Ata o 15 de abril de 2016 está aberto o prazo de admisión de longametraxes para participar na edición 01 do Festival Internacional de Cinema de Pontevedra.
Novos Cinemas admite a competición primeiras e segundas obras de autores de calquera nacionalidade. A primeira edición do festival terá lugar do 28 ao 3 de xullo de 2016 en Pontevedra.
No festival, que conta cunha única sección competitiva de ámbito internacional, poderán concursar todas aquelas longametraxes dunha duración superior a 60 minutos, sempre que supoñan a primeira ou segunda obra dos seus realizadores.
Dende a dirección do festival destacan a importancia de achegar ao público ese cinema de calidade que non chega ás salas comerciais en España, polo que un dos principais requisitos para participar é que a longametraxe presentada non fose estreada comercialmente en España nin exhibida en circuítos de televisión públicos ou privados no momento da súa inscrición.
OS PREMIOS E O XURADO
As longametraxes seleccionadas a competición na edición 01 de Novos Cinemas optarán a tres premios: Premio Novos Cinemas, Premio Xurado Novo Screenly e Premio dos Público «Cinemas de Galicia». O Premio Novos Cinemasserá outorgado á mellor longametraxe por un xurado internacional e terá unha dotación económica de 2.000€. No caso do Premio Xurado Novo, o xurado estará composto por un grupo de estudantes universitarios pertencentes ao Campus de Pontevedra. Este premio ten como obxecto axudar á distribución do filme gañador desta categoría incluíndoo no catálogo da plataforma de proxeccións baixo demanda Screenly. Por último, mediante a participación dos espectadores e as súas votacións, entregarase o Premio do Público en colaboración con AGADIC, que ten como fin axudar á distribución do filme gañador desta categoría incluíndoo na rede salgas públicas para a exhibición cinematográfica «Cinemas de Galicia».
Novos Cinemas volverá encher as rúas de Pontevedra de cinema a finais de xuño. A edición 01 contará con máis talleres e seminarios con autores de prestixio, proxeccións de películas, coloquios e mesas redondas con directores e directoras e actividades para os máis pequenos, entre outras ofertas.
Os interesados poden inscribir as súas obras ou consultar as bases na web do festival, www.novoscinemas.com.
Un comentario