Cargando Eventos

« Todos los Eventos

  • Este evento ha pasado.

(S8) 7ª Mostra Internacional de Cinema Periférico

1 junio, 2016 - 5 junio, 2016

O (S8) Mostra de Cinema Periférico celebra do 1 ao 5 de xuño a súa sétima edición. Unha edición especial baixo o nome de “Os novos impresionistas” que reunirá a recoñecidos cineastas como o canadense Stephen Broomer e o francés Jacques Perconte, artista do ‘glitch’, que presentará unha ‘performance’ con música en directo e unha exposición da súa obra. Así mesmo, o festival presentará unha panorámica que inclúe os novos traballos de artistas internacionais ao redor da idea do impresionismo no cinema e un programa histórico dedicado á cineasta, teórica e crítica Germaine Dulac.

A sétima edición do festival comezará cun cinema-concerto a modo de gala inaugural o 30 de maio no Teatro Rosalía de Castro (A Coruña) no que se poderá ver a copia restaurada de ‘O acoirazado Potemkin’. A proxección da obra mestra de Sergei M. Eisenstein e pedra angular da modernidade da montaxe cinematográfica será sonorizada en directo polo estadounidense Chris Jarrett, autor dunha partitura orixinal inspirada na película.

Na antesala do festival, o fin de semana do 28 e 29 de maio, o cineasta galego Miguel Mariño impartirá na Fundación Luis Seoane, dentro da sección Mini(S8), o taller ‘Fabricación de proxectores caseiros’.

 

OS NOVOS IMPRESIONISTAS

“Impresionista”: na súa orixe, esta palabra foi un termo despectivo acuñado por un crítico de arte para descualificar o traballo de Monet. É improbable que o crítico imaxinase que este sería o nome adoptado para falar dunha das correntes pictóricas máis revolucionarias da historia, que deixou atrás a imitación da vida e das formas para tentar capturar, na súa pureza, a luz cos seus pinceis. “Os novos impresionistas” é o nome co que este ano o (S8) bautiza a súa edición especial, na que conflúen cineastas (emerxentes e veteranos) para os que a experimentación coa luz e as calidades pictóricas do cine é esencial. Investigando os límites da percepción sensorial e da subxectividade, este grupo de cineastas asinan algunhas das obras visualmente máis estimulantes dos últimos anos.

(S8) Nuevos Impresionistas_Jacques PerconteÉ o caso de Jacques Perconte, un dos artistas franceses máis solicitados da actualidade, que trae ao (S8) unha exposición, unha performance sonorizada en directo e a estrea internacional do seu último filme, Save my Heart from the World. Utilizando o vídeo dixital e explotando todas as posibilidades plásticas do chamado glitch (é dicir, as alteracións da imaxe causadas pola manipulación do código), Perconte abre portas a paisaxes imposibles de cores e formas insólitas.

Este artista e cineasta francés, cuxa obra se puido ver nas máis prestixiosas galerías, institucións e festivais do mundo, colaborou con artistas como Leos Carax (en Holy Motors), Jean-Benoît Dunckel (integrante do grupo de música de vangarda Air) e Jeff Mills.

Tamén visita por primeira vez España Stephen Broomer, novo e, con todo, xa consagrado cineasta, conservador e teórico canadense. Broomer, cuxas películas se puideron ver en Views from the AvantGarde (New York Film Festival), a sección Wavelengths do Festival de Toronto e a Berlinale, traerá á Coruña os seus traballos en 16mm. Películas nas que as cores e as texturas evocan o traballo dos primixenios impresionistas, nunha procura formal cuxo embriagador resultado achégao tamén aos autores máis abstractos dentro desta corrente.

O apartado dedicado ao impresionismo complétase cunha selección de traballos recentes de artistas internacionais coma os estadounidenses Jodie Mack e Robert Todd, o arxentino Pablo Mazzolo, os canadenses John Price, Alexandre Larose e Eva Kolcze ou a británica Charlotte Pryce. O (S8) tamén ofrecerá unha sesión dedicada a Germaine Dulac, pioneira do cinema e parte da corrente vangardista dos anos 20 designada como “impresionistas franceses”, á que tamén pertenceron Jean Epstein, Louis Delluc e Abel Gance. O traballo de Dulac proxectarase en formato fílmico, contando coas recentes restauracións en 35mm de Étude Cinématographique sur une Arabesque e Thèmes et Variations.

 

CINEMA-CONCERTO: O ACOIRAZADO POTEMKIN

Esta nova edición do (S8) comezará o 30 de maio no Teatro Rosalía de Castro (A Coruña), como cada ano, cunha gala de inauguración en forma de cinema-concerto que recupera algunhas das obras claves do cinema mudo. Neste caso, trátase de O acoirazado Potemkin do mestre Sergei M. Eisenstein. O festival proxectará a copia restaurada polo Filmmuseum Berlin-Deutsche Kinematek. Trátase da versión máis apegada á obra orixinal estreada en 1925, máis completa mesmo que aquela exhibida durante a década dos oitenta no MoMa ou o British Film Institute, incluíndo planos esquecidos tras a censura alemá dos anos 20 e recuperando os intertítulos e tamaño de encadre orixinais.

A proxección será sonorizada en directo polo pianista Chris Jarrett, autor dunha partitura orixinal inspirada na obra de Eisenstein. Tomando en conta o tema do filme, a rebelión rusa de 1905, Jarrett compón unha banda sonora completamente libre e parcialmente improvisada para resaltar a mensaxe anti-militarista exposta na película. A súa música, máis que un acompañamento, é un comentario persoal dirixido á defensa dos que foron (e son) politicamente maltratados e oprimidos. Chris Jarrett é irmán de Keith Jarrett, un dos músicos de jazz vivos máis influentes a día de hoxe. O seu estilo defínese pola mestura equilibrada do riff jazzístico e unha marcada predilección pola música clásica. Compositor de vocación, Chris Jarrett foi discípulo do recoñecido pianista austríaco Vincenz Ruzicka e estudante da mítica pedagoga e compositora ucraína Rosina Lhevinne. Na actualidade alterna as súas actuacións como solista coas súas xiras acompañando á violinista Luca Ciarla e ao cuarteto Four Free.

Chris Jarrett interpreta en vivo a súa partitura sobre a Escena da escaleira de Odessa proxección de ‘O acoirazado Potemkin’

Chris Jarrett interpreta en vivo a súa partitura sobre a Escena da escaleira de Odessa
proxección de ‘O acoirazado Potemkin’

 

MINI(S8): TALLER DE FABRICACIÓN DE PROXECTORES CASEIROS

Destinado ao público infantil (10-15 anos), neste taller de experimentación plástica impartido polo cineasta galego Miguel Mariño os días 28 e 29 de maio, os asistentes aprenderán a construír artesanalmente un dispositivo de proxección a partir da reciclaxe de materiais cotiáns. En só tres sesións de traballo repartidas ao longo do fin de semana, cada participante construirá o seu propio proxector, que poderá levar á casa ao finalizar o taller. Aprenderá tamén a utilizar o dispositivo permitíndolle xerar gran variedade de efectos luminosos e calidades de imaxe.

Finalmente, todos os integrantes traballarán na creación dunha obra conxunta que será representada como clausura do taller (domingo 29 de maio pola mañá) nunha sesión aberta ao público. Os alumnos terán para iso que desenvolver unha partitura/guión do espectáculo e deseñar a súa propia posta en escena. Unha performance creada colectivamente que funciona como elemento de cohesión do traballo individual.

Para máis información, visita www.s8cinema.com

Detalles

Comienza:
1 junio, 2016
Finaliza:
5 junio, 2016
Categorías del Evento:
,
Web:
http://www.s8cinema.com/portal/

Organizador

Unnamed Organizador
Correo electrónico
info@s8cinema.com

Local

Recinto sin nombre
A Coruña, A Coruña España + Google Map

Deja un comentario

Uso de cookies

CroaMagazine.es utiliza cookies para mejorar su experiencia como usuario. Si continúa navegando está aceptación de las mencionadas cookies y la política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies