Disciplina: Arte plástico.
Preocúpame a quietude. A pretensión de durabilidade. É por isto que gosto de falar sobre o letargo humano coma dun estado perverso. Que en realidade non é estado, senón tránsición.
Ponte, fiestra, porta, soleira ou limen. Limbo tamén.
Todo rito de paso constitúe tres estadios. O un, o dous e o tres. coma nun conto clásico, onde o nó é o nexo de unión imprescindible entre a presentación da historia e o desenlace. A diferenza é que o “nó” deste rito é un espazo sen verbas. Innomeable. Onde o individuo perde o seu ser, xa que só é estando e non sendo.
Un verme da seda é un verme, e unha bolboreta é bolboreta. Mais no centro da metamorfose non é. Tan só existe o limiar. Ese lugar onde o tempo semella non decorrer, onde inutilmente tentamos nos ancorar.
O desexo de perdurar é como languidecer. É agardar ata converterse en pó. Pretender subsistir sen abandonar o sosego, permanecendo neste non-lugar, estabiliza cara a ambigüidade, cara a perda da condición natural do devir.
É así que, dende as pretensións de eternidade, enténdese como noxento e aterrador todo o que é cambiante. Todo o que é vital. Toda parte que se desprende do todo. Todo fluído que escorrega no corpo ou dende o corpo. Toda descomposición.
O continxente aterra, pero o realmente perverso é a súa negación. O realmente perverso é o intento destructor da propia condición efímera. Da futilidade ou insignificancia. A maior depravación é a erección dunha caixa conservadora na que o mundo é envasado ao baleiro.
O seu único destino é afogar.
Visita CROA14 aquí