LAV016 · Obradoiros en formación audiovisual

O LAV016 abre o prazo de inscrición para os seus obradoiros en formación audiovisual

 

  • A fin de semana do 13 e 14 de febreiro de 2016 desenvolveranse os 8 cursos para afeccionados e profesionais, con 14 horas de duración e un prezo de matrícula de 50 €
  • A inscrición no Laboratorio Audiovisual de Vedra está aberta ata o 1 de febreiro a través da web senunpeso.org, con prezos bonificados para estudantes da Universidade de Vigo e asociacións do concello de Vedra
  • As xornadas buscan a formación en diferentes aspectos da linguaxe audiovisual: realización de videoclips, dirección actoral, creación en tempo real, sonorización de eventos, interpretación para televisión, escritura de longametraxes…
  • A formación estará a cargo de recoñecidos profesionais como Mariana Carballal, Alfonso Zarauza e Jaione Camborda, Xoan Escudero, Jorge Coira, Xacobo Castro…

obradoiro_creacion_audiovisual_en_directo

O LAV016, Laboratorio Audiovisual de Vedra, chegará en febreiro de 2016 á súa novena edición, procurando de novo ofrecer a afeccionados e profesionais a oportunidade de adquirir novos coñecementos no eido audiovisual. Os obradoiros do LAV016 celebraranse no CPI de Vedra na fin de semana do 13 e 14 de febreiro de 2016. Serán en total 11 cursos, 3 deles obradoiros de balde dirixidos a rapaces e rapazas menores de idade.

A Asociación Senunpeso abriu xa o prazo para inscribirse nos 8 cursos dirixidos a afeccionados e profesionais. A inscrición nos 3 cursos para xente nova abrirase á volta das vacacións de Nadal. O programa das xornadas combina as materias máis diversas relacionadas coa linguaxe audiovisual. A través de cursos con contido teórico e práctico, búscase que os participantes gañen autonomía creativa e expresiva.

Esta é a relación de cursos do LAV016 para os que se abre agora a matrícula.:

 

Prazas bonificadas

Todos os cursos teñen unha duración de 14 horas repartidas entre o sábado 13 e o domingo 14 de febreiro. Hai 15 prazas dispoñibles en cada curso, cun prezo de 50 € para cada participante,. A matrícula formalízase online antes do 1 de febreiro a través da páxina web da asociación: www.senunpeso.org.

Este ano o LAV contará con prazas bonificadas ao 50% do prezo da matrícula: oito prazas para estudantes da Universidade de Vigo e oito para representantes asociacións do concello de Vedra, grazas aos convenios asinados con estas dúas entidades. As prazas non están reservadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición, polo que as persoas interesadas deben matricularse o antes posible. As condicións poden consultarse na web de Senunpeso.

O LAV afronta a súa novena edición como un referente na formación audiovisual non regrada en Galicia. O obxectivo é un ano máis fomentar a creatividade entre afeccionados e profesionais e promover o uso social das ferramentas audiovisuais. Polo LAV pasaron desde 2008 máis de 1.300 afeccionados e profesionais. Na Asociación Senunpeso entendemos o audiovisual coma un traballo ou unha afección colaborativa, onde todas as partes son importantes. Aproveitando e compartindo os coñecementos, a creatividade e os materiais pódense facer grandes creacións sen necesidade de contar con grandes orzamentos.

Lav016_cartel

Unhas liñas sobre os cursos desta edición

 

REALIZACIÓN DE VIDEOCLIPS, con Mar Catarina e Rubén Domínguez

Catarina e Domínguez son dous creadores novos con estilos moi marcados. Polas súas mans e as do seu proxecto en común Prenom pasaron algúns dos videoclips máis interesantes feitos en Galicia nos últimos anos para bandas como Ataque Escampe, Mullet, Sr. Anido, Unicornibot, Chicharrón, Novedades Carminha, Wild Balbina, Chicharrón, Franc3s…

 

INTERPRETACIÓN PARA TELEVISIÓN, con Mariana Carballal

Un obradoiro no que atopar ferramentas que fagan posible dun xeito satisfactorio o proceso de creación interpretativa en televisión. Analizaranse as similitudes e diferenzas con outros espazos de expresión, abordarase a construción da personaxe e afondarase nas características do medio audiovisual e en particular da televisión. Encárgase de impartilo a actriz e directora Mariana Carballal, profesora de Interpretación da ESAD de Galicia e de Dirección de actores na facultade de Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo.

 

DIRECCIÓN DE ACTORES E ACTRICES, con Jorge Coira

Jorge Coira é un habitual do LAV, ao que este ano convidamos a trasladar os seus coñecementos sobre dirección actoral. Coira é director, guionista e montador, responsable das longametraxes 18 comidas e O ano da carracha e de moitas curtas e series de televisión. Acaba de ser nominado ao premio Goya á mellor montaxe polo seu traballo en El desconocido, de Dani de La Torre.

 

ESCRITURA DE GUIÓN DE LONGAMETRAXE, con Alfonso Zarauza e Jaione Camborda

Este obradoiro terá dúas partes e dous profesores: na primeira, Alfonso Zarauza (director e guionista de Os fenómenos, Encallados ou A noite que deixou de chover) abordará os principios básicos da escritura tradicional de guión de longametraxe (sustancia, estrutura e estilo). Na segunda, Jaione Camborda (guionista de Os fenómenos e directora de varias pezas experimentais) afondará no poder evocador da imaxe fílmica e a súa capacidade de narrar sen caer na narrativa literaria tradicional.

 

CREACIÓN AUDIOVISUAL EN TEMPO REAL, con Oswaldo García

Neste curso mostraranse as propostas de diferentes colectivos e creadores no eido da creación audiovisual en tempo real. Entrarase en contacto coa tecnoloxía asociada ao live cinema, especialmente a ferramenta Resolume Arena. Traballarase con fontes de vídeo externas, controladores MIDI e outros dispositivos para crear interactividade. O curso concluirá co desenvolvemento dun proxecto audiovisual en tempo real. De impartilo encargarase Oswaldo García, doutor en Comunicación Audiovisual, profesor da Universidade de Vigo e realizador con máis de dez anos de experiencia no sector audiovisual, incluíndo a realización de videoinstalacións e a construción de espazos visuais e sonoros para artistas plásticos e espectáculos escénicos.

 

SONORIZACIÓN DE EVENTOS, con Xacobo Castro

Neste curso o alumnado familiarizarase coas funcións do técnico de son en concertos, obras de teatro, conferencias, programas de radio… Falarase das partes e o funcionamento da mesa de son, tipos de cables, fontes de son, microfonía, procesado de sinal e monitoraxe en concertos; todo isto apoiado con exemplos prácticos. Imparte Xacobo Castro, con máis de once anos de experiencia como técnico de son e iluminación, que traballa con multitude de compañías escénicas, empresas de son e iluminación de espectáculos e en televisión.

 

O SON DO LOW COST AO CINEMATOGRÁFICO, con Xoan Escudero

A idea deste curso é poder proporcionarlle ao alumno as ferramentas básicas para poder encargarse do audio dunha produción audiovisual. Realizaranse escoitas activas para diferenciar os elementos sonoros, explicarase como se capta o son e os aparellos que entran en xogo dependendo do formato e o orzamento e exporase o organigrama dun equipo de son e a cadea de traballo. Todo isto apoiarase con supostos prácticos. Encárgase do curso Xoan Escudero, que traballa como freelance no eido do son para moitas das produtoras galegas. É responsable de son de diversas producións así como director e guionista.

 

KUNG FU FOTOGRÁFICO, con Paco Rocha

Neste obradoiro analizaranse solucións creativas e baratas para a fotografía audiovisual e mediante a práctica veranse os diferentes efectos que se poden lograr empregando os medios máis comúns. Exporase como unha boa análise do proxecto, a selección coidada das localizacións ou o aproveitamento dos recursos que están preto de nós poden achegar á fotografía características propias de producións máis complexas. O curso componse de tres bloques prácticos. O mestre será Paco Rocha, un dos freelance galegos máis recoñecidos nas áreas de fotografía profesional, dirección de fotografía e formación.

 

 

Máis información en: www.senunpeso.org

facebook.com/Senunpeso

twitter.com/Senunpeso_AC

Marta Villar Cruces

Diseñadora Gráfica. Tras estudiar Gráfica Publicitaria en AulaD en Vigo, comenzó este proyecto, al que, con el paso del tiempo, se ha ido uniendo mucha gente. Actualmente compagina su actividad como Autónoma con la dirección de CroaMagazine.

Deja un comentario