Os finalistas coñeceranse o vindeiro mes de marzo no xa tradicional acto de lectura
A Academia Galega do Audiovisual ven de publicar a listaxe definitiva de candidatos que participarán nas 25 categorías da XIII edición dos Premios Mestre Mateo.
A esta edición dos Premios Mestre Mateo optan un total de 111 obras estreadas entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2014. Destas producións, 11 son longametraxes (3 das cales son de animación, 17 documentais, 5 series, 7 series web, 20 programas de televisión, 18 curtas, 16 anuncios publicitarios e 17 videoclips.
Estas producións, así como os diferentes profesionais presentados, serán votados polos académicos e académicas nas vindeiras semanas para decidir os catro finalistas de cada categoría, que se anunciarán o vindeiro mes de marzo e que optarán a un Premio Mestre Mateo.
Nova plataforma de visionado e votación dos Mestre Mateo
Ademais, nestes días a Academia Galega do Audiovisual tamén fará pública a súa mellorada e renovada páxina web na que se enmarca nunha nova etapa na liña de comunicación da asociación.
Grazas a esta nova web mudouse tamén o tradicional sistema de votación e de visionado dos candidatos para os académicos e académicas. Por primeira vez intégrase o sistema de visionado coa votación de xeito natural para facilitar a experiencia aos usuarios.
Tamén se incorpora un novo modelo de votación no que os socios deben puntuar catro candidaturas de cada unha das categorías con catro, tres, dous ou un punto, sendo catro o máis valorado e 1 o menos.
Preme neste enlace pra acceder á listaxe definitiva de candidaturas.