Entrevistamos a Antón Lopo

Chan da Pólvora é unha nova editora especializada en poesía que comeza a dar os seus primeiros pasos. Nos quixemos falar cun dos seus fundadores, Antón Lopo, para que nos de máis pistas sobre o que andan a tramar nestes intres e tamén sobre o que nos poderemos atopar entre os seus recunchos.

13244160_246287159072475_5379452171131076910_o

Antes de nada, de onde surxe a idea de crear unha editora especializada en poesía?

Crear unha editora de poesía nestes momentos era, case, unha urxencia. O presente volveuse imponderable e, ao mesmo tempo, previsible: nada escapa á realidade pero, ao mesmo tempo, estamos deixando de ser reais. Iso non significa que podamos voar: simplemente implica que perdemos corpo. Só a metaplásmica da poesía pode devolvernos o pensamento espontáneo.

Que é o que ten a poesía para conseguir metervos de cheo neste proxecto?

A poesía ten a capacidade de estar en cambio permanente sen que iso a modifique. É, en certo modo, un uróboro: semella que se extingue pero, en realidade, non hai extinción: só indicios de se rexenera.

Cales foron as principais barreiras que tivestes que superar na creación de Chan de Pólvora?

As barreiras están fóra e dentro. Fóra, hai un ateigamento burocrático que pode resultar abafante e hai forzas esmagantes que combaten con violencia as propostas distintas, coma a nosa, propostas que buscar novas formas de xestionar a cultura e de producir traballo. O importante é ir ao outro lado: respirar tranquilamente, aínda que bordees o abismo. Nós tivémonos que partir das profundidades da nosa ignorancia, e iso supón un esforzo considerable. O coñecemento doe pero cómpre aprender a revertelo. Ao final, logramos construír un espazo común que é, de xeito indisoluble, o espazo de cada un. Ese é un gran triunfo colectivo.

Hai pouco sacastes a luz as vosas primeiras obras: A Oseira, a ópera prima de Antón Blanco e Urania, un poemario de Chus Pato, no que celebra os 25 anos da súa traxectoria. Cal foi a aceptación por parte do público?

Aínda é cedo para facer balance pero, tal vez, resulta indicativo que A Oseira de Antón Blanco estea a punto de esgotar a súa primeira edición. Tamén debemos ter en conta que partimos de tiraxes pequenas pero vender trescentos exemplares do primeiro libro dun autor de vinte anos en só dúas semanas é un acontecemento editorial. Se a isto engadimos que o primeiro título da colección Rabo de Egua, titulado Querido Eduardo,  que reúne as cartas de Suárez Picallo a Blanco Amor, acarexa xa unha terceira edición, debemos recoñecer que os primeiros pasos do noso proxecto son moi satisfactorios. Non é o mérito de ninguén en concreto: é mérito de todos nós e ese nós inclúe os lectores, os subscritores da editorial, os visitantes da librería e a vós, os periodistas, que nos axudades a transmitir as nosas ideas.

Que outros títulos tedes en mente publicar? Podes adiantar algo?

Queremos abrir varias liñas de indagación e, sen dúbida, unha das principais será analizar temas referentes a partir de antoloxías temáticas ou de autores e autoras… Nesa dinámica, publicaremos nos próximos meses unha panorámica sobre poetas que son realmente novos: mulleres e homes que non sobrepasan os trinta e tres anos. Será, segundo as previsións, o primeiro froito dunha colaboración estable para coeditar con Papeles Mínimos en galego e castelán simultaneamente.

Ademáis desta editora, tedes tamén unha librería e un espazo de creación… Fálanos delas!

A librería é a visibilización da diversidade das nosas propostas. Está dirixida por Alicia Fernández e Eduard Velasco co obxectivo de converterse nun referente para os afeccionados do país. Nesa librería, existe un Espazo de Creación que, a partir de setembro, dirixirá un dos teóricos e pensadores galegos da arte contemporánea máis importantes, Juan de Nieves, cun proxecto concibido especialmente para esa parede. E na librería, tamén opera Gonzalo Hermo, xestor e ideólogo dun novidoso selo de poesía en acción. Compostela precisaba un espazo como esa librería, situada no corazón do barrio de San Pedro.

Que poetas recomendarías ler sen pensar?

Para min, nestes momentos, é fácil: Antón Blanco, Chus Pato, Fran Cortegoso ou Lara Dopazo…

Como cres que está actualmente a saúde da poesía en Galicia?

Estupenda, como sempre. Neste momento conviven múltiples xeracións e poéticas complementarias, desde Gonzalo Hermo a María do Cebreiro, de Anxo Angueira a Manuel Forcadela, de Yolanda Castaño a Xabier Cordal, de Ismael Ramos a Eva Veiga, de Olga Novo a Emilio Araúxo, de Ferrín a Pilar Pallarés… Se reflexionas sobre ese universo, sobre a súa dimensión e complexidade, comprendes o asombro que a poesía galega provoca no exterior, e aí están, por exemplo, Chus Pato ou Lupe Gómez, ambas elevadas ao rango de acontecementos internacionais. A poesía galega está de moda e iso sabémolo.

facebook.com/chandapolvora

PRESENTACION A OSEIRA 2

Celeste Conde Gómez

Un comentario

Deja un comentario