LINGUAXES ESCULTÓRICAS CONTEMPORÁNEAS. Do monumento conmemorativo á performance
Do 19 outubro 2016 ao 24 maio 2017
Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Docente: Ana Pereira Molares
Lugar: salón de actos
Horario: mércores, de 19.30 a 21.00
A historia da escultura moderna e contemporánea é a dun proceso de transformación que a apartou do seu carácter estatuario para se converter nunha práctica autónoma emancipada do lugar, do pedestal, de referencias simbólicas e de modelos. O concepto escultórico clásico será redefinido e analizado en toda a súa profundidade, a través de exploracións plurais e camiños diversos. Este curso formula unha aproximación ás linguaxes escultóricas contemporáneas que reflicta, non soamente os cambios experimentados pola propia práctica da escultura, ou a súa relación co contexto social, senón tamén as transformacións na percepción da obra.
ZERKALOS (reflexos fílmicos)
Do 20 outubro 2016 ao 11 maio 2017
Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Docente: José Manuel López, coa colaboración de relatores invitados
Lugar: salón de actos
Horario: xoves, de 19.30 a 21.00
A multiforme historia do cinema podería entenderse como unha vasta rede de correspondencias e filiacións entre películas e cineastas de moi diferentes épocas e xeografías, algunhas evidentes e intencionadas, outras máis leves, case secretas, e outras que só existen na experiencia afectiva do espectador. A intención deste curso é pensar a historia do cinema como un espello sen fondo do que as películas serían reflexos e no que conviven imaxes de todo tempo e lugar. Ao longo de vinte e trés sesións faremos “chocar” corenta e seis películas entre si a través dos seus reflexos temáticos, políticos, conceptuais e/ou formais, invitando a unha relectura crítica dalgunhas das historias posibles do cinema.
INFORMACIÓN PRÁCTICA
A matrícula de los cursos pecharase unha vez cubertas todas as prazas. Tanto os programas detallados como as fichas de inscrición, información sobre prezos de matrícula e descontos especiais están dispoñibles na taquilla do MARCO (en horario de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 de martes a sábados, e de 11.00 a 14.30 os domingos) ou a través do email info@marcovigo.com, así como no apartado ‘Actividades’ da web www.marcovigo.com.
+ INFO e programas de cada curso en http://www.marcovigo.com/es/actividades