Ponte…na escena é o primeiro festival de teatro que en Galiza presenta a obra de compañías brasileiras, galegas e portuguesas. Unha ponte necesaria que ofrece ao espectador a posibilidade de asistir a diferentes propostas escénicas contadas nunha mesma lingua con sotaques diferentes. Un proxecto que une a proximidade cultural entre territorios que comparten unha expresión coPode o teatro ser a expresión deste patrimonio? Tal vez sexa necesario e urxente construír unha dramaturxia que mostre a nosa identidade común. Entre tanto, tendamos pontes entre as diversas expresións, deixemos que falen as narrativas de cada unha delas, viaxemos aos seus territorios e deixemos que no noso imaxinario se constrúan as pontes. Agradecemos a colaboración presentada pola Concellería de Cultura de Gondomar que no ano de Roberto Vidal Bolaño abriu unha nova porta para o teatro en Galiza.
Santi Veloso (Ponte…nas ondas!), Fran Núñez (Limiar teatro) e Moncho Rodríguez (Fafe cidade das artes)
Verbum Fahrenheit – Limiar Teatro
Vigo (Galiza)
A historia de dous homes, dous presos que comparten un mesmo delito: ler. Ler nunha sociedade onde a lectura está prohibida e os libros son queimados por bombeiros incendiarios.
Lectores castrados nunha sociedade na que os libros son preservados na clandestinidade alén do mar, na terra dos homes libro. No lugar cada persoa toma o nome do libro que aprende e protexe na súa memoria.
Verbum Fahrenheit está creado a partir de textos de cen autores de toda a lusofonía: Galiza, Portugal, Brasil, Angola, Mozambique, Cabo verde, Santo Tomé e Principe, e Guiné – Bissau e Timor Leste. Deste xeito o espectáculo constitúe unha homenaxe ás expresións da literatura na lingua galego-portuguesa.
Unha Historia de amor ao Tarantino – 8mm. teatro
Nigrán (galiza)
Amor ao Tarantino é unha peza de 40 minutos onde o espectador está mergullado nun ambiente de teatro-cine a unha curta distancia do actor.
Comedia macabra nun formato de encadernación teatral ao rústico, barato e de consumo popular. 8mm. nace a principios deste ano 2013 coa idea de atopar novos espazos, novas formas e novo público. Humor, acción, improvisación e moitas chiscadelas recoñecibles para o espectador.
Quando se abrem os guarda chuvas – Fafe Cidade das Artes e Cía. Farándula
Río de Janeiro (Brasil)
Fernanda Pimenta é a protagonista deste espectáculo que conta a historia de Conceição, unha señora de 77 anos, que vive, na monotonía da vida, a lembranza dun tempo que pasou e a realidade dun presente solitario. Inesperadamente, recibe unha chamada dun amor da xuventude, que pode mudar o futuro que aínda lle resta… Fernanda Pimenta ten traballado en numerosos espectáculos e filmes en Brasil entre os que destacan: ‘Untitled Film nº 1’, de Larissa Rabello, onde protagonizou o filme, que gañou o premio de mellor dirección no Festcine Goiás. Destaca tamén a súa participación no serial “Clandestinos” de TV Globo e o seu papel no espectáculo ‘Cidade das Mariposas’ presentado no Festival de Curitiba en abril de 2012.
Olympia – Teatro Andante
Minas Gerais (Brasil)
Olympia é unha obra do Grupo Teatro Andante, con sede en Belo Horizonte, Minas Gerais, Brasil. É un unha peza de Ângela Mourão, dirixida por Marcelo Bones. Estreouse en 2001 e, desde entón, gañou premios, participou en festivais, fixo temporadas en Belo Horizonte, no Río de Janeiro e en São Paulo. Percorreu máis de 60 municipios de 17 estados brasileiros e viaxou por dúas veces á Arxentina, onde participou en catro festivais.
O espectáculo está baseado na historia da andarilla máis famosa do Brasil que viviu en Ouro Preto.
Nun primoroso traballo corporal e vocal, a actriz utiliza diversas técnicas do teatro contemporáneo, para transitar entre a narradora, o personaxe, a máscara e a propia actriz que se revela en escena.
Labirinto de Amor e morte – Fafe Cidade das Artes
Fafe (Portugal)
Labirinto de amor e morte é un mergullo no universo feminino, nos labirintos e contradicións do amor, da vida e da morte, da creación e a destrución.
Un texto que se aventura no interior da muller: a sombra e a luz, os ciclos de vida-morte-vida, os renacementos, as purificacións e os soños que se renovan. Unha oportunidade poética de encontro e reflexión. De coñecemento e recoñecemento da muller. Un espectáculo experimental, despido de artificios, onde a teatralidade se diluíu nas memorias das vivencias do espectador.
Neste Labirinto amósanse os mitos que se ocultan no universo do imaxinario do feminino. Neste espectáculo revélanse vontades, desexos, paixóns, amor e morte.
A visita – Teatro invisível
Lisboa (Portugal)
A visita, con texto e posta en escena de Moncho Rodríguez e interpretación do actor portugués Pedro Giestas, foi visto e aplaudido por mais de 10.000 espectadores. Un profundo mergullo no drama da descentralización e o abandono das zonas rurais. Unha traxicomedia que revela a necesidade de reconquista dunha identidade que está a ser ameazada pola globalización. Neste espectáculo, o actor fai un profundo mergullo na alma do personaxe e contamina ao espectador polas visións emocionais e poéticas que consigue transmitir. Fai rir e chorar, celebra xunto co espectador un teatro compartido, de soño, de memorias, de vida.