Punk

Hai algúns días volvín escoitar na radio unha canción que había tempo que non escoitaba. Tratábase de Me gusta ser una zorra, a versión troglodítica que fixeran Las Vulpes, da xa de por si troglodita I wanna be your dog dos Stooges. Como todo o mundo sabe, esta canción pasou á historia porque no ano 1983 Televisión Española a emitiu nun programa musical.

A actuación provocou tal escándalo na sociedade da época, que o programa foi retirado e o xornal ABC se dedicou durante semanas a moer o tema. Obviamente, todo isto pasaba nun tempo e nun lugar onde o escándalo aínda era posible. Vou pola rúa e vexo os valados dunha campaña publicitaria de Beefeater. O leit motiv que empregan é a cidade de Londres. O valado é unha composición onde destacan diversos espazos arquitectónicos londinienses, un rapaz de aspecto brit-pop toucado cun bombín e un paraugas, e, o que máis me chamou a atención, catro cartaces do álbum London Calling, colados nun muro. O contraste está claro, The Clash, a banda máis vermella do primeiro punk, convertida en icona de marketing ou de cando a estética da transgresión axuda a vender.

Di Sloterdijk:

«O paradoxo moral do capitalismo é, sobre todo, a peculiar soportabilidade do insoportable, o confort na desolación, a high life na permanente catástrofe. Hai tempo que dixire os seus críticos, sobre todo desde que se puido dar conta do fracaso de todas as alternativas iniciadas revolucionariamente».

Sobra dicir que, socialmente, o Estado español dos primeiros oitenta aínda non era un país capitalista homologado. Os situacionistas dicían: «O sistema non crea, recupera». Mais nesta recuperación, a idea que se vai integrar baléirase de contido, perdendo parte ou o todo o seu significado. É dicir, o sistema, subverte. Transforma todo o que toca en materia inerte. O sistema é unha especie de rei Midas invertido, que troca o ouro en chumbo: onde a aparente solidez devén extrema flexibilidade.

Slavoj Žižek sostén que a consigna hoxe en día é: «Goza, consume, divírtete, aproveita, proba». O esloveno tamén pensa que o sistema non pretende ser tomado totalmente en serio. Ao hedonista de hoxe todo lle está permitido, non obstante, iso si, todo debe ser consumido sen a súa substancia maligna: toma café, mais sen cafeína; bebe cervexa, mais sen alcol; fornica, mais practicando o sexo seguro; métete en política, mais esquécete da economía. É dentro desta permisividade controlada onde se nos convida a sermos escandalosos sen escándalo, a sermos revolucionarios sen revolución.

Nunha época en que os donos dunha empresa como Google aparecen como dous rapaces desenfadados que se moven en skate polo seu gabinete ou onde o dono da Virgin é unha especie de hippie maduro que adora voar en globo aerostático, quen encarnaría o revolucionario? Non sería algo así, como alguén afastado de todo comportamento estrafalario e bastante serio? Non estamos nun momento en que o fulano con cabelos crespos amarelos podería representar máis acaidamente o cidadán integrado? Se cadra non sería a imaxe de alguén cun aspecto común e carente de artificio, alguén dunha austeridade case gris e para nada choqueiro quen mellor representase o inimigo do sistema?

Rodríguez, D.: Retomando a palabra.
Das guerras culturais ao crac financeiro, Santiago: Estaleiro, 2011.

Deja un comentario