Entrevistamos a Iago Fernández

O día 10 tivo lugar o sétimo festival de jazz de Nigrán, o Nigranjazz no que puidemos ver tocar ó grande músico israelí Gilad Hekselman e tamén a dous galegos que non lle teñen nada que envexar: Iago Fernández e Javi “gdjazz” Pereiro. Con eles dous tivemos una boa charla.

E se vos quedades con ganas de máis, sabede que Iago Fernández estará de xira por Galiza entre o entre o 19 e o 31 con Telmo Fernández e Phil Wilkinson (organista de New York) e Javi “gdjazz” Pereiro terá o 15 de agosto, dobre concerto en Lisboa ca Orquestra Jazz de Matosinhos (OJM), pola tarde nos Xardíns de Lisboa e pola noite no Hot Clube. O día 21 poderédelo ver no festival de jazz de Cangas (Canjazz) co decateto Factor E-Reset de Marcos Pin, o 6 de setembro ca OJM en O Porto acompañando a Kurt Rosenwinkel, o 18 de novembro outra vez co proxecto de Marcos Pin, esta vez no Teatro Rosalía da Coruña e, finalmente, o 1 de decembro ca OJM no Porto tocando repertorio hard bop.

web

Sempre é bo comezar polo principio e, neste caso, o principio son os teus inicios coma músico. A que idade comezaches no jazz? E… por que o jazz?

Comecei con 15 anos. O primeiro contacto foi mediante unha big band que había en Cangas, como estaba facendo percusión no conservatorio, tiña unha asignatura que era orquestra. Con esa big band toquei algúns concertos, pero foi no Seminario de jazz de Pontevedra no que metín a fondo nisto do jazz. Por que o jazz? Pois porque cadrou así, nesa época tamén tocaba nun grupo de Metal (Stigmatribe). Supoño que tamén axudaba que meu pai tiña discos de jazz na casa.

Nunha entrevista, Abe Rábade, un dos fundadores do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra e un dos nomes máis importantes do jazz galego, noméate a ti e a outros músicos coma Virgilio da Silva ou Pablo Castaño dicindo que sodes a primeira promoción do SPJP e quizais a máis potente… como recordas eses anos de estudo? Dende aquela… como evolucionou o teu estilo?

Recordo que comecei no 2002 e ata o 2006 estiven no spj, recibindo clases de Abe e tamén de Paco ademais de numerosas master classes con xente de todo o mundo. Eu coñecín alí a Virxilio, a Castaño (este marchou axiña para Nova Iorque), a Max Gómez, etc foron anos imprescindibles para a miña formación. O meu estilo evolucionou moitísimo dende aquela, posto que ao principio non sabía case nada e pouco a pouco fun desenvolvendo (sen profesor de batería) a miña forma de tocar. Elvin Jones foi o primeiro batería no que me fixei e inda agora é das miñas influecias máis evidentes.

Que é o máis importante que che ensinou o jazz?

O máis importante que me ensinou o jazz é que sen coñecer de nada a unha persoa, podes saber como é e que lle aconteceu na vida se a escoitas tocar un rato. É un estilo emocional onde os haxa. Ensinoume tamén moitos valores como a solidariedade e o respecto.

E… que é o que máis te atrae do jazz?

Atráeme a posibilidade de compartir música con xente moi diversa, en lugares diversos do mundo, e que esa música é única de cada momento, posto que nunca se toca o mesmo.

Iago, imos facer un pouco de memoria… acórdaste do primeiro concerto que deches? Como foi, onde, con quen tocaches, o ano…

O primeiro concerto de jazz foi no Zappa, en Bueu no 2002. Eramos Xan Campos (co que inda toco), Alejandro Galanski e mais Pablo Pérez. Lémbrome moi pouco do concerto. No mesmo ano tamén fixen o 1º concerto de Metal, no Roros de Cangas.

Que me podes contar do Nigranjazz despois de tocar nel?

Foi unha noite memorable. Temperatura ideal, lugar idílico, público entregado e moi numeroso… músicos incribles compartindo música…picoteo mexicano… unha jam nunha terraza xenial ao lado da praia de Patos… pouco faltou para supoñer unha noite perfecta. E ademais vendín discos. Que máis se pode pedir?

Actualmente, os tempos non son os mellores para a música… como se nota neste mundo?

Nótase ben, hai menos festivais, e menos presupostos, co cal tocamos máis en bares por 50€ e os festivais págannos moito menos ca antes, a metade. Os músicos sempre vivimos na merda (económicamente) pero agora máis que nunca.

É, no 2011, cando sae a luz “Agromando” o teu primeiro disco coma líder que é o que se poden encontrar os oíntes neste CD?

Atoparanse 7 composicións miñas, e tres versións. Digamos que é un jazz moderno, con influencias do rock e do pop. Ten a curiosidade de que hai dúas guitarras xuntas en tres temas. A verdade é que quedei moi satisfeito con este traballo. Agora estou preparando o próximo disco… inda non sei cando gravarei.

Nun futuro achegado, con quen che gustaría tocar que aínda non o fixeras?

Gustaríame tocar con Wayne Shorter, Mark Turner, Kurt Rosenwinkel, Brad Melhdau, Ben Street, Christian McBride,… e un longo etcétera.

 

HAZ CLICK AQUÍ Y VISITA CROA16

Celeste Conde Gómez

One Comment

Deja un comentario