O sábado 22 de xuño, ás 10:30 h, no Centro Cultural Novacaixagalicia en Santiago (rúa do Vilar 19, 15705 Santiago de Compostela) os ilustradores estamos convidados a asistir ao primeiro Debate sobre o Estado da Ilustración, que organiza a AGPI nun panorama especialmente complexo e cambiante para a profesión.
Dirixirá o faladoiro Manel Cráneo, e varios convidados achegarán a súa experiencia en distintos ámbitos. Contarase, así, coa voz de autores experimentados e tamén dos que comenzan a súa andaina: Marina Seoane, David Pintor, José Domingo eYago García.
A intención é que entre convidados e público se faga unha análise da situación da profesión dentro do contexto da crise económica, e se trate de definir estratexias para combater a crise que golpea o sector.
Manel Cráneo abrirá o debate falando da poblemática do sector na actualidade, facendo un balance dos avances conseguidos polos profesionais da ilustración nos últimos quince anos e dos beneficios e consecuencias disto; fará fincapé no valor económico da ilustración e nas boas prácticas profesionais. Marina Seoanereflexionará sobre se se pode vivir exclusivamente do mercado da ilustración infantil, e sobre a evolución de dito mercado e a situación actual. José Domingorepasará a situación do mercado da BD na actualidade, nos ámbitos estatal e internacional, e tratará de facer un prognóstico de futuro. Yago García, pola súa parte, falará da integración das novas xeracións de autores no mercado laboral, e das consecuencias e beneficios de ser un autor novel. David Pintor, da promoción dos ilustradores no mercado exterior como alternativa ao mercado estatal, e comentará algúns consellos e pautas para «emigrar intelectualmente». Finalmente, abrirase a debate o exposto e establecerase un foro aberto para a procura de solucións de cara a superar a crise económica no sector da ilustración.
A actividade, de entrada libre e gratuíta para todo o público interesado, durará ata o final da mañá.
Henrique Torreiro