A fin da cultura da transición e a emerxencia dos novos tecidos culturais

por David Rodríguez.

 

Segundo a análise marxista clásica a superestrutura política e cultural dunha sociedade muda cando así o fai a estrutura económica. Sen entrar agora en cuestións de se isto é así de automático ou se existe unha relativa autonomía da superestrutura, podemos dicir, botando man das categorías de Marx, que hoxe, ano catro da crise económica do capitalismo mundial, e para o contexto do Estado Español, ese conglomerado ideolóxico bautizado como CT (Cultura da Transición) polos autores do recente libro colectivo CT o la Cultura de la Transición. Crítica a 35 años de cultura española. está morto. En opinión de Guillem Martínez, un dos autores do libro, a CT é:

«A cultura española actual, que non debe nada á Guerra Civil e que llo debe todo á Transición. Basicamente, e explicada nun plis-plas, consiste nunha cultura vertical, na que o Estado -e en ocasións a empresa, que polo que sexa se identifica co proxecto ou os negocios do Estado- xestiona a axenda de accesos á realidade. Marca o que debe de aparecer nun artigo, nun libro, nunha peli, para ser recoñecidos como obxectos culturais e non como a obra dun colgado. É unha cultura que, basicamente, oculta todo o que sexa problemático. Ou decide o que é ou non problemático.»

E prosegue Martínez:

«Cando calquera obxecto se sae dos marcos da CT, deixa de ser percibido como obxecto cultural, para pasar a ser outra cousa. Un produto marxinal, por exemplo. O cal é para pensalo dúas veces. Os límites do posible son por outra parte máis pequenos que en calquera outra cultura europea, polo que é moi fácil saír do marco. Nese diminuto espazo do marco da CT vive o groso dos profesionais da cultura local, un colectivo obrigado a practicar un máximo común divisor das mesmas ideas, os mesmos posicionamentos, as mesmas tendencias, as mesmas opinións, nunha competencia extraordinaria sen apenas diferenzas na súa produción, o que convida a pensar que o traballo, neste tipo de traballos, é un premio. Posiblemente, máis que á obra, á conduta. É o premio a non crear problemas.»

Naturalmente a xestación deste panorama que describe o libro citado só foi posible pola peculiar historia recente do Estado Español. Un estado que, despois de corenta anos de ditadura fascista, ve como as elites deciden que é o momento de homologarse co marco político imperante no resto de Europa e comezan a trazar, co beneplácito, salvo honrosas excepcións, das organizacións de esquerdas máis importantes da época, un plan que permita modernizar epidermicamente o Estado sen que os postos de poder sufran alteracións importantes. A primeira maioría absoluta do PSOE en 1982 marcará o verdadeiro inicio desta nova cultura empeñada en crear unha España vangardista e moderna practicamente da nada. Para iso, e como apuntaba Guillem Martínez, o papel do Estado será determinante. Probablemente foi 1992, e en especial a cerimonia dos xogos olímpicos de Barcelona o cénit da CT. Antes, a pseudrotransgresión da Movida madrileña (e a súa émula viguesa).

As pelis de Almodovar. A pintura potenciada polas institucións: do antecedente do grupo El Paso ao archimimado Miquel Barceló. Mariscal. A literatura tipicamente consensual editada por Alfaguara e publicitada por Babelia en El País. A febre da haute cuisine e dos cociñeiros-celebrities. Despois, o agromar de museos de arte contemporánea en cada curruncho do Estado e a crenza ilusa de que se podían indagar novas maneiras de ver o mundo (pois iso é finalmente crear arte) retomando a figura do pintor de corte propio do século XVII. Hoxe todo isto rematou, e rematou basicamente (de aí comezarmos con Marx), porque rematou o carto fácil co que a banca alemá financiou o crecemento económico experimentado polo Estado Español a través da hoxe pinchada burbulla inmobiliaria. Coa seca das billas alemás todas as industrias culturais crecidas baixo as ás do Estado, da empresa ou da obra social das extintas caixas de aforro están a morrer de inanición demostrando como de feble e artificial era todo ese sistema cultural pouco enraizado na sociedade concreta (unha sociedade, en boa medida, de albaneis e camareiros) sobre a que se edificara. Así, non é de estrañar que dun tempo a esta parte, e xa falando do noso país, Galicia, esteamos a ver, día si e día tamén, como abrollan iniciativas (a comunidade de artistas sita na parroquia viguesa de Valadares Al-Ga, o FAC-Peregrina de Compostela ou a residencia de escritores da editora Axóuxeres, por citar só algunhas), estas si creadas desde o máis abaixo da sociedade civil, que procuran tecer unha nova rede cultural menos dependente, menos artificiosa, probablemente máis pobre, pero seguro que máis creativa e libre, que o vello entramado cultural dedicado a honrar os consensos da defunta Transición que nos conduciron á desastrosa situación actual.

 

ofunambulistacoxo.blogspot.com.es

Deja un comentario