en La Voz de Galicia e máis El País (“O espiritista de O Grove”, “Senén e o cine sonoro”…) ¿algún día veremos unha compilación de contos de Domingo Villar?

Pois non o sei, é posible que si. Teño máis contos que non os mostro, que os gardo para min. E teño algúns contos publicados en Alemaña, agora veñen de pedirme un para unha editorial holandesa… É posible que algún día os xunte todos.

E poesía?

Poesía non. Fixen algo algunha vez, pero vamos… (Risas) Dubídoo moito.

Falando da literatura galega, teño entendido que vostede escribe as súas obras en galego mentres vai traducindo ao castelán. Eu tiña un mestre de latín que dicía que non hai mellor corrección que a tradución. Polo que se deixa ver vostede aplícao.

Aplícoo e pénsoo. Para os que temos a sorte de ter varias linguas é un arma que temos, unha xoia. É coma si un pintor dominase o óleo e a acuarela e renunciase a un deles. Ao revés, un ao outro compleméntanse, axúdanse, para entender mellor a pintura. No eido literario sucede algo similar, a lingua é a nosa paleta de pintor, e o feito de podernos manexar en dúas fai que o texto se limpe moitísimo. Estou plenamente de acordo con ese profesor.

E te atopas con moitos “Estévez” que alucinen coa ambigüidade dos galegos por aquí por Madrid?

Eu comparto vida cunha aragonesa. A vida para ela en xeral é branco ou negro, e para min é gris. Os prexuízos ás veces o que esconden son verdades rotundas que crearon eses tópicos.

Por último, falemos de internet: un escritor ficticio (Hank Moody, de Californication), dicía que se supoñía que internet abriría as portas da cultura de par en par e que ao final trouxo a incultura para todos e a banalización da escritura; que a xente xa non escribe, bloguea; e que a puntuación e a ortografía xa non importan. ¿Internet axuda á literatura ou baixa o listón?

É todo tan novo que eu non teño perspectiva para xulgalo, non son capaz de ter un criterio válido sobre un tema no que eu estou metido no medio do bosque e non vexo máis que árbores. Uns días semella que é un desastre, que hai unha sobreexposición extrema… Outros días penso que é estupenda a democratización que trouxo a rede. Non teño unha idea formada e creo que non a vou ter ata dentro de un tempo… Necesito, coma o viño, que sedimente o poso.

_MG_3388 como objeto inteligente-1

HAZ CLICK AQUÍ Y VISITA CROA00

Un comentario

Deja un comentario