A quinta edición do Festival Primavera do Cine buscará a participación total da cidadanía de Vigo
- O director Juan de Castro quere que “toda a cidade respire cine durante a semana do festival”, que se celebrará do 23 ata o 29 de maio
- A lusofonía entra a formar parte da selección oficial a concurso
- Entregaranse un total de cinco premios máis un honorífico
- O festival reforza a súa colaboración co Instituto Camões e o Ministerio de Cultura Portugués para ampliar sedes e facilitar a participación de autores portugueses
- Realizarase unha retrospectiva do documentalismo galego do século XX
A organización do Festival Primavera de Cine en Vigo ven de presentar as bases de convocatoria e as principais novidades para esta quinta edición. O director do mesmo, Juan de Castro, e o axudante de dirección, Alfonso Castaño, convocaron aos medios na galería Sargadelos para inaugurar a campaña de recepción de obras audiovisuais. Os interesados, galegos e lusófonos, poderán enviar as súas creacións ata o día 17 de marzo. O festival celebrarase do 23 ao 29 de maio, aínda que a direcicón non descarta comezar un pouco antes para aumentar a expectación.
Juan de Castro fixo especial énfase na importancia desta quinta edición como consolidación do festival. “As nosas pretensións son que o festival medre e se estenda en días, filmes, sedes e actividades paralelas. O proxecto desta quinta edición é que a cidade enteira participe”, declarou o director. “Estamos a preparar un par de sorpresas de intervención na cidade para que todos os vigueses respiren cine e teñan ben claro que se está a celebrar un festival”, engadiu. De Castro pretende que Primavera do Cine se difunda máis alá dos puntos de encontro xa coñecidos, o auditorio do Concello e o MARCO. “Queremos chegar ao Calvario, a Coia e ao Casco Vello”.
Unha das novidades principais deste ano é que a lusofonía pasa a formar parte da selección oficial a concurso, a diferencia do 2015, no que quedouse sen concursar. En total, serán entregados cinco premios: mellor longametraxe galega, mellor longametraxe lusófona, mellor curtametraxe galega, mellor curtametraxe lusófona e mellor videoclip galego. Tamén será entregado un premio honorífico. “A relación co Instituto Camões e o Ministerio de Cultura de Portugal vai ser máis produtiva. Imos aunar esforzos para organizar algunhas proxeccións na sede do instituto e traer autores e realizadores portugueses”, explicou De Castro.
O axudante de dirección, Alfonso Castaño, anunciou a realización doutra clase maxistral tras a impartida polo guionista Tirso Calero na cuarta edición. “Queremos contar cun representante da cinematografía portuguesa dos últimos anos”, especificou Castaño para a continuación anunciar outra gran novidade. “Imos realizar unha retrospectiva do documentalismo galego do século XX con pezas vinculadas a Galicia ou rodadas por galegos. Queremos que o festival sexa algo máis que unha sección oficial. Queremos que sexa unha proposta cultural”.
Outra actividade que se vai repetir será o Cine Miúdo para nenos, é dicir, a proxección de películas mudas de principios dos anos 20 ambientadas con música en directo. Máis de 500 nenos participaron nesta actividade o ano pasado. Tamén realizaranse charlas e debates con personaxes relacionados co sector audiovisual. “Esperamos o empuxe do Concello para que o festival se converta na cita de cine galego e lusófono máis importante do noso pais.
«Esperamos proxectar máis e mellor. Imos poñer todo o noso empeño para que o festival estoupe!”, sentenciu ao final da rolda Juan de Castro. Como dato de referencia, o ano pasado o festival recibiu 200 títulos dos que finalmente foron proxectados 53
ACCEDE A LAS BASES
www.primaveradocine.com