Disciplina: Artista Multidisciplinar
Artista multidisciplinar nacida en Vigo en 1986. Formouse en diferentes ramas artísticas como a danza e a música ó mesmo tempo que comezou a interesarse nas artes plásticas. Estudou Belas Artes en Pontevedra e o Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporánea en Santiago. A través deste último creouse, en 2010, o Colectivo Artístico 20 65, do que forma parte e co que participou en diversas exposicións itinerantes en España e Portugal. Ó longo destes anos, crearon unha serie de propostas expositivas, levando a cabo todo o proceso de planificación e organización das súas exposicións. Actualmente traballa coas posibilidades do son, do corpo, da linguaxe e a comunicación (isto último por influencia dos seus estudos en Tradución e Interpretación), empregando outros soportes e buscando outras formas de traballo.
A súa obra caracterízase por un tipo de liña e ton, quizais por influencias do expresionismo alemán, que reflicten unha tensión e unha busca da liberdade. As súas propias experiencias, o feito de ter vivido noutras cidades europeas e o seu interese por outras culturas e formas de vida, fai que a contemplación ou, mellor dito, a lectura das súas obras, se converta nun percorrido. Unha viaxe que incita a deixarse levar polos camiños, a perderse, ó igual que fai ela ó viaxar. Cre que perderse permite atoparse a un mesmo, pois do erro moitas veces saen as mellores ideas e por iso non debemos deixar de camiñar e perdernos polo labirinto.
2 comentarios