O Concello de Carballo anuncia nova edición do festival que o situou como unha referencia estatal no eido dos Contidos Dixitais
Ábrese tamén o prazo para inscribirse no ciclo formativo FormaCIP, que amplía a súa oferta a nenos e nenas
A terceira edición do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay celebrarase os días 5, 6 e 7 de maio, segundo ven de anunciar o Concello de Carballo. O CIP, que acadou nas dúas pasadas edicións unha grande repercusión a nivel nacional e internacional, situou Carballo como unha referencia para o público e para os profesionais do sector da creatividade dixital, ao converterse no primeiro concello de España que contou cun festival de webseries e de novos formatos narrativos.
O Concello e a organización do evento completan a oferta cun ciclo formativo que se desenvolve nos meses previos, o FormaCIP, que nesta edición amplía a súa oferta tamén á xente miúda. Novas narrativas, marketing dixital, novas tecnoloxías, produción e financiación audiovisual, dirección de actores, robótica para nenos e nenas, Lego Mindstorms, Arduino, paleta gráfica codeco ou emoticonos analóxicos son algúns dos coñecementos que adultos, estudantes, nenos e nenas poderán adquirir no ciclo formativo do Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay, FormaCIP, dende o vindeiro 12 de marzo ata a mesma fin de semana do Festival. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo na web.
www.carballointerplay.com
Os obradoiros para adultos e estudantes
O Fórum de Carballo acollerá a completa oferta educativa do FormaCIP, que comezará o sábado 12 de marzo co obradoiro A web como canle para contar historias impartido por Oscar Otero. Unha semana máis tarde, os días 19 e 20 de marzo, será o produtor Felipe Lage quen imparta o obradoiro Produción e financiación. A fin de semana do 2 e o 3 de abril, María Yáñez impartirá un curso titulado Marketing na rede e dende abaixo para o teu produto audiovisual. Todos eles custarán 20 euros. A fin de semana seguinte, Alfonso Zarauza ofrecerá un obradoiro de tres días sobre Dirección de actores, que custará 30 euros. E do 26 de abril ao 1 de maio as persoas que o desexen poderán coñecer de primeira man todo o proceso de Creación dunha webserie: Do guión á distribución, da man de David Saínz e Teresa Segura, cun custo de 100 euros.
Os obradoiros para nenos e nenas
Dende o obradoiro de Robótica con Lego Mindstorms que impartirán os Code Monsters e o de Micropaleta gráfica Codeco dos Esferobite, para nenos e nenas de 7 anos ou máis; ata o de Robótica express: programación e electrónica con Arduino, impartido tamén por Code Monsters, para rapaces de a partir de 12 anos; pasando pola Creación de emoticonos analóxicos de Paula Fraile, de 9 a 13 anos; todos os obradoiros infantís do FormaCIP serán gratuítos. As datas e os horarios, así como o sistema de inscrición, publicaranse proximamente na web www.carballointerplay.com.