XI Premio de Creación Audiovisual Universidade de Vigo
A Vicerreitoría de Extensión Universitaria convoca o XI Premio de creación audiovisual Universidade de Vigo de acordo coas seguintes bases:
1. Poderá participar calquera membro da comunidade universitaria (PDI, estudantes e PAS).
2. Poderase presentar calquera traballo amateur e orixinal non galardoado en ningún outro concurso.
3. O tema será libre e haberá cinco modalidades: Curta narrativa, documental, vídeo experimental, animación e vídeo publicitario (sen facer referencia a ningunha marca comercial rexistrada). Para presentarse a esta última modalidade é necesario aportar un dossier que conteña briefing, estratexia e obxectivos do proxecto. O material audiovisual contido na obra debe ser de produción propia ou, no seu defecto, compre citar as fontes das imaxes alleas que se inclúan así como o estado dos dereitos de utilización delas.
4. Os traballos deberán presentarse en DVD de vídeo. A duración non excederá de 15 minutos.
5. Cada participante ou grupo de traballo poderán presentar un máximo de dúas obras por cada unha das modalidades.
6. Os traballos levarán ben visible un título, a duración e a modalidade na que participan, e irán acompañados dun sobre pechado no que figure no exterior o mesmo título, modalidade e duración. No seu interior debe figurar o nome ou nomes dos autores, a fotocopia dos DNI, teléfonos de contacto e documentos acreditativos da súa pertenza á comunidade universitaria.
7. Establécense os seguintes premios:
o 900 euros para o mellor traballo de cada modalidade.
8. A estas cantidades aplicaráselle a retención fiscal legalmente establecida.
9. O Xurado será designado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria e estará composto por membros da comunidade universitaria e profesionais de prestixio na materia do concurso.
10. O fallo publicitarase adecuadamente e a entrega de premios terá lugar no presente ano 2013.
11. A decisión do xurado será inapelable. Os premios poden quedar desertos se o xurado así o determina.
12. A totalidade dos traballos presentados ou ben unha selección deles poderán ser utilizados para facer unha ou varias exhibicións no ámbito da Universidade de Vigo. A propiedade dos traballos premiados pasará a ser da Universidade de Vigo, reservándose o dereito a editar un DVD que conteña estas obras. Non obstante, os autores poderán facer uso delas mencionando o premio obtido.
X Certame de Fotografía Universidade de Vigo
A Vicerreitoría de Extensión Universitaria convoca o X Certame de fotografía Universidade de Vigo. As bases deste certame son as seguintes:
1. Poderá presentarse calquera membro da comunidade universitaria (PDI, estudantes e PAS) que non fose premiado en edicións anteriores desta mesma convocatoria.
2. O tema será libre e haberá dúas modalidades: Serie e fotografía única. No caso de presentarse unha mesma obra nas dúas modalidades deberá presentarse unha copia en cada unha. As series serán de tres, catro ou cinco fotografías.
3. Poderán presentarse traballos en branco e negro ou a cor. O tamaño será libre non podendo ser inferior a 20 centimetros en calquera das suas dimensións e deberán estar montadas sobre cartón-pluma.
4. Cada fotografía levará escrita no seu reverso un título identificativo e deberá ir acompañada dun sobre que conteña a fotocopia do DNI, teléfono de contacto e documento acreditativo da pertenza á comunidade universitaria do participante, negativos das fotografías ou, no seu caso, copia do arquivo dixital en máxima calidade para as posibles publicacións que se poidan realizar, e co mesmo título no exterior.
5. Un xurado designado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria composto por fotógrafos e membros da comunidade universitaria concederá os seguintes premios que se entregarán no presente ano 2013:
o Serie: Un premio de 900 euros.
o Fotografía única: Un premio de 600 euros.
6. A estes premios faráselle a retención fiscal oportuna. Os premios da serie e da fotografía única non poderán recaer na mesma persoa.
7. A decisión do xurado será inapelable. O xurado resérvase o dereito de declarar desertos algún ou a totalidade dos premios.
8. As fotografías selecionadas para o concurso pasarán a ser propiedade da Universidade de Vigo, reservándose ésta o dereito a editalas en calquera das súas publicacións, así como a expoñelas nalgunha mostra en calquera dos tres campus, facendo sempre mención ao nome do seu autor/a.
XI Premio de Pintura Universidade de Vigo
A Vicerreitoría de Extensión Universitaria convoca o XI Premio de pintura Universidade de Vigo de acordo coas seguintes bases:
1. Poderá participar calquera membro da comunidade universitaria que non fose premiado en edicións anteriores desta mesma convocatoria.
2. A técnica utilizada será libre e o tamaño das obras non excederá de 150 cm. na maior das súas dimensións.
3. Cada participante poderá presentar unha única obra orixinal que non fose galardoada en ningún outro concurso.
4. Os traballos levarán ao dorso o título e irán acompañados dun sobre pechado co mesmo título no exterior e os datos identificativos no interior: Nome completo, enderezo, teléfono de contacto, fotocopia do DNI e a acreditación de membro da comunidade universitaria de cada participante.
5. Establécese un premio de 1.500 euros para a mellor obra. A esta cantidade aplicaráselle a retención fiscal legalmente establecida.
6. O xurado será designado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria e estará composto por membros da comunidade universitaria e profesionais de recoñecido prestixio no ámbito das artes.
7. O fallo do xurado publicitarase adecuadamente e a entrega de premios terá lugar no presente ano 2013.
8. A decisión do xurado será inapelable. O premio pode quedar deserto se o xurado así o establece.
9. Unha selección dos traballos poderá ser utilizada para facer unha ou varias exposicións no ámbito da Universidade de Vigo.
10. As obras premiadas serán propiedade da Universidade de Vigo e formarán parte dos seus fondos pictóricos
XI Premio de Maquetas de Música Universidade de Vigo
A Vicerreitoría de Extensión Universitaria convoca o XI Premio de maquetas de música Universidade de Vigo de acordo coas seguintes bases:
1. Poderán presentarse aqueles solistas que sexan membros da comunidade universitaria ou aqueles grupos que teñan entre os seus compoñentes alomenos dous membros da devandita comunidade. Non poderán tomar parte neste concurso os que teñan editado algún traballo discográfico, agás que sexa autoeditado e non conten con respaldo discográfico na actualidade.
2. As maquetas deberanse entregar en soporte CD con calidade aceptable e contarán cun mínimo de tres temas orixinais.
3. Os temas incluídos na maqueta non poden ter sido premiados en ningún outro concurso.
4. Cada maqueta levará un título. Ademais irá acompañada dun sobre co mesmo título, duración e modalidade no exterior, e co nome do grupo, os datos de cada un dos seus membros (nome completo, DNI, enderezo, teléfono de contacto e acreditación de membros da comunidade universitaria) no interior.
5. Haberá un único premio dotado con 1.200 euros. A esta cantidade aplicaráselle a retención legalmente establecida.
6. O xurado será designado pola Vicerreitoría de Extensión Universitaria e estará composto por membros da comunidade universitaria e persoas vinculadas á materia do concurso.
7. A decisión do xurado será inapelable. O premio pode quedar deserto se o xurado así o establece.
8. O fallo do xurado publicitarase adecuadamente e a entrega de premios terá lugar no presente ano 2013, podendo quedar deserto.
9. A Universidade de Vigo resérvase a posibilidade de editar un CD ou DVD con temas dos gañadores en cada modalidade ou promover actuacións destes nos tres campus.
Prazo
O prazo de presentación de traballos remata o 21 de xuño de 2013.
Lugares de recepción das obras
Rexistro do campus universitario de Vigo – Edificio Xerencia e Servizos Centrais – Campus de vigo
Rexistro Vigo – Edificio anexo á Escola de Enxeñaría Industrial – Rúa Torrecedeira, 86 – Vigo
Rexistro Ourense – Edificio Administrativo – Campus universitario As Lagoas – 32004 Ourense
Rexistro Pontevedra – Escola de Enxeñaría Forestal – Campus universitario A Xunqueira – Pontevedra
Os traballos non premiados poderán ser retirados ata o 31 de decembro de 2013 na Vicerreitoría de Extensión Universitaria. Aqueles que non fosen recollidos neste prazo quedarán á disposición da Universidade de Vigo e non haberá posibilidade de reclamación.
A participación na presente convocatoria supón a aceptación das bases, que poderán ser interpretadas polo xurado e a Vicerreitoría de Extensión Universitaria naqueles aspectos non previstos nas mesmas.