Deus chega á Costa da Morte

captura-de-pantalla-2016-09-13-a-las-17-12-25

Non cabe dúbida de que, nestes tempos que (xa non) corren, temos ganas de ver. Velo todo é a consigna de esta era. No eido desta ontoloxía do ser-visto, que parece dominar o noso marco mental, non existe mais que aquilo que é visíbel. Pero esta nova visibilidade do século XXI ten intrigantes peculiaridades. Non é unha visión dun suxeito activo fronte a un obxecto pasivo, como quixera a Ilustración e a tradición metafísica. É unha visión interactiva, multimedia, 3D, inmersiva, virtual, totalizante, onde os roles mudan e trócanse de seguido.

Dicían Adorno e Horkheimer nos anos corenta que a razón iluminista, a teima de ese gran proxecto que chamamos Modernidade, era o «desencantamento do mundo», a obxetivación da natureza, fronte o pensamento mítico. Así como «o animismo (antigo) había infundido alma nas cousas, a industrialización (producto da Ilustración como razón instrumental) ha cousificado as almas». Porén, a natureza pasara de ser un eido do máxico, do misterioso e do descoñecido, a ser obxeto de dominio da razón sen límites. Pero esta reificación da natureza como obxecto do coñecer, do mensurar, do medir, do observar «sen sombras e sen fisuras, sen rugosidades» erixiuse fundamentalmente como actividade do «ollo da mente». Así, este ollo-logos, materializado agora nese «Ollo absoluto» que é o Google Earth, tería por anegar tódo-los puntos do planeta coa súa luz, que é o símbolo mesmo «da razón calculadora, baixo cuyos xélidos raios maduran as semillas da nova barbarie». Así como o Espírito Absoluto de Hegel era a auto-consciencia total de sí na absoluta auto-tranparencia, este Ollo Absoluto pretende transparentar tódo-los rincóns, toda paisaxe, toda experiencia e todo misterio, reducindo así todo espesor, toda distancia e toda rugosidade.

Petrificados baixo este ollo sen suxeito, este ollo robótico, case divino, fican agora as paisaxes da Costa da Morte, en especial o Camiño dos Faros, que une Malpica e Fisterre. O mapeado enteiro poderá verse dende o Google Street Wiew a partires de marzo, co cal xa non teremos que saír de casa e sumerxirnos no territorio para contemplar e desfrutar dunha das paisaxes mais impresionantes da nosa costa. Tóda-las persoas (con acceso a internet e computadora) do mundo poderán agora observar a beleza deste sendeiro sen tomarse a molestia de vires a Galiza, eso sí, nunha experiencia absoluta e inmersiva (absolutamente petrificada na imaxe de sí). De novo, asistimos ao «empobrecemento da experiencia» do que xa nos advirtía Walter Benjamin, non moito antes que Adorno e Horkheimer. A experiencia real, do camiñante que se sumerxe na paisaxe, que está suxeito a continxencia e imprevisibilidade, é sustituida pola «experiencia hiperreal» onde tódo e dado xa como imaxe de sí, aumentada e aumentable, modificable, rotatoria 360º. Anúlase deste xeito a presenza do individuo coñecedor, que co seu camiñar configura a súa propia paisaxe persoal, e sustitúese pola experiencia obxectiva, única, eterna e inmutable, é dicir, o mundo é sustituido pola imaxe do mundo. O reino platónico das ideas imponse sobre o mundo como unha Xerusalén celeste que cae do ceo e se instaura na terra, sustituíndoa.

Na páxina web que promociona o Camiño dos Faros atopamos que:

Google y la Asociación O Camiño dos Faros firmaron un acuerdo de colaboración en Octubre, en el que Google le cedió la tecnología y los trasnos más en forma recorrieron los 200 kilómetros del Camiño dos Faros, para que tú puedas tener a un click todos los paisajes a 360º.1

Estes trasnos, que na mitoloxía galega veñen sendo as figuras mesmas dun misterio que escapa sempre pola marxe do ollar, serven agora ao propósito de que non existan (xa) mais sombras nen mais puntos cegos onde preservar o misterio do mundo, a singularidade e o fenómeno. Albergo dúbidas sobre a utilidade e as motivacións profundas destes «mapeados» dixitais do territorio, como se alguén (ou algo) quixera evitar que os pés fagan a paisaxe co seu camiñar, un medo á subxectividade que xera a diferencia. Un medo a que algo se escape á mirada obxectivizante, á mismidade das experiencias enlatadas, turísticas e banais. Un medo, en definitiva, a que realmente (h)ollemos fora dos camiños marcados.

Guillermo Rodríguez Alonso

Graduado en Historia del Arte por la Universidad de Santiago de Compostela, Máster en Estudios Comparados por la UPF y Doctorando en Filosofía Contemporánea por la USC. Natural de Vigo y residente en Val Miñor.

Deja un comentario