Inauguración de «En tránsito». María Galán

O vindeiro venres, 30 de xaneiro, a Fundación Laxeiro inaugura a exposición titulada En tránsito, un proxecto de María Galán (Vigo, 1990) consistente en 120 pinturas que recrean numerosas paisaxes captadas en movemento, durante diversas viaxes que a artista foi realizando ao longo dos últimos anos. María Galán concibe En tránsito como un proxecto en progreso, inacabado, que se irá completando ao longo de viaxes futuras. Un proxecto que, como o título indica, está en pleno tránsito, igual que as paisaxes que capta nas súas obras.

1 (2)

 

– O proxecto –

En tránsito recupera o valor do tempo de desprazamento entre o lugar de orixe e o lugar de destino, esa parte da viaxe que se foi perdendo cos avances técnicos que posibilitaron a aviación civil e o tren de alta velocidade, mediante os que ese tránsito se minimiza, non só temporalmente, senón tamén como experiencia.

Podemos entender En tránsito como unha reivindicación desa parte da viaxe, ese pracer do tempo de desprazamento que vai conformando a propia experiencia do viaxeiro e que, en moitos casos, vai cambiando o propio sentido da viaxe. Abundante é a literatura e o cinema de viaxes que tratan da experiencia do itinerario como metáfora dunha viaxe interior. As manifestacións plásticas desta tradición –sobre todo a partir do romanticismo- adoitan captar a anécdota, en forma de situacións e personaxes exóticos que ilustran as causas dese cambio interior.

María Galán fai o contrario, pinta paisaxes sen figuras, sen personaxes e sen anécdotas, paisaxes baleiras e infinitas, cortadas pola liña do horizonte e acoutadas polos extremos do cadro que funciona como unha fiestra (a fiestra do vehículo). Paisaxes ermas, sen acubillo que a artista capta dende o movemento das súas viaxes en coche ou en tren, convertidas na fixación de lugares nos que nunca se deterá, lugares de paso que quedan gravados na súa memoria, inmortalizados pola cámara fotográfica para logo ser transferidos á linguaxe pictórica, nunha evocación melancólica que os sitúan máis no territorio da imaxinación que da realidade, malia que todas as imaxes están baseadas en paisaxes reais.

3 (3)

Hai neste traballo un proceso de desprazamento que vai da obxectividade da paisaxe existente, documentada fotograficamente, á reinterpretación da imaxe mediante a pintura que adquire unha connotación subxectiva, produto da relación entre cada paisaxe pintada e a vivencia concreta á que cada imaxe remite.

Dende un punto de vista compositivo, tódalas obras que conforman o proxecto teñen certas similitudes que unifican a variedade de motivos recreados nelas, así ademais de estar todas pintadas coa mesma técnica (acrílico e lapis sobre taboleiro de DM) e ter aproximadamente as mesmas medidas, todas están divididas por unha liña horizontal que organiza a imaxe en dúas áreas cromáticas diferentes, segundo a composición básica do xénero paisaxístico da división da imaxe nunha parte superior e outra inferior, é dicir, dividendo a imaxe en ceo e terra. Este esquema tan básico e tan interiorizado na nosa mirada, confire á obra unha certa serenidade, produto da prevalencia da horizontalidade fronte á verticalidade, a partir da que, de forma automática, o espectador tende a interpretar o motivo como unha paisaxe. Mais esa serenidade vese interrompida pola ausencia de personaxes, introducindo así un certo desacougo en cada imaxe, un desacougo que parece ir en aumento, ao mostrar un mundo baleiro no que a soidade parece ser a protagonista definitiva.

En tránsito convértese deste xeito na metáfora dunha maneira de estar no mundo, na obxectivación do sentimento de soidade que define o estado anímico de María Galán, como expresión desa busca continua dunha forma de pintar, dun proceso de aprendizaxe e dunha viaxe interior que non é outra cousa que o proceso de evolución persoal da artista que, entre outras cousas, a leva a viaxar con frecuencia, como parte  do seu desenvolvemento artístico e vital, nun tránsito continuo no que os lugares de partida e chegada parecen carecer de importancia. É deste xeito como o tránsito, o propio desprazamento é en realidade a finalidade mesma da viaxe.

8

– A montaxe –

O proxecto resólvese nunha montaxe na que é moi importante o concepto de secuencia. As obras preséntanse colgadas nas paredes da sala sen solución de continuidade, conformando frisos en cada pano expositivo, nos que se poden ver as distintas imaxes que conforman a exposición, a modo de viñetas ou ventás, conseguindo así unha correspondencia entre a forma de presentar as obras e a temática implícita nas mesmas, que non é outra que a paisaxe recreada dende un punto en movemento.

Configúrase así un espazo homoxéneo, no que o ritmo de observación ven imposto pola disposición das obras en forma de secuencia, obviando outros recursos expositivos máis convencionais como a sucesión de obras e espazos baleiros, ou a concentración de obras en grupos, alternadas por espazos baleiros,  propios da retórica expositiva de obra pictórica.

5

– A artista –

María Galán é unha novísima artista viguesa, licenciada en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, sen apenas experiencia expositiva se exceptuamos a individual realizada en 2014 en Espazo en branco, de Santiago de Compostela, na que xa mostrou parte da obra que agora expón na Fundación Laxeiro, e a súa participación nalgunha exposición colectiva. As súas preocupacións inscríbense dentro da pintura figurativa e a tensión que esta xera entre realidade e ficción. A cuestión da mímese que implica todo exercicio de representación, sexa este plástico, cinematográfico ou literario, e o status de ficción resultante da representación, é a preocupación principal ao redor da que xira todo o seu traballo. Referencias literarias como el mapa y el territorio de Michel Houellebecq ou El hacedor, de Jorge Luis Borges, marcan o seu camiño a seguir na elección temática da súa obra.

11

– INICIO DA PROGRAMACIÓN 2015 –

Con esta exposición, a Fundación Laxeiro inicia a súa oferta expositiva de 2015 e retoma o apoio a artistas emerxentes que durante anos foi un dos sinais de identidade da súa programación. Unha programación que se completará cunha exposición individual de Elena Fernández Prada, un dos referentes dun novo xeito de entender a figuración que, no seu caso, revisita temáticas e códigos da historia da arte. Elena Fernández Prada foi bolseira do MUSAC en 2006 e actualmente é artista da madrileña New Gallery, coa que en 2012 realizou a exposición individual titulada Viaje a Surinam que foi todo un acontecemento no panorama galerístico madrileño e en 2014 realizou a individual titulada Buscando la felicidad, no Centro de arte Tomás y Valiente, de Madrid e participou en exposicións colectivas como Lo real maravilloso, no Museum of Contemporary Art (MOT), de Tokio en Xapón ou Radiador, nova figuración en Galicia,  na Fundación Laxeiro en 2012.

A Fundación Laxeiro tamén programará o proxecto titulado The Flickering Darkness, do videoartista Juan delGado, unha videoinstalación que conta co apoio do British Council e que foi exposta en Bogotá. Juan delGado, é un artista valenciano que actualmente vive e traballa en Londres. O seu proxecto é unha reflexión sobre a problemática da xestión alimentaria na era da globalización. Mostrou o seu traballo en Bogotá, no festival This is not a gateway de Londres, e no Birkbeck Collage de Londres entre outros.

Para completar a oferta expositiva, a Fundación Laxeiro levará a cabo a terceira achega do ciclo que, co título Os novos, cada ano revisa o traballo dun compañeiro de xeración de Laxeiro.

convite

Marta Villar Cruces

Diseñadora Gráfica. Tras estudiar Gráfica Publicitaria en AulaD en Vigo, comenzó este proyecto, al que, con el paso del tiempo, se ha ido uniendo mucha gente. Actualmente compagina su actividad como Autónoma con la dirección de CroaMagazine.

Deja un comentario