Té con madalenas. Work in progress en Normal, A Coruña

Té con madalenas

NORMAL convídate a un té con madalenas. Nun camiño de ida e volta excepcional, TÉ CON MADALENAS descobre a intimidade do artista á vez que revela as evocacións, sensacións e lembranzas propias do visitante.

Begoña Ante, Paula Cabaleiro, Carolina Cruz Guimarey, Christian García Bello, Lula Goce, Jorge Perianes, Laura Piñeiro e Neves Seara son os oito artistas que protagonizan a exposición work-in-progress TÉ CON MADALENAS. Un proxecto artístico que pretende mostrar o ser e o crear das oito persoas que o conforman e que desenvolverán, ao longo de tres meses e especificamente para NORMAL, oito proxectos polifacéticos (instalacións, obradoiros, workshops, performance, proxectos de colaboración cidadá) nos que nos falarán, dende unha nudez biográfica sen precedentes, deles mesmos e dos tempos, espazos e memorias que os constrúen.

Mais TÉ CON MADALENAS non fala de retratismo convencional. A esencia do que define a esta selección de artistas non se atopa en grandes óleos, nin en impoñentes medios. Para eles, o esencial agóchase invisible tras os obxectos aparentemente máis insignificantes (un botón, un anaco de papel) ou intanxibles (unha lembranza, unha mirada, a aura dunha persoa doutra época). O espectador descubrirá as súas esencias a través de moi diversos elementos do cotián: do que nos transmite unha escada de man, do que se oculta tras unha cadeira baleira, ou dunha prenda desgastada.

Con todo, o máis importante deste recoñecemento íntimo é que será un camiño de ida e volta. Do mesmo xeito que o narrado por Marcel Proust, o noso TÉ CON MADALENAS quere ser responsable do espertar evocador dos sentidos e, por iso, e para facer visible aquelo que tampouco o é habitualmente no ámbito artístico, este proxectowork-in-progress é tamén unha invitación aberta a todos os visitantes e veciños de NORMAL, que agardamos participen e creen connosco a través das moi diversas actividades gratuítas que os artistas desenvolverán nos próximos meses.

Comisariado e coordinación: CLARA RODRÍGUEZ CORDEIRO

8 ARTISTAS EN EXPOSICIÓN

BEGOÑA ANTE (Vigo, 1984)
MEMORIA
Reside e traballa en Vigo. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e Máster en Arte, Crítica e Museoloxía Contemporáneas pola USC, Begoña é co-fundadora da Asociación Cultural [sen marco] e especialista en educación artística, fotografía e deseño.
No seu proxecto para TÉ CON MADALENAS traballará coa fotografía e a palabra en torno á idea dos espazos que nos representan e que recreamos na memoria, en colaboración cos alumnos da Universidade Sénior.

PAULA CABALEIRO (Cangas do Morrazo, 1986)
NIÑO DE ERROS
Reside e traballa entre Cangas e Santiago de Compostela. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e Máster en Arte, Crítica e Museoloxía Contemporáneas pola USC, está especializada en feminismo e moda. Dende o ano 2011 é tamén codirectora da galería de arte A.dFuga.
En NORMAL traballará coa vestimenta e a costura en torno á capacidade da indumentaria para representarnos, en colaboración cun colectivo de nais.

CAROLINA CRUZ GUIMAREY (A Coruña, 1981)
AS QUE HABITAN A MEMORIA
Reside e traballa na Coruña. É licenciada en Publicidade e RR.PP pola Universidade de Vigo e Máster en Produción Artística pola Universidade Politécnica de Valencia, onde está tamén cursando o seu doutoramento. A súa obra artística constrúese dende a fraxilidade a partir de materiais atopados, cotiáns ou naturais.
Durante unha residencia artística traballará a partir dunha serie de antigas fotografías de ámbito privado que, transferidas a diversos materiais e convertidas en instalación, pretenden facer visible o patrimonio humano da cidade, en directa colaboración coa propia cidadanía.

CHRISTIAN GARCÍA BELLO (A Coruña, 1986)
ATALAIA (PENA BRANCA)
Reside e traballa entre A Coruña e Vigo. Licenciado en Belas Artes e Máster en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo, a súa obra artística xira ao redor da idea da paisaxe, a ruína e o sentimento de nostalxia.
A súa obra para TÉ CON MADALENAS parte dunha investigación documental sobre un espazo moi concreto, en colaboración con varios estudantes de Arquitectura, a cidadanía e o propio contexto social do lugar establecido, para crear unha instalación final en torno á idea da paisaxe como proceso de construción persoal.

LULA GOCE (Baiona, 1976)
BOSQUE, GRAMÁTICA DO EFÉMERO
Reside e traballa en Santiago de Compostela. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca, completa a súa formación artística na Universidade de Barcelona, onde realiza o seu doctorado en Belas Artes e o Máster Europeo Producións artísticas e investigación. A súa obra sitúase nos lindeiros do debuxo, a instalación e a intervención, e defínese pola economía de medios e os temas intimistas.
Lula Goce traballará con materiais tan cotiáns como o papel ou aparellos de pesca, en torno á idea da paisaxe mariña como representación da nosa propia simbiose entre fraxilidade e brutalidade, en colaboración con diversos colectivos contactados previamente.

JORGE PERIANES (Ourense, 1974)
HISTORIAS CUNHA ESCALEIRA
Reside e traballa en Vigo. Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, a súa obra destácase pola creación de poéticas e detalladas escenografías, nas que adoitan estar sempre presentes un certo pesimismo existencial co que se combate e o xogo de contrarios.
En NORMAL traballará cun medio plástico reciclado (escadas de madeira) en torno aos conceptos de realidade e a súa reinterpretación, en colaboración cun grupo activo de voluntarios.

LAURA PIÑEIRO (Pontedeume, 1984)
ODA Á LONGÁNIME MIRADA
Reside e traballa en A Coruña. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Laura é investigadora no campo da escultura contemporánea. A súa obra artística remítenos ao cotián e íntimo mundo do fogar desde unha perspectiva sobria e feminina.
No seu proxecto para TÉ CON MADALENAS traballará coa costura e o patchwork en torno á idea do quefacer artístico e os procesos como medio de procura persoal, en colaboración con diversos colectivos contactados previamente.

NEVES SEARA (Ourense, 1983)
AS CADEIRAS DA AVOA ESPERANZA
Reside e traballa en Santiago de Compostela. Licenciada en Belas Artes pola Universidade Europea de Madrid, é especialista en escenografía e museografía. Actualmente compaxina a súa actividade artística coa docencia en artes plásticas no seu propio centro de arte (Aire: escola e obradoiro de arte).
No seu proxecto As cadeiras da avoa Esperanza traballará coa escritura e a performance en torno á capacidade dos obxectos para representar as nosas esencias e ausencias, en colaboración con calquera habitante ou visitante de NORMAL que desexe participar.

O horario da sala de exposicións é de 11h a 22h, de luns a venres. A entrada é libre.

Outras actividades relacionadas co «Work in progress»:

3 de Xuño, comezará o proceso de montaxe e creación, que será totalmente público.
5 de Xuño, 20h: mesa redonda con Christian García Bello
27 de Xuño, 20h: ‘As que habitan a memoria’, conferencia de Carolina Cruz Guimarey.
12 de Xullo, 20h: ‘Babel 1’, performance de Neves Seara.
19 de Xullo, 20h: despois de meses de traballo, queremos celebrar o final do proceso de work-in-progress. Presentación oficial de TÉ CON MADALENAS!

 

Iria F. Mouriz

Deja un comentario