por Aldo Dagraza
Repaso pola historia do cinema galego (e o cinema en galego)
Con guión, logo transformado en novela, de Manuel Rivas, a última longametraxe de José Luis Cuerda, rodada en Galicia ao igual que a anterior (“Los girasoles ciegos”), foi grabada na Costa da Morte a finais do ano pasado e se atopa xa en fase de posproducción. “Todo é silencio”, protagonizada por Miguel Ángel Silvestre, Quim Gutiérrez e a viguesa Celia Freijeiro, é unha historia de amor a tres bandas, un canto aos ventos mareiros, que previsíbelmente estará nos cinemas despois do verán.
Pero podería dicirse que todo esto comezou a cuallar, tamén na Costa da Morte, cando aquel xuíz de nome Andrés Fernández, escapando da ateigada vida das grandes cidades, decidiu trocar de aires e exercer a súa profesión nunha pequena vila costeira. Corría o ano 1998, e detrás dos percebeiros, das gamelas, dos contrabandistas, dos veciños de Portozás e mesmo daquel rapaz que era Luis Tosar dándolle vida a Fernández, estaba unha idea de Antón Reixa.
Este especialista en moverse por areas movedizas, como recentemente amosou meténdose no corazón da SGAE, foi o que lle regalou a batería a Julián Hernández para o grupo “Maricruz Soriano y los que afinan el piano”, que logo dun accidente no Berbés tornaría na lexendaria “Siniestro Total”. Formou “Os Resentidos” pouco máis tarde, e nunha tarde de resaca no que os anteollos de sol facíanse imprescindíbeis, compuxo todo un himno á retranca como é “Fai un sol de carallo… Galicia Caníbal”. Publicou unha novela e un feixe de poemarios, e logo levou á gran pantalla unha obra mestra da literatura galega como é “O lápis do carpinteiro” (tamén de Rivas), de novo cun enorme Luis Tosar. Así que “Mareas Vivas” non foi máis que outra estación no camiño.
Máis para o audiovisual galego (e sobre todo o audiovisual en galego) colle especial importancia esta serie, logo exportada a outras canles autonómicas e cun dos máis longos palmarés do audiovisual da terra. “Sempre Xonxa”, “Urxa” e “Continental”, tres películas rodadas a finais dos oitenta e que ostentan a honra de seren as primeiras rodadas na lingua dos rumorosos, tamén teñen a dubidosa honra de seren as únicas até a chegada de “Mareas Vivas”. Se ben é certo que “M.V.” non é cinema, sí foi un escaparate, unha lanzadeira para este.
Desde o multipremiado e recoñecido Luis Tosar até outro Luis, Zahera, o que daba vida a un inesquecíbel Petróleo; pasando por María Castro, Carlos Blanco, Tamara Canosa, Miguel de Lira ou incluso o novo sex simbol Martiño Rivas. Todos eles saídos da canteira de Portozás.
As series galegas mantiveron o listón con produccións como “Pratos Combinados”, “Padre Casares” ou “Matalobos”. Exportadas a outras canles, até con remakes, e premiadas en múltiples ocasións, seguen a sacar talentos. Galicia, terra de emigrantes. Porque o que é o cinema en galego, non despegou: a penas dous títulos, “Pradolongo” e “Vilamor”, os dous de Ignacio Vilar, puxeron o galego na pantalla grande desde entón, máis con discretos resultados.
Se ben é certo que o teatro Koddak de Los Angeles vería no 2004 unha coproducción galega, mesmo con diálogos na nosa lingua, recollendo o Óscar á Mellor Película de fala non-inglesa. “Mar adentro” contou cun inmenso Javier Bardem con acento de Boiro, e uns actores secundarios, a meirande parte galegos (Mabel Rivera, Tamar Novas, Celso Bugallo…), que bordaban o drama de Ramón Sampedro e o seu entorno baixo a dirección de Amenábar.
Pero xa dous anos antes o premio máis preciado do cinema internacional se quedara a un paso de vir á terra, coa obra mestra de Fernando León “Los lunes al sol”. Desta volta non eran os galegos os que emigraban para buscar traballo, se non o traballo o que liscaba buscando traballadores máis económicos. O director madrileño foi un visionario nun momento no que todos vivíamos felices dentro dunha burbulla que terminou por estoupar, deixando a millóns de persoas pasando luns ao sol.
Coa Ría de Vigo como telón de fondo, trátase dunha historia de desamparo, de miseria, pero tamén de amizade, de valores e de esperanza. Estes traballadores do Naval que quedaban no paro a unha idade difícil para retomar a vida laboral, teñen momentos inesquecíbeis, coma as conversas nas rochas de Bouzas soñando con ir a Australia, o conto da cigarra e a formiga en versión remasterizada ou a farola de oito mil pesetas que foi ben amortizada por Santa (de novo, un inmenso Bardem), aderezados cunha preciosa banda sonora de Lucio Godoy. O redondelán Miguel Ángel Egido levou ese ano o Goya ao Mellor Actor Revelación, e Luis Tosar conseguiría o primeiro dos seus tres premios da Academia.
Por outro lado, en 2003 saltaba ás pantallas a versión cinematográfica de “Trece badaladas”, a obra de Suso de Toro, dirixida por Xavier Villaverde e tamén con Luis Tosar nun papel protagonista. Un ano despois aparecía nos cinemas españois unha comedia xuvenil con marcado acento galego: “O ano da carracha”, de Jorge Coira e cun fantástico Javier Veiga facendo de vividor, rodada en Lugo e producida por Filma Nova, unha das máis representativas produtoras galegas. Outra película do lucense, “18 comidas”, desta volta localizada en Santiago, saltou ás pantallas o ano pasado con moi boa crítica e unha innovadora técnica baseada nas improvisacións dos actores. Tamén o ano pasado veu ao mundo “Crebinsky”, protagonizada por Miguel de Lira e dirixida por Enrique Otero; unha aposta arriscada nun panorama no que só triunfa o comercial. O resultado paga a pena.
Tamén hai un feixe de produccións a punto de comezar e outros a punto de saír do forno. No primeiro número de Croa entrevistabamos a Domingo Villar, e contábanos como o proxecto d’ “A praia dos afogados” está a buscar actores para darlle vida ao inspector Leo Caldas e o seu malhumorado axudante Estévez. “O noso problema non é de materia prima”, nos dicía Villar, e razón non lle falta. Se hai medios e capital, veremos pronto aos nosos particulares Holmes e Watson resolver crimes polas Rías Baixas na pantalla grande. Asemade, ven de estrearse nos cinemas “Lobos de Arga”, unha película de terror/comedia (só de Galicia podería saír un híbrido tal) sobre lobishomes nunha pequena vila do Camiño de Santiago. Producida por Vaca Films, dirixida polo madrileño Juan Martínez Moreno e protagonizada por Gorka Otxoa e Carlos Areces, conta cuns secundarios de luxo (Manquiña, Zahera, Rivera…) e foi rodada entre Compostela e Vedra. Un gran éxito tanto de crítica coma de público.
E nestes intres, El Terrat coproduce xunto a Vaca Films na Coruña o filme “Somos gente honrada”, do debutante vigués Alejandro Marzoa (que xa gañara un feixe de premios pola curtametraxe “Temporada 92-93”, no que unha Quiniela mete en apuros a un par de celtistas). Boa pinta ten esta aventura de dous amigos cincuentóns que un día pescando atopan un fardo de cocaína, no que pode residir un respiro económico para as súas familias… Máis tamén un feixe de problemas.
Precisamente da coruñesa Vaca Films é tamén “Celda 211”, a laureada longametraxe de Daniel Monzón, cun Malamadre (Tosar) que perdurará na memoria colectiva moitos anos. Tamén nesta película ten un pequeno pero moi cómico papel Luis Zahera, que a falta de traballo na pantalla grande ven de presentar unha serie online, “Entrepipas”; un formato económico no que se poden atopar solucións para aproveitar eses medios, que habelos, hainos; e sen tantos problemas de presuposto.
Así como temos unha literatura dun nivel extraordinario, o cinema en galego é prácticamente inexistente; o cinema galego está a despegar máis trátase dunha conxunto espallado, de feito podería dicirse que non hai industria como tal, senon un bó número de produtoras que intentar tirar do carro, buscando axuda fóra. Un espello no que mirarse é a industria cinematográfica de Catalunya, que ven de refrendar un longo traballo de anos co indudábel éxito de “Pà Negre”, deixando claro que non é imposíbel triunfar nas grandes pantallas cunha película nun idioma que non sexa o castelán.
Pero non precisamos irnos á outra costa da Península para atopar éxito; o cinema galego de animación atópase na vangarda europea e leva unha colección importante de recoñecementos, tanto de público como de crítica, na derradeira década. Sen ir máis lonxe, este ano a longametraxe “Arrugas”, da produtora galega Perro Verde Films, levou os goyas a Mellor Película de Animación e Mellor Guión Adaptado. Precisamente o guionista coruñés Ángel de la Cruz recolleu o seu terceiro cabezón (igualando a Tosar), por riba das nominacións de Almodóvar e Icíar Bollaín, sendo a primeira de animación que leva este premio; e por outro lado a curtametraxe “Birdboy”, do debuxante tamén coruñés Alberto Vázquez Rico, levou o premio da Academia á Mellor Curtametraxe Animada. Nesta edición houbo polémica pola sorprendente retirada da cinta “O mago dubidoso” da carreira polo premio, por motivos pouco esclarecidos pola Academia. Estes éxitos veñen de refrendar un exitoso comezo de século para a animación galega, un camiño que comezara “O bosque animado” en 2002, e que continuou con “O soño dunha noite de San Xoan” (2006), sen esquecer os cinco goyas que leva xa Filmax desde entón.
E se falamos de éxito, non pode quedar no tinteiro o Festival de Cans. Con oito edicións celebradas, este glamouroso certamen no que os actores chegan á alfombra vermella en chimpín consolidouse no panorama estatal, sendo hoxe en día un dos máis interesantes concursos para curtametraxes. Precisamente os cortos son un campo moi prolífico por aquí. A semente de Portozás segue a dar froitos.
E precisamente, en tempos nos que parece que o cinema galego empeza a carburar, nun tempo no que o cinema en sí non está moi alá, disque pola crise, a RAG ven de anunciar que o Día das Letras Galegas de 2013 estará adicado a un actor. O santiagués Roberto Vidal Bolaño, a parte de seren un dos dramaturgos máis importantes da terra, era actor e director teatral. Incluso durante unha tempada foi un temíbel avogado en “Mareas Vivas”, na segunda tempada, pouco antes de falecer, hai nove anos (cumplirá có requisito de teren dez anos falecido para o recoñecemento por escasos meses). Parece que en tempos de crise para o cinema, en Galicia non todo é silencio.