Entrevistamos a SOKRAM

Seguro que algunha vez oíchedes falar de “5Talegos” ou “Dios Ke Te Crew” sobretodo se es de Ordes. Pois ben, un dos seus integrantes acaba de sacar o seu primeiro LP titulado “Chuvia Ácida” e quixemos profundizar máis neste traballo. Xa sabedes de quen se trata? Estamos a falar, por suposto, de Sokram, quen estará, por certo, o próximo 18 de abril en Ordes e o 22 de maio en Lugo presentando a súa “Chuvia Ácida”. E nós, entre concerto e concerto, roubámoslle un chisquiño de tempo para que poidades coñecelo un pouco máis.

“Temos que ser libres e temos que poder ser críticos á hora de crear, sen medo a represalias, leis mordazas, prexuízos sociais ou culturais e exercer, defender e esixir os nosos dereitos”

Fotografía: Úrsula Prego

Fotografía: Úrsula Prego

Sokram, despois de ser integrante de “5Talegos” e “Dios Ke Te Crew” chega o teu primeiro LP en solitario titulado “Chuvia ácida”. Que diferencia de estilo encontras entre a túa carreira en solitario e a túa carreira como integrante destes grupos?

Neste disco quixen esplallarme e facer o que me apetecía, que era probar cousas distintas, tanto a nivel de temáticas como no plano musical e penso que ao final quedounos un traballo bastante variado nese sentido. Dentro dunha clave hip hop tentamos embadurnarnos e pintar con cores e técnicas distintas.

Hai temas funk, hai temas máis hardcore, algún con tintes dancehall, outros con máis bass e máis electrónicos… como di o mestre Chuck Norris, pídechas o corpo! Experimentar con distintos rexistros vocais e con estilos e atmósferas dispares porque cada temática ten un sentimento e precisa unha paisaxe distinta. E nesa liña é na que estou traballando cada vez máis, tamén nos directos coa banda que levo, que somos Mou nos aparatos, Santino na guitarra e eu na voz. De feito, estamos compoñendo novos temas, remexendo algúns do disco, experimentando…os tiros van por ahí.

Encántame mesturar electrónica e rap con funk, rock&roll, blues, psicodelia, hardcore.. e estámolo trasladando ao directo levando o bolo cara unha subida de adrenalina.

PORTADA CHUVIA ACIDA SOKRAM

Viaxemos un momento ao pasado, aos inicios de Sokram… Como comezaches no mundo do rap?

Realmente comecei tentando bailar break dance, despois case a un tempo facendo rap e pintando graffiti, digamos, ortodoxo (letras). Cando me din conta de que o break era un baile ou un deporte de alta competición e que eu era demasiado vago e mierdecillas pra ter futuro,  decidín adicarme ás outras dúas opcións.

No 97 foron os primeiros concertos de “5Talegos”, que o formábamos Fredy (aka Croma), Senhorito Sinho Sinhori, Mou, Dj Murdock e máis eu. Tocabamos en garaxes, festas privadas, salas, festivais, sound systems, raves… Despois chegou “Dios ke te Crew” e con el os LPs, os concertos en salas, máis festivais, máis grandes e con máis públicos etc… e ata agora. Eu sempre fixen os meus temas propios e dende os inicios tiven en mente sacar os meus traballos en solitario pero non foi ata agora que me puxen en serio. E por fin neste último ano centrámonos Mou e eu, encerrámonos en Rapapoulo estudio,  démoslle o empuxe final.

Sempre que encendo a radio escoito moito pop e pouco rap. A que crees que é debido?

Habería que preguntarllo aos que teñen a batuta. Dende logo, non é porque non haxa rap de calidade. Básicamente creo que non interesa e ademáis creo que nos teñen miedito e que non queren que as súas fillas se líen con rapers. Esto é o máis importante (risas) o cal, vendo como está o panorama do rap en España actualmente (putas, drogas, pipas e espumeo) tampouco me estraña (sen risas).

Fai pouco, a Xunta pagou 302.500 euros a Universal, a productora do videoclip “De Noche y de Día” de Enrique Iglesias que foi grabado en Galicia. Cantos grupos galegos poderían grabar o seu videoclip con eses cartos?

Facendo unha complexa operación matemática…se lle poñemos a 3000 pavos por video, por exemplo, que con esa pasta xa se pode producir algo decente e con salarios dignos, poderíanse facer 100 videos para 100 grupos distintos. Está claro que o amigo Habichuela da Galiña Azul non cre necesario ésto.  A verdade é que ver a día de hoxe como se rin de nos faime moitísima gracia ao tempo que me dan ganas de destruir, defecar e vomitar. Algo así como unha risa esquizorracional que me sulibella ata un éxtase de indiferencia diferente diferenciada blablablá…

Por outro lado tampouco me sorprenden estas cousas, somos uns fodidos cracks facendo o pailán, véxase o capítulo “Cidade da Cultura de Galicia”… O monas de Enrique Iglesias e o seu video para ghañans que consumen auténtica shit masticada e masticable non lle chega á suela dos zapatos a este monumento cultural ao despilfarro da pasta pública. Unha auténtica gañanada. Premium da era Fraga coa que partirse o ojete dos galegos para a posteridade.. Quítome o sombreiro! Enriquitos a min!!… que dirá Iribarne dende o outro barrio.

“Chuvia Ácida é un proxecto moi reivindicativo onde non te cortas a hora de dicir o que pensas como en “Risas pra as choras” “Vacas” ou “Lobbyshomes”. De entre tódalas noticias que podes ver e escoitar nos medios actualmente…cal é a que máis te indigna? A que máis che revolve o estómago?

Sí, xa que o dis, venme á cabeza que nunha canción digo: “e ainda que non me corto, quédome corto…” Sí,  a verdade non me corto e creo que é unha obriga como cidadán e como artista. Temos que ser libres e temos que poder ser críticos á hora de crear, sen medo a represalias, leis mordazas, prexuízos sociais ou culturais e exercer, defender e esixir os nosos dereitos. Se non “apaga y vámonos”.

Sobre a pregunta, máis ben é como vivir nunha nausea constante non.. Como vivir nun gran vertedeiro no que é moi difícil ulir ben. Ainda que te duches cada 5 minutos a peste pégaseche na roupa e na pel e non hai cristofer que se quite o cheiro fedento á podredume que está por todos lados. É unha pregunta moi difícil! Non sei que respostar pero como digo en “Risas para as choras”, o que fago habitualmente e partirme o cú en ves de sulfurarme demasiado, é unha técnica de autoprotección que estou perfeccionando, porque se me deixo levar pola indignación xa estaría no caldeiro seguramente.

Sen embargo, non todo é música na túa vida. Sabemos que es un artista polifacético e entre as diversas disciplinas que dominas está o graffiti. Sokram, confesa, que foi primeiro, o graffiti ou o rap?

(Risas) Si, bueno, a día de hoxe xa non lle chamaría graffiti ao que fago porque realmente non o é para min, refírome ao graffiti hiphop ortodoxo que lle podríamos chamar, é dicir, poñer letras e escribir o teu nome. Ainda que ás veces cando me da a neura fágoo e pasoo moi ben.

Hoxe en día, o que fago na rúa é outra historia. Tento ir máis alá e dicir máis que “heei Sokram estivo aquí”. Tamén tento facer confluir os distintos coñecementos que fun aprendendo e desenrolando ao longo da miña traxectoria laboral e artistica. Por exemplo, gústame combinar o deseño gráfico, a ilustración vectorial, o debuxo a man alzada,a fotografía… mólame usar varias técnicas e materiais, como a plástica, sprays, stencils, o papel e dependendo do que vaia a facer uso unha técnica ou outra, ou varias á vez. Tamén me encanta xogar co formato da parede, é dicir, gústanme aproveitar a forma do muro ou soporte en cuestión e sacarlle chicha adaptando a idea ao muro, buscando soportes interesantes, encántanme as cousas con volume para pintar.

E xa de paso contéstoche á pregunta! (Risas). Realmente foi todo a un tempo, cando topei co hip hop foi unha explosión en min e facía graffiti e rap a partes iguais. Aínda que o debuxo e despois o graffiti é unha parte intrínseca do ser humano creo, e miña tamen claro. Polo tanto, estivo sempre ahí dende que era un enano. Dende pequeno debuxaba e pintáballe as paredes con ceras a meus país (pobres). De feito, de pequenos todos debuxamos. É cando medramos cando deixamos de debuxar, cando a nosa técnica non acada a representar o que estamos compiando da realidade. Sen embargo cando es un neno súdacha completamente e desfrutas do proceso de facelo, porque é divertido! Ésto é algo que lle pasa a moita xente e  que ilustra moi ben a pouca importancia que se lles da ás materias artísticas nos sistemas educativos.

SOKRAM Malas Linguas 2 DesOrdes 2011

Ademáis, teño entendido que xunto co vinilo e mailo CD a compra tamén inclúe un fanzine coas túas ilustracións, unha por cada tema…

Si, así é. Ainda que en realidade cada imaxe é unha mestura entre deseño, fotografía e ilustracións. Todo feito e remexido por min coa intención de comunicar ou complementar con imaxes o que di cada canción. Que era algo que me apetecía moito facer… O disco é unha edición limitada de 300 copias e estámolo vendendo nun pack especial que inclúe Vinilo 12”, CD, o Fanzine que ten 16 páxinas e o tamaño do vinilo (32 x 32 cm), e un código de descarga do disco en dixital para que o baixes directamente no teu chintófono persoal.. Está todo pensado! Apurade que se acaban!!

Moitos din que as películas dobradas ao galego teñen un toque especial. Consideras que ocurre o mesmo co rap?

Non. A dobraxe é un sinsentido en si mesma. E o rap non é ficción mal dobrada.

Son cousas distintas.

www.sokram.org

Celeste Conde Gómez

Deja un comentario