Cunha calor incipiente e alguna que outra visita a praia por parte dalgún afortunado, estreouse a cuarta edición do Festival Primavera do Cine en Vigo que, dende 2011, veñen dispostos a ensinarnos o mellor do mellor do cine galego. Así, este 2015 puidemos disfrutar de nada menos que 43 obras galegas (repartidas entre curtametraxes, longametraxes e videoclips) e, coma gran novidade, dunha mostra de cine lusófono –que non entraba a concurso- cun total de 12 títulos que nos permitiron coñecer de primeira man as maravillas que fan os nosos veciños.
Acostumados estamos xa a esperar con moitas ganas, ano tras ano, esta cita que consigue facernos viaxar por innumerables historias: dende as Ons con Fóra do continente ata os EE.UU con A viaxe de Leslie pasando pola cosmopolita Londres ao ritmo dun Galicia Portobello road.
Esta Primavera do Cine voltou máis internacional ca nunca e, por suposto, con máis forza, traendo a Vigo un festival de calidade onde mostrar os proxectos que se están cocendo actualmente no audiovisual galego.
Sen embargo, non só de cine vive o home así que, ademáis de todos estes filmes, organizáronse actividades paralelas tales coma unha master class impartida polo guionista Tirso Calero ou Escoita…¡E cine!, unhas xornadas que pretendían acercar o cinema aos máis cativos mediante unha serie de proxeccións musicalizadas en directo por Capervek Trío.
Unha das obras que se proxectaron foi Fóra do continente, un documental de apenas 20 minutos onde navegamos ata as Ons e nos colamos nos fogares – e na vida- dos últimos habitantes da zona. ¿O seu autor? Nico Martínez Millán, un hionense de 23 anos afincado en Barcelona que conseguiu “enganar a tres cataláns e un galego para que me acompañasen e así poder levala a cabo”.
Un proxecto que non ten desperdicio e polo que quixemos entrevistar o seu director. Disfrutade con ela e se podedes, non vos perdades este filme. Da que pensar.
NICO MARTÍNEX MILLÁN
Documental «Fora do Continente»
«O que me gusta facer son documentais: era a excusa perdecta para vivir esta aventura»
No Festival Primavera do Cine en Vigo presentouse o teu documental, Fóra do continente. Cóntanos, Nico, como se che ocorreu a idea de filmar aos últimos habitantes das illas de Ons?
Os veciños do Hio temos a sorte de que cada mañá ao erguernos podemos elixir cara onde xirar a vista: cara un lado temos as Cíes, cara o outro as Ons. A miña familia sempre virou cara a ría de Pontevedra polo que coñecín a realidade das Ons dende moi pequeno. O proxecto nace no 2013, no contexto dunha materia de documental na Universitat Pompeu Fabra, en Barcelona. Cando estás máis lonxe da casa, cando máis tempo pasas fóra, colles unha maior perspectiva e valoras incluso máis o que temos en Galicia, un país rico a nivel natural e sobre a nivel humano. Cos veciños de Ons quería amosar a Galicia menos infectada e contaminada polos moitos inputs exteriores que recibimos os que vivimos en contacto directo e constante coas comunicacións 2.0.
Tiña moito interese por coñecer persoalmente aos veciños das Ons, o que me gusta facer son documentais: era a excusa perfecta para vivir esta aventura. Só tiven que enganar a tres cataláns e un galego para que me acompañasen e así poder levala a cabo.
A obra dura uns 20 minutos pero para poder amosarnos isto, cantas horas tiveches que gravar?
Fixemos dúas “expedicións” ás Ons para rodar de xeito moi intenso. Tiñamos que aproveitar o pouco tempo que podiamos estar na illa, xa que por motivos de estudos e traballo foi en períodos curtos de cinco días. En total, temos máis de 30h de material: entrevistas, día a día dos protagonistas e recursos da illa.
O documental necesita unha investigación previa. No teu caso, como foi ese proceso de investigación?
O certo é que foi complicado. Eu presento o pre-proxecto na universidade despois de realizar unha investigación previa bastante profunda mais a distancia. Paralelamente aos meus estudos de Comunicación Audiovisual, estaba becado na propia UPF polo que non podía marchar de Barcelona ata as vacacións de Semana Santa e cando chega a data e vou ata ao Morrazo, encóntrome con que as comunicacións coa illa están totalmente cortadas por un temporal que afectou a toda a costa galega. Ese illamento, que comecei a vivir en primeira persoa, (os que vivimos no continente tamén podemos estar illados de algo), fixo crecer as miñas ganas de comezar a rodaxe.
A gran sorte que tiven foi coñecer a algunha xente procedente de Ons que agora vive no “continente”: veciños meus do Hio e outros compañeiros de Bueu. Grazas a eles, e máis a Manuel Dopazo, un mozo de Bueu que está a realizar unha investigación sobre o galego na illa de Ons (forma parte dos seus estudos de Lingua Galega na USC), puiden chegar a illa en maio cos deberes feitos e cunha idea do que me atoparía alí.
En Fóra do continente, levou mais traballo, a gravación ou a posprodución? Canto tempo tardaches en gravar e canto no proceso da montaxe?
Sen lugar a dúbidas, a posprodución. Foi un proceso moi longo. Como explicaba antes, Fóra do Continente comeza nunha materia universitaria. Unha vez esta remata, decidimos seguir co proxecto máis alá. Como a primeira versión de montaxe non nos enchía decidimos volver a illa a gravar máis material para completar e valorizar o que tiñamos. Dende a finalización desta segunda fase de rodaxe ata que pechamos toda a posprodución o proceso alongouse durante máis dun ano.
A rodaxe é un proceso moito máis agradecido, e se é nunha illa coma Ons aínda máis. Estás en contacto cos protagonistas, co medio que os rodea, co equipo co que estás a traballar. Porén, a posprodución, pide moita máis paciencia e tempo, descanso.
A priori, cando unha persoa se ve por primeira vez na pantalla non se soe gustar: que si a voz non é a súa, que si ten unha risa rara… Ensinácheslle aos protagonistas o resultado final? E se é así, como reaccionaron?
A verdade é que, mea culpa, aínda non viron a montaxe definitiva! Si que lles pasei outras versións previas do documental, mais dende que temos a curta pechada non puiden visitalos e ensinarlles persoalmente a peza. Temos en mente realizar unha estrea no Morrazo e esperamos que poidan acudir a ela. O máis gracioso é que cando lles ensinei as outras versións de montaxe, preocupábanse máis pola illa e polo bonita que saía nas imaxes que non por eles mesmos.
Veña, Nico, confesa, que seguro que se te pasou pola cabeza a mesma pregunta que a nos… ti serías capaz de vivir nas Ons?
Teño que dicir que foi unha conversa moi recorrente entre os membros do equipo que estabamos alí. Quedaría nas Ons para unha longa tempada, penso que é un lugar marabilloso para montar, por exemplo, mais non para vivir anos e anos. Alí o tempo non importa, como diría Chefa (protagonista do documental xunto a Victoria) “fas o que o teu corpo teña ghanas de faser”. A liberdade que sentes alí e moi difícil de atopar noutros lugares. Porén, sendo un cu inquieto coma son, recoñezo que non me podería establecer alí indefinidamente. Aínda que Victoria e Cesario xa o intentaron con todos os do equipo, sobre todos cos cataláns.
Comentáchesme que o que máis te gusta dos festivais e o feedback que se produce coa xente…como reaccionou o público nas proxeccións da túa obra?
No Primavera do Cine únicamente puiden asistir a unha das sesións, foi unha visita moi express Barcelona-O Hio-Barcelona. Alí tivemos a oportunidade de compartir uns minutos falando do documental na entrada do Museo do Marco moi ricos. O público namórase de Victoria, ao igual que nos o fixemos durante a nosa estancia nas Ons. Como xa vin o documental unha chea de veces, é moi chulo adicar as proxeccións do mesmo para fixarte nas reaccións do público: os sorrisos de complicidade que levantan Victoria e Chefa e a capacidade de reflexión que teñen as súas palabras son o máis bonito.
Que é o máis asombroso que che pasou rodando Fóra do continente?
Pasaron moitas cousas, quizais a máis espectacular foi a volta ao continente da segunda rodaxe. Tivemos a sorte de que, nesta segunda fase, gozamos e sufrimos da climatoloxía que desexabamos para o documental: chuvia, néboa e mar picado. O problema é que pensaramos moito no noso documental e non tanto na volta. Despois duns días de tempo difícil, a cousa aínda se complicou máis os últimos días e case quedamos atrapados na illa sen data para a volta. Tiñamos que volver co relevo dos traballadores do Parque Nacional das Illas Atlánticas, pero o mal tempo impediu a saída do seu barco do porto de orixe. Finalmente, conseguimos contactar coa Confraría de Pescadores de Bueu, que moi amablemente, nos ofreceu a posibilidade de volver co controlador dos percebeiros nun barco duns cinco metros de eslora cun tempo nefasto na ría. Recordo perfectamente as nosas caras ao ver chegar aquela lancha ao muelle das illas Ons e as palabras do seu único tripulante ao preguntarlle polo tempo que nos levaría chegar ao porto: “Normalmente uns vinte minutos, hoxe uns corenta. Se chegamos…”
En que estás a traballar na actualidade?
O mundo audiovisual non deixa descansar ningún momento, polo que paralelamente estás rematando un proxecto e xa pensando no seguinte. Conseguimos unha aportación dunha asociación do Morrazo interesada na promoción da comarca para sacar unha pequena tirada de Fóra do Continente en Dvd’s, polo que estamos somerxidos no proceso de edición dos mesmos.
Coma montador veño de rematar unha longametraxe documental, La distància dels noms, que ocupou boa parte do meu tempo durante os últimos meses.
Isto provocou que tivese que deixar de banda un pouco os proxectos persoais que teño moitas ganas de sacar adiante. Un deles é unha aposta do colectivo audiovisual do que formo parte, Omen Producións, que se chama Sol Baix, e é o piloto dunha ficción televisiva de tres episodios que estou a preparar xunto con Arnau Abella. Aínda así non esquezo o documental, e recoñezo que xa caeu algunha visita pola Galicia interior durante as vacacións para localizar algunhas zonas onde me gustaría rodar.