Grazas ao labor dos estudos feministas consolidouse un saber que permanecía invisibilizado na tradición cultural: o das mulleres. Todas estas investigacións demostraron a activa participación das mulleres a o longo do proceso histórico recuperando a metade do relato agochado e construíndo unha xenealoxía feminista. Un breve repaso da Historia da arte oficial serve para ver como se mantén a través da hipervisibilidade da muller como obxecto da representación e a súa invisibilidade persistente como suxeito creador. Na cultura patriarcal resulta doado atopar e recuperar imaxes de mulleres sempre e cando estas non rachen radicalmente os significados e as connotacións que teñen na arte como corpo, como sexo e obxecto para a opresión masculina. Todo este imaxinario mantíñase grazas a complicidade das institucións artísticas que lles negaban o acceso ás Academias e dificultaban o desenvolvemento do seu talento reservándolle unicamente o papel de musa e modelo. Por todo este tipo de cuestións consideráse autoritario e manipulador presentar a “Historia da arte oficial” como universal xa que é limitada e androcéntrica.
Death of Patriarchy, Mary Beth Edelson
Moitas mulleres decidiron contar as súas propias historias en lugar de asumir as que contaban os outros por elas e conquistar os espazos que se lles negaban, mais nun sistema deseñado por e para homes esa valentía págase cara. En 1791, tempo despois de que a Asemblea Nacional aprobara a Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán, Olympe de Gouges escribiu a Declaración dos Dereitos da Muller e da Cidadá. Cun epílogo potente e revelador dirixíase a todas aquelas excluídas e manifestaba: “Mulleres, espertade. Recoñecede os vosos dereitos. Cando deixaredes de estar cegas? Que vantaxes conseguíchedes da Revolución?” Os 17 puntos demandaban a igualdade e a liberdade que lle foron roubadas após o levantamento, pero a pesar de loitar pola universalidade e emancipación que debeu recoller desde un comezo a Revolución, esta pioneira polos dereitos das mulleres foi detida, xulgada e guillotinada.
O dominio sobre a vida das mulleres comezou dun xeito organizado na Idade Media. A súa exclusión do espazo público comeza a tecerse entre os séculos XVI – XVII cando os oficios tradicionais aos que se dedicaban comezan a ter restricións e gaña terreo a idea de que estas non debían traballar fóra do fogar para axudar aos seus maridos. A investigación realizada por Silvia Federici no seu libro Calibán e a bruxa: mulleres, corpo e acumulación orixinaria, mostra como no caso das europeas a caza de bruxas foi a ferramenta fundamental na construción da súa nova función social e na degradación da súa identidade social. Esa persecución aniquilou todo un mundo de prácticas femininas, relacións colectivas e sistemas de coñecemento que foran os alicerces do poder das mulleres para plantarlle cara á Europa precapitalista e ao sistema feudal. A partir desta derrota xurdiu un novo modelo de feminidade que posteriormente se definiría como anxo do fogar, caracterizado pola pasividade e obediencia pero sobre todo pola dedicación absoluta ás tarefas do fogar e o coidado dos fillos. A feminidade volveuse exclusivamente doméstica e a institución familiar, moi ligada á igrexa, xogou un papel fundamental na consolidación da figura da nai. Ao mesmo tempo, as nocións burguesas do artista cambiaron, asociando a creación con todo o alleo ao doméstico e co ideal romántico dos espazos exteriores en alianza coa natureza sublime. A feminidade burguesa debía vivirse no marco rixidamente imposto do rol de nai e esposa, no privado, establecendo unha profunda diferenza entre as identidades ideolóxicas do artista, no espazo público, e da muller.
Toda esa privación e diferenciación de espazos tivo a súa influencia no campo artístico. Tras consolidar o espazo doméstico e ás tarefas reprodutivas como algo propio das mulleres, unha obriga máis ben, o sistema patriarcal negoulles durante séculos a capacidade de crear convertendo en natural unha división do traballo que as afastaba de calquera posibilidade de ser consideradas como artistas. A creatividade asociouse axiña como un compoñente da masculinidade, mentres que feminidade se construíu como o oposto ao home e, polo tanto do artista. A separación de campos ou xéneros propios de cada sexo servía como estratexia para diferenciar as esferas de actividades con máis e menos valor, garantindo un punto de vista ou unha visión do mundo ao seu favor, contar con máis ou menos medios e sobre todo coa aceptación social.
Femme maison, Louise Bourgeois
Con todo, un erro dos estudos feministas foi centrar gran parte do traballo na recuperación das obras de artistas esquecidas como un inventario, sen preguntarse polas condicións sociais na que desenvolvían as súas prácticas artísticas. Resulta pouco efectivo combater este gran relato patriarcal que se presenta como intocábel coa estratexia da simple adición, sumando nomes de mulleres á historia. O obxectivo debe ser dinamitar esa Historia da Arte oficial e a clave deste reto expúñao dun xeito brillante Griselda Pollock “non pensemos máis nunha historia feminista da arte senón nunha intervención feminista nas historias da arte”. Se construímos unha categoría separada, diferente, illámonos do verdadeiro campo de acción e obviamos os diferentes modos de opresión, represión e resistencia que viviron as mulleres en distintas épocas. Non poderemos realizar unha verdadeira análise subversiva se borramos as conexións entre a arte e as condicións da época, se colocamos a multiplicidade de causas e situacións nunha burbulla homoxénea.
Hai que ter claro que se as artistas de clase alta tiñan que facer fronte a tantos obstáculos, sortealos ás veces arriscando con pseudónimos ou co anonimato…Que acontecía con aquelas de clase traballadora, moitas veces analfabetas, con interese na creación artística pero que tiñan interminábeis xornadas laborais nas casas burguesas ou no campo? O caso de Séraphine Louis tal vez ilustre esta realidade, xa que despois de traballar como empregada doméstica pintaba no seu cuarto a luz dun candil. Se cadra este non é o cuarto de seu ao que se refería Virginia Woolf.
É por iso que nesta análise histórica tampouco se debería esquecer a interdependencia entre clase, xénero e raza nas prácticas artísticas. A raza xunto coa clase social deben ser dous compoñentes fundamentais da nosa crítica xa que alén de ser sexista, a historia e as sociedades son clasistas, imperialistas e colonizadoras. Incluso dentro dos propios movementos revolucionarios como o feminista é perigoso caer nas prácticas excluíntes mantendo un relato hexemónico que impide novos camiños. É hora de facer autocrítica do noso feminismo branco e occidental que tende a esquecer a realidade doutros continentes, doutras culturas, clases e relixións. Xa en 1848 a Convención Seneca Falls non só prescindiu das reivindicacións das obreiras brancas, que como proletarias experimentaban e afrontábanse á dominación masculina dun xeito específico, senón que o colectivo de mulleres negras foi totalmente ignorado. Século e medio despois, artistas latinoamericanas, asiáticas, indíxenas e negras denuncian non só o racismo imperante nos circuítos artísticos e no propio movemento feminista, tamén o heterosexismo e outros “ismos” que manteñen o status quo demostrando así que a interseccionalidade é ferramenta máis valiosa para facer unha crítica política e estética rigorosa.
Do mesmo xeito que denunciamos as estratexias discriminatorias das que se serviu o sistema patriarcal ao longo dos séculos, o feminismo non pode converter os intereses dalgunhas no foco principal do movemento. Somos brancas, con estudos universitarios e materialmente privilexiadas polo que deberiamos falar con máis sinceridade á hora de referirnos ás opresións, xa que como dicía bell hoocks “os sexismo como sistema de dominación está institucionalizado, pero nunca determinou de forma absoluta o destino de todas as mulleres desta sociedade. Estar oprimida quere dicir ausencia de eleccións. Moitas mulleres desta sociedade teñen a posibilidade de escoller”. É por iso que a análise feminista debe ir máis alá do xénero, fuxir desta categoría como único determinante para o destino das mulleres e fixar a atención nas relacións de subordinación que sofren as mulleres en todo o mundo respondendo as interrelacións de xénero, de clase, do racismo…entre outras moitas, para construír unha teoría plural e artellar unha estratexia sólida de cara ao patriarcado, o capitalismo e o clasismo.
Moitas grazas Sabela por esta magnífica revisión da historia do arte dende unha perspectiva feminista e anticolonialista. Grazas ademais pola mensaxe empoderadora que ilustran as tuas palestras e coa que facemos que ‘nos resvale’ calquera tipo de mensaxe e comentario machitrol. Grazas a ti e a moitas outras compañeiras de loita facémonos invencibles.