Disciplina: Teatro.
CatroCadeiras somos unha compañía de teatro de nova creación composta por xente formada na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e na Escuela de Teatro de Mar Navarro y Andrés Hernández de Madrid.
A nosa primeira montaxe -coa que actualmente estamos a xirar por Galicia- é “O Feo”, do autor alemán Marius Von Mayenburg, unha das maiores figuras da dramaturxia alemá contemporánea.
“O Feo” conta a historia de Lette, un home que traballa duro como enxeñeiro e que goza dunha vida apracible e sen sobresaltos… ata que un día descobre unha terrible verdade: é espantosamente feo.
“O Feo” é unha comedia divertida e mordaz, crítica coa nosa sociedade, unha sociedade na que se confunde o “ser” co “parecer”, e na que somos capaces de facer calquera cousa por agradar aos demais. Incluso renunciar ao que somos.
CatroCadeiras buscamos traballar con textos de autores contemporáneos e pretendemos facer propostas que interesen a todo tipo de público; desde xente que vai con frecuencia ao teatro a aqueles que non viron unha obra de teatro na súa vida. E como facemos iso? Apostando por unha linguaxe especificamente teatral; isto é, polo traballo dos actores e polo emprego dos trucos escénicos propios do teatro. Vide vernos se queredes saber a que nos referimos.
Elenco: Machi Salgado, Laura Campos, Manuel Polo, Xoán Abreu.
Espazo escénico: José Faro.
Iluminación: Montse Piñeiro.
Foto e deseño: SrPause Cinescapismo.
Dirección e tradución: Juan Carlos Corredoira.