CURTOPÍA 2014: FESTIVALIÑO AUDIOVISUAL DA CURTAMETRAXE SOCIAL

Preséntase a 5ª Edición do Festival de Curtametraxes Curtopía organizado pola Asociación Cultural Abarlovento, os días 4 e 5 de outubro, sábado e domingo e que se celebra no alg-a lab de Valadares, Vigo.

Curtopía preséntase de novo cun programa que continua a achegar unha mirada ao social e ao experimental da creación audiovisual mais comprometida: Perspectivas das loitas e debates sociais que abranguen os procesos de transformación urbana, o intento de control do noso corpo, os desfiuzamentos e a PAH; ou os debates sobre a nova toma de conciencia da cidadanía… tanto de Galicia como doutras realidades. Miradas experimentais sobre a emigración, a través da busca de novas e vellas xeracións emigradas en Berlín, e sobre os traballos en torno ao peoma Nimbos de Diaz Castro.
E unha retropectiva documental ao redor do Val Miñor co cineasta Antonio Caeiro e o proxecto Super 8 Valadares de recuperación da memoria da parroquia.
Por último, unha ollada as últimas webseries para a sobremesa do domingo.Ademáis das mostras, o Festival se complementa cos concertos de David Regueiro Quartet, Phamtom Dragsters e Alg-a DJs; e 2 obradoiros audiovisuais.

Así mesmo a Radio Piratona, 99.7 FM, emitirá unha programación especial sobre o festival, con novas e entrevistas aos autoresconvidados.

Curtopía é un Festival autoxestionado e organizado sen ánimo de lucro. As entradas as sesións e concertos son de balde. Haberá posibilidade de cear o sábado e dun gran xantar o domingo!Máis información na páxina web: http://curtopia.es.
Curtopía está organizado pola Asociación Cultural Abarlovento coa colaboración do alg-a lab e conta co apoio organizativo de Asombra producións, Nornas hostel, TANKollectif e tecnoloxia/s apropiada/s entre outros.

Mostras:

  • Perspectivas das loitas sociais.  A mostra segue a tradición abarloventera do achegamento á conflictividade social. Debuxamos un tríángulo peninsular entre Barcelona, Sevilla e Porto que acolle a fraternidade ante os desfiuzamentos da PAH, accións performativas e jooondas ante institucións en quebra como a banca ou o parlamento andaluz, e por fin reflexións sobre xeitos de vida en común como cidadanía.
  • Territorios Animados Colectivos: O impacto que os procesos de transformación urbana xeran sobre os territorios e as persoas que os habitan, mais das veces non son considerados polos actores planificadores. As testemuñas de diferentes barrios, amósannos o “conflito latente” que se xera cando a transformación da cidade é allea ás necesidades, modos de vida e proxectos da veciñanza
  • Sexualidades: corpos, afectos e dispositivos de control: Nesta mostra tratamos de achegarnos á sexualidade dende distintos enfoques. En varias das curtas tratarase o tema da represión e o intento de control dos nosos corpos. Os roles de xénero e a heteronormatividade ocuparán unha parte do bloque, pechándose cunha viaxe a outras sexualidades que podemos vivir e sentir.
  • Monografía: Antonio Caeiro: A filmografía de este cineasta do Val Miñor destaca polo seu compromiso coa memoria e a súa versatilidade. O documental é o xénero ao que en máis ocasión se ten achegado, pero Antonio Caeiro conta con filmes nos que bota man da ficción ou mesmo da videocreación. O autor de Gondomar nos falará da súa obra no Curtopía 2014. O público asistente será o encargado de seleccionar qué traballos proxectar da filmografía de Antonio Caeiro, entre a que destaca o interese por temáticas etnográficas e históricas.
  • Xentrificación Vigo: A Cidade é Nosa: No sistema neoliberal as cidades convértense en polos especulativos de acumulación de capital e, dese modo, comézase a deseñar o espazo urbano para satisfacer as necesidades que provoca a tercialización do seu sistema produtivo. Estas prácticas traen consigo a exclusión dun amplo abano dos seus habitantes e o aumento, aínda máis, da fenda social existente que provoca o capitalismo. A través destas dúas curtas do colectivo Left Hand Rotation, quérese reflexionar sobre a conflitividade e precariedade que xorden dos procesos de especulación e xentrificación, entendidos estes como procesos globais que se desenvolven en cada territorio en función das particularidades do mesmo. Ficção Imobiliária achéganos os conflitos sociais e urbanos propios da lóxica capitalista e de como esta entende a cidade. Dun xeito moi acertado, recompila material formado por películas de ficción onde as problemáticas asociadas á cuestión da vivenda aparecen na trama principal ou cruzada con esta. Pola súa banda, Luz amósanos a realidade do barrio histórico da Luz de São Paulo, onde máis do 30% do seu rueiro está baixo a ameaza de demolición debido a novos plans urbanísticos, coa conseguinte expulsión dos seus actuais moradores.
  • Proxecto Nimbos: Unha iniciativa do crítico e produtor Martin Pawley a través do blog Acto de Primavera co apoio dos seus compañeiros José Manuel Sande e Xurxo González. O colectivo Acto de primavera lanzou, en xullo de 2013 nunha convocatoria a directores de cine galegos e foráneos para a realización de pezas audiovisuais curtas, de entre un e cinco minutos, baseadas nun poema do libro «Nimbos» de Díaz Castro.
  • Videocartas Galiza-Berlín: O proxecto Videocartas Galiza-Berlin está concebido para crear diálogos de emigración entre diferentes xeracións de distintas realidades. As videocartas son a unión perfecta entre todo o bo das misivas e o bo do audiovisual: permítennos comunicar dúas (ou máis) realidades véndoas e escoitándoas. Os participantes, autores das pezas, empregan a a ferramenta audiovisual como unha forma de expresión dun traballo personal ao redor da emigración, gracias á combinación das disciplinas que toman parte no proxecto: a psicoloxía e o audiovisual.

Obradoiros:

Concertos

programaCurtopia2014OK

Deja un comentario