PLAY-doc 2015 – XI Festival internacional de documentais

Captura

PLAY-DOC VOLVERÁ A MOSTRAR O MELLOR CINEMA DOCUMENTAL DA TEMPADA DO 22 AO 26 DE ABRIL

 

· A selección estará formada por 32 filmes chegados de 17 nacionalidades

· O certame dedicará un espazo específico, con 7 títulos, ao cinema galego, que pasa por un momento de claro prestixio internacional

· Play-Doc Workshops presentará tres películas que participaron en distintos obradoiros do festival en pasadas edicións

· Réndese homenaxe á francesa Claire Simon, nun ano con claro protagonismo feminino, no que nace a nova sección da crítica: Resonancias

 

Play-Doc Festival Internacional de Documentais celebrará a súa undécima edición en Tui do 22 ao 26 de abril. Logo de ser elixido o pasado ano nos Best Fest Film Series de Nova York coma un dos dez certames de cinema máis excitantes do mundo, Play-Doc afronta un ano máis coa mesma filosofía de sempre: mostrar o cinema de non ficción máis fresco, apostando polas propostas máis innovadoras e independentes, que habitualmente non chegan aos circuítos comerciais. Películas que marcan tendencia, feitas, coma o festival, dende a máis absoluta resistencia cultural e económica. Porque independente é un bo adxectivo para definir tanto a liña editorial do certame coma os filmes que contén.

Este ano, 32 en total, chegados de 17 nacionalidades, e divididos en 7 seccións, con algunhas novidades. A retrospectiva estará dedicada á francesa Claire Simon, referente do cinema directo, que intenta captar a realidade tal como se presenta. Amais de mostrar 7 títulos representativos do seu traballo, ofrecerá unha clase maxistral para explicar as características do seu cinema.

A sección oficial estará composta de 7 títulos, con maioría feminina detrás da cámara. Isto non debera ser noticia, pero lamentablemente a representación das mulleres nos festivais de cinema é case sempre moi baixa. Nesta edición de Play-Doc, 16 das 32 películas do certame están dirixidas por mulleres, un 50%, moi por enriba do que adoita ser habitual.

Como leva facendo dende os inicios, Play-Doc apostará polo cinema de Galicia, cunha sección específica que recolle os 7 títulos documentais máis destacados da tempada. As películas galegas independentes están a acadar un grande prestixio internacional, mediante a súa presenza e premios en festivais de cinema de probado prestixio de todo o mundo. O sector pasa por un momento especialmente doce no creativo, que o certame debe apoiar. Amais desta selección, ofrecerase unha mesa redonda en torno aos filmes que están pensados para non ser exhibidos en salas tradicionais, e si na Internet, en museos, ou noutros espazos expositivos.

Outro clásico do festival é Play-Doc Live! 1906, sección que combina un concerto xunto a un filme sobre o artista que sobe a escena. Nesta ocasión o músico luso The Legendary Tigerman virá presentar o seu último álbum, True, e o filme homónimo, sobre o proceso creativo do disco.

Approaching the Elephant

Approaching the Elephant

 

NOVAS SECCIÓNS E PREMIOS

Da banda das novidades, as seccións Play-Doc Workshops e Resonancias. A primeira presentará tres traballos de cineastas que participaron en diversos obradoiros de edicións previas do festival, pois Play-Doc é tamén espazo de formación. En 2014 puxo en marcha, xunto á revista especializada A Cuarta Parede, un seminario sobre crítica, que mantén este ano, renovando temática, e engadindo Resonancias, a sección da crítica coordinada pola Asociación Convergencias de la Crítica Cinematográfica. O certame suma amais un novo premio da crítica outorgado por CAMIRA (Cinema and Moving Image Research Association). A través destes novos socios, Play-Doc intentará ser un espazo de encontro para a crítica, e de diálogo desta co público.

O festival completará a súa programación con dúas sesións especiais dedicadas a cineastas moi queridos. O 25 de abril, para celebrar o aniversario da Revolución dos Cravos, o certame acollerá a proxección de dous filmes do reverenciado autor luso Manuel Mozos. Amais, contará coa estrea española de Iris, último traballo do recentemente falecido Albert Maysles, lenda do cinema directo, ao que Play-Doc acolleu hai dous anos cunha intensa retrospectiva.

Africa 815

Africa 815

CLAIRE SIMON, A RETROSPECTIVA

O certame dedicaralle unha retrospectiva á realizadora gala Claire Simon, unha das máis destacadas a nivel mundial no terreo do cinema directo, estilo documental que intenta captar a realidade tal como se presenta. Etnóloga de formación, sempre se caracterizou polo seu autodidactismo no cinema, cun estilo propio dende os seus inicios. Xa na súa celebre película Récréations (1992), a directora lograba capturar o día a día no recreo duns nenos de infantil. Filma moi de preto os seus personaxes, simpatiza con eles, e fai que se mostren con honestidade. Trátaos como persoas, con humanismo, pero tamén como personaxes.

Para Simon, a ficción e o documental son só dúas maneiras de rexistrar un mesmo universo. Ten declarado que moitos dos seus referentes están na ficción, mesmo literaria. Así, ve nas actitudes dos nenos de Récréations algo de Shakespeare; cando filma a Mimi (2002), retrato íntimo dunha muller, faino inspirándose na prosa de Perec; ou no día a día dunha empresa de alimentación que loita por non quebrar, Coûte que coûte (1995), identifica un substrato da novela negra norteamericana. Este afán seu por facer unha sorte de documentais de xénero deu orixe, en especial con este último filme, a toda unha nova escola de non ficción en Francia. Simon influenciou as novas xeracións de cineastas no seu país, tamén como responsable do departamento de realización da Fémis, escola nacional do cinema en Francia.

Claire Simon

Claire Simon

 

SECCIÓN OFICIAL MOI INTERNACIONAL E FEMININA

Play-Doc verá competir sete títulos na súa sección oficial. Como é habitual, grandes nomes da non ficción conviven con promesas nas que o festival desexa confiar, nunha selección que trae a Tui películas de todo o mundo, dando a coñecer o que ocorre noutras partes do globo. Dende o tren de pasaxeiros que percorre toda China en The Iron Ministry, á particular escola norteamericana que dá voz e voto aos seus estudantes en Approaching the Elephant, ou facendo unha parada no país máis hermético do mundo, a Corea del Norte de Songs From the North. Play-Doc ponse tamén reivindicativo, con propostas que denuncian inxustizas sociais de inmigración e imperialismo, en L’abri e Concerning Violence. Políticas públicas que infiren na esfera do privado, cuestión presente en Liahona e Motu Maeva. Estas, dirixidas por novas realizadoras, protagonistas nun certame que as pon a competir con grandes documentalistas europeos.

Songs from the north

Songs from the north

CINEMA GALEGO

Como é habitual, o festival dedicaralle unha sección ao cinema de non ficción de Galicia. O certame apostou dende os seus inicios polo cinema propio, con diferentes programas ao longo destes once anos dedicados especificamente a el, ou incluíndo títulos na competición internacional. Este ano, pásanse 7 filmes nun contexto para o cinema independente galego de claro prestixio mundial.

O descubrimento de Américo

O descubrimento de Américo

PLAY-DOC WORKSHOPS

O festival tense caracterizado tamén polo seu compromiso coa formación de cineastas. Os obradoiros “Docs in Progress”, “O diario filmado” e o “Laboratorio de Apuntes Fílmicos” viron pasar durante seis edicións a un conxunto de directores que retrataron a habitantes de Tui, repensaron os seus filmes en fase de montaxe ou experimentaron coa linguaxe cinematográfica para evocar ideas, sempre baixo o mando da docente e produtora Marta Andreu, responsable do prestixioso máster en documental creativo da universidade Pompeu Fabra.

Salóme

Salóme

SESIÓNS ESPECIAIS

O certame tudense renderá homenaxe a dous directores que aprecia profundamente: Albert Maysles e Manuel Mozos. Os espectadores de Play-Doc puideron coñecer o lendario cineasta Albert Maysles en 2013, co motivo da retrospectiva que se lle dedicou. Pioneiro do cinema directo xunto ao seu irmán David, foi responsables dalgúns dos mellores documentais da historia do cinema. Logo da morte do seu irmán David, Albert continuou facendo películas e inspirando a xeracións de cineastas ata a fin dos seus días. O seu recente falecemento deixo orfos a todos os cinéfilos.

Play-Doc contará coa estrea en sesión especial dun dos seus últimos filmes: Iris, sobre a aguda e extravagante estilista de 93 anos, que durante décadas tivo unha enorme presenza na escena da moda neoyorkina. Máis que sobre a moda, esta película fala sobre a creatividade e de como a excesiva liberdade de espírito de Iris continúa a ser unha fonte de inspiración, a pesar da súa avanzada idade. Iris retrata unha muller singular cuxo entusiasmo pola moda, a arte e as persoas son un sustento vital e lémbranos que vestir, do mesmo xeito que vivir, non é máis que un experimento.

O festival celebrará o aniversario da Revolución dos Cravos a través de dúas películas de Manuel Mozos. Referencia para moitos dos cineastas lusos das xeracións máis novas, durante anos traballou na Cinemateca Portuguesa, e de aí parten estas dúas propostas. A homenaxe é dobre, á súa figura e á do seu amigo João Bénard da Costa, director da filmoteca en tempos da democracia. Pero na época de Salazar, o traballo dos censores era o de agochar, non o de mostrar. Imaxes prohibidas que Mozos rescata na curta que aquí presentamos. Os dous filmes son un canto á liberdade, unha carta de amor ao cinema e as súas posibilidades como arma política.

Joao Benard da Costa

Joao Benard da Costa

PROTAGONISMO DA CRÍTICA

Esta edición de Play-Doc terá na crítica de cinema un dos principais protagonistas. A sección Resonancias nace para abrir a programación do certame aos expertos que non forman parte do equipo. É un convite a que críticos poidan facer propostas, e compartilas co público. De todas as suxestións recibidas, os coordinadores Martín Cuesta (Cinema ad hoc) e Iván Villarmea (A Cuarta Parede) elixiron un total de catro. Amais, engádese unha sesión dun crítico-cineasta, que falará nunha charla aberta ao público da súa experiencia nestes dous ámbitos, das contaminacións que poden establecerse entre facer cinema e escribir sobre el.

PLAY-DOC LIVE! 1906

O festival complétase con todo un clásico no certame. A sección Play-Doc Live! 1906 terá como protagonista nesta edición a The Legendary Tigerman, que tocará na Sala Metropol de Tui a noite do sábado 25. Para acompañar a actuación, mostrarase True, filme que documenta o proceso de gravación do álbum homónimo.

The Legendary Tigerman

The Legendary Tigerman

Toda a información en play-doc.com

 

Vía play-doc.com

Marta Villar Cruces

Diseñadora Gráfica. Tras estudiar Gráfica Publicitaria en AulaD en Vigo, comenzó este proyecto, al que, con el paso del tiempo, se ha ido uniendo mucha gente.Actualmente compagina su actividad como Autónoma con la dirección de CroaMagazine.

Deja un comentario