Este xoves 13 de marzo, inaugúrase na Fundación Luis Seoane (A Coruña) a exposición ‘O BOSQUEXO DO MUNDO’. Comisariada por Ángel Cerviño e Alberto González-Alegre, esta mostra está producida conxuntamente polo MARCO de Vigo (onde se exhibiu entre abril e setembro de 2013), o Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela, outubro 2013 – febreiro 2014), e a Fundación Luis Seoane, onde permanecerá aberta ao público ata o 25 de maio.
O bosquexo do mundo trae ao museo un conxunto de útiles e documentos, tamén obras e os seus antecedentes que, como pezas dun crebacabezas en perpetuo movemento, proporciona sustento e alimenta as creacións. Unha aposta polas mostras de produción propia extensible aos tres centros, como nova experiencia de coprodución e de traballo en rede.
O título da exposición sérvese da ambigüidade e riqueza do termo bosquexo, como proxecto ou apuntamento previo á execución dunha obra, e tamén como imaxe mental, como idea latente na mente do artista e no seu ámbito de traballo. Nun labor conxunto de investigación e diálogo cos artistas, os comisarios achegáronse a cada un dos talleres e lugares de produción, para seleccionar ou rescatar toda unha serie de materiais que son parte esencial da estrutura das obras, e que aportan novas lecturas e tamén novos interrogantes sobre a súa orixe e significados.
Así, xunto a obras en distintos soportes, a mostra componse sobre todo de apuntamentos, bosquexos, e pezas inacabadas. O bosquexo do mundo trae ás salas da Fundación Luis Seoane un conxunto de útiles e documentos —obxectos, cadernos de notas, esquemas, recortes de prensa, vídeos, fotografías, repertorios de imaxes, textos propios e alleos, xestos e materiais atopados…— que se sitúan na base ou, por así dicir, na zona de influencia de cada artista, do seu quefacer e da súa particular visión do mundo.
A selección abrangue varias xeracións, dende artistas que iniciaron a súa traxectoria nos anos oitenta, ata os máis novos, nacidos a principios desa mesma década, ou na inmediatamente anterior, nos setenta. Autores que traballan nos máis variados ámbitos creativos, utilizando técnicas e materiais —debuxo, gravado, pintura, colaxe, escultura, fotografía, vídeo, instalación…— que en ocasións funcionan como método de investigación, como soporte ou material de apoio para as obras.
Xunto a un traballo minucioso para a exhibición das obras e materiais de pequeno formato, a montaxe constitúe unha parte máis da mostra que vai alén do aproveitamento das particularidades das salas de exposicións dos diferentes centros que participan no proxecto. Se no caso das montaxes no MARCO de Vigo e no Auditorio de Galicia incidíase no estudo da relación entre as obras e o espazo expositivo, na Fundación Luis Seoane ábrese outra vía para o espectador grazas a interacción que establecen os comisarios entre unha escolla de debuxos de Luis Seoane pertencentes á colección institucional e o traballo dos artistas presentes na mostra.
En palabras dos comisarios, “unha proposta que, no aspecto visual e de montaxe expositivo, investiga os intersticios que se abren entre o puro documentalismo e o environment ou a instalación. Unha montaxe que pon en escena o estatus ambiguo do ‘bosquexo’: camiña cara á obra pero non é obra aínda… ou se cadra xa si”.