VERSOGRAMAS, unha viaxe arredor da videopoesía

E se vos dixeramos que a poesía se move? Ou que as letras se len a 24 fotogramas por segundo? Ou mesmo que unha imaxe amosa o que moitas palabras ocultan? Videopoesía é iso. Si, videopoesía. Un nome que seguramente vos debuxará interrogantes nos ollos, pero que é tremendamente coñecido no panorama internacional: festivais especializados arredor do mundo, concursos, manifestos, teses doutorais, experiencias educativas, bases de datos online, e unha activa comunidade de creadores, creadoras, e fans.

Mais que é videopoesía? Dis mentres escribes a túa pupila no meu obxectivo azul. Un videopoema é simplemente unha peza de vídeo de curta duración, baseada nun poema, que amplía a atmosfera e a esencia do texto. E faino por medio da combinación creativa da imaxe en movemento (ou animación) o texto (recitado ou sobreimpreso en imaxe) e a música (a banda sonora e efectos de son).  Un mundo de posibilidades para, lonxe de ilustrar, crear un algo completamente novo. Tantas opcións, que mesmo existen tipos de videopoemas segundo a combinación ou técnicas empregadas.

Agora ben, algo como a videopoesía é máis sinxelo de explicar de maneira visual, empregando os seus mesmos códigos. E aí é onde entra en xogo Versogramas, o primeiro documental sobre videopoesía, producido por Esferobite (A Coruña).

vg_elemento-flyer

Versogramas é un documental creativo que explora o panorama nacional e internacional do xénero. Máis de dous anos de investigación que condensan a historia da videopoesía e os seus principais creadores e creadoras nun relato temático baseado na emoción. Como base, conceptos como a lingua, o amor, o corpo, a soidade, a memoria, a sociedade, o mal e o cambio. Como premisa, como transforman os e as videopoetas estes conceptos nas súas obras. Cales son os seus referentes, inspiracións, procesos creativos… Como complemento, fragmentos de videopoemas, citas de investigadores, e multitude de caixas de distintas formas e aparencias, que agochan as imaxes máis sorprendentes.

A idea de Versogramas xurdiu de Celia Parra, que agora leva a produción executiva xunto con Juan Lesta. A cargo da dirección están Juan Lesta e Belén Montero, esta última tamén como guionista, ambos cofundadores da produtora multimedia Esferobite. O proxecto está agora mesmo en fase de financiamento, buscando apoios para completar o 40% de orzamento restante e comezar rodaxe na primavera de 2017.

O seu obxectivo principal é achegar a videopoesía a un público máis amplo, convertela nalgo próximo e atractivo, e sobre todo, contribuír a derrubar os prexuízos que aínda hoxe arrodean á poesía. Quen non escoitou algunha vez que a poesía é aburrida, difícil, incomprensible ou intelectual? Versogramas quere empregar a videopoesía para amosar todo o contrario. Por iso, contempla tamén o desenvolvemento doutros formatos (un webdoc, un libro+DVD, unha exposición e un filme experimental) para explorar a videopoesía de maneira transmedia.

Se queredes saber máis, visitade as redes sociais do proxecto e a web www.versogramas.com. A súa sección “Videopoema da semana” descubriravos os mellores videopoemas, seleccionados e comentados polo equipo de Versogramas. Todo un mundo no que mergullarse, cos ollos ben abertos e os sentidos dispostos a deixarse sorprender .

versogramas.com

Deja un comentario