Imaxinasons. IX Festival de Jazz de Vigo

Imaxinasons apaisado

Modalidade de acceso aos concertos

Venda anticipada a partir do 21 de xuño
www.servinova.com / 902 504 500

Concertos de pagamento

-Salón de actos do MARCO: 3 € + gastos de xestión

-Auditorio Municipal do Concello: 5 € + gastos de xestión

Venda de entradas no mesmo día dos concertos, nos despachos de billetes da sala do concerto desde unha hora antes do seu comezo

Entrada Libre até completar aforo:

Praza da Constitución

En caso de inclemencias metereolóxicas, a organización poderá decidir o traslado dos concertos na praza da Constitución ao teatro Salesianos.

Presentación

Na súa novena edición, Imaxina Sons presenta un programa de concertos e actividades que demostran o presente vital e o prometedor futuro do jazz. Estarán en Vigo novas figuras do jazz internacional como o pianista Tigran Hamasyan, o batería Ari Hoenig e a banda Mostly Other People Do the Killing. De novo, e especialmente nun contexto no que os artistas locais precisan de promoción e apoio, os artistas de Galicia teñen reserva preferente no programa do festival: seremos testemuñas do novo proxecto Cuarteto Europa, do que forma parte o contrabaixista Baldo Martínez xunto ao violinista Dominique Pifarély, entre outros, e escoitaremos o novo traballo discográfico do guitarrista Marcelino Galán. Ademais a improvisadora Chefa Alonso traerá o MARCO o seu proxecto Molimo.

Seguirá sendo o MARCO un espazo para a transgresión dentro de Imaxina Sons fronte ao escenario da praza da Constitución, no que se programa pensando nun amplo público que se achega con curiosidade ao jazz. Dead Capo, banda formada en Madrid, Tora Tora Big Band, grupo formado por músicos de diferentes puntos de Europa radicados en Lisboa e o gran acordeonista Richard Galliano, compoñen o programa de concertos na praza.

Nesta edición 2013 Imaxina Sons presenta un espazo peculiar co que embarcar a novos públicos no festival. Baixo o título Academia de Sons, un amplo programa de obradoiros e concertos didácticos desenvolverase do 1 ao 6 de xullo nas aulas e na traseira do MARCO. Obradoiros de improvisación, cabaré e instrumentos de manivela, concerto didácticos de Odaiko Percussion así como a estrea da película Sant Andreu Big Band completarán o programa de concertos de Imaxina Sons.

A música na rúa e nos clubs xa é selo deste festival, así que a novena edición continuará promovendo concertos de grupos da nosa contorna en diferentes espazos. En 2013 «Jazz fóra de lugar» conformará un novo circuíto de espazos ao aire libre que sacarán a creatividade das formacións locais á rúa a plena luz do día.

Programación

Tigran. Concerto de apertura
Venres 28 xuño 2013
Auditorio Municipal do Concello, 21:00 h

Tigran

Louvado polos mestres do jazz, portada das revistas máis prestixiosas e considerado pola crítica como un dos novos valores do jazz. Tigran Hamasyan (Gyumri, Armenia, 1987) gañou con dezanove anos o premio da Thelonious Monk Piano Competition nos Estados Unidos e a partir de aí a súa vida profesional disparouse polos derroteiros do jazz. Sensible, ecléctico, versatil, preciosista e, por momentos, histriónico, Tigran utiliza o piano e a súa propia voz dunha maneira fresca e delicada.

No que era até este ano o seu último disco A fable (Universal Jazz France, 2010) -cunha fabulosa portada que o retrata como un rock star na intimidade- demostra que a súa xenialidade: tecnicamente non ten tacha e xoga coa experimentación e coas súas raíces cunha facilidade que abraia á audiencia. O denominado neno-xenio do jazz chega á novena edición do Festival de Jazz de Vigo en pleno lanzamento do seu traballo Shadow Theater.

Sendo un neno e estudando música clásica en Armenia, Tigran ía facéndose unha carreira como pianista de jazz chegando a presentarse con once anos no Festival de Jazz Internacional en Yerevan, cidade na que vivía coa súa familia. Aos dezaseis anos chegaría o traslado familiar aos Estados Unidos, máis estudos, premios e o contacto cos músicos dos Ánxeles. A audiencia do jazz coñeceuno polo seu disco New Era (Nocturne, 2008) ao que seguiu Red Hail (Plus Loin, 2009) no que afondaba no folclore tradicional europeo. Triunfaba en Francia onde comezaba a escoitárselle como representante dunha vía de futuro para o jazz. Nos últimos anos a Tigran pasáronlle moitas cousas e todas boas. En 2011 participou no Festival de Jazz de Montreux, colaborou con músicos prestixiosos como Dhafer Youssef, recibiu os agarimosos afagos de Chick Corea, Herbie Hancock e do que é probablemente o pianista máis reputado do momento no jazz, Brad Mehldau, e editou un EP titulado Nº1, vinte minutos de música só dispoñible en vinilo e como descarga da rede. Agora acaba de gravar ademais a banda sonora da película noruega «Victoria» de Toru Lian.

Baldo Martínez Cuarteto Europa
Sábado 29 xuño 2013
Auditorio Municipal do Concello, 21:00 h

Cuarteto Europa

Para Imaxina Sons é un pracer ser escenario da posta en marcha dun novo proxecto como «Cuarteto Europa» que reúne a algunhas das figuras do jazz continental: o violinista Dominique Pifarély, o contrabaixista Baldo Martínez, o batería Ramón López e o trombonista Samuel Blaser. O violinista Dominique Pifarély comeza a liderar as súas propias formacións nos anos oitenta e exerce de sideman de artistas como Martial Solal, Gérard Marais, Patrice Aratini, François Jeanneu e outros. Desde 1985 colabora frecuentemente co clarinetista Louis Sclavis y no ano 1992 forman «The Sclavis/Pifarely Acoustic Quartet», xunto a Marc Ducret e Bruno Chevillon. A finais dos noventa céntrase no traballo a dúo co pianista François Coutorier. Traballa para teatro, non só como compositor, senón tamén como intérprete

Pola súa parte, Baldo Martínez é un dos jazzistas da península con máis recoñecemento, considerado un artista imaxinativo cunha marcada personalidade musical. Crea en 1994 o seu propio grupo despois de fundar bandas emblemáticas como Clunia ou Zyklus e de traballar con destacados músicos como Jorge Pardo, Maria Joâo, Bob Moover, Mike Rabinowitz, Chano Domínguez, Perico Sambeat, Angel Rubio, Carlo Actis Dato, Paolo Fresu, Kenny Wheeler e Joachim Kühn, entre outros. En 2005 recupera o Projecto Miño -que preparara en 1999 para o Festival de Guimaraes-, o proxecto enriquécese e é gravado en 2007. É considerado disco do mes de xaneiro de 2008 pola revista francesa Jazz Magazine e é nomeado aos Premios da Música en España como mellor álbum de jazz. Baldo Martínez foi director artístico de Imaxina Sons entre 2005 e 2010.

O batería Ramón López é Cabaleiro das Artes e das Letras desde 2008, cando lle foi concedida esta distinción polo goberno francés debido ao traballo desenvolvido neste país no que vive desde hai vintecinco anos. A mediados dos setenta comezou a tocar a batería de forma autodidacta, en 1985 decide completar a súa formación en París e irase incorporando á escena experimental francesa. Entre 1997 e 2000 foi batería da Orquestra Nacional de Jazz de Francia baixo a dirección de Didier Levallet e actuou por todo o mundo con artistas como Anthony Coleman, Joachim Kühn Barry Guy, Enrico Rava, Louis Sclavis, Archie Sheep, Glenn Ferris, Howard Johnson e Hans Koch, entre outros. O trombonista Samuel Blaser, suízo residente en Berlín aínda que considerado por moitos integrante da escena

neiorquina, é un músico virtuoso como intérprete e como líder de distintas formacións. Co seu grande potencial creativo, axudado en boa parte pola formación académica recibida no seu país, desenvolveu un traballo de improvisación e formas abertas que o levou a explorar estruturas musicais de diferentes épocas históricas.

Side A
Domingo 30 xuño 2013
Auditorio Municipal do Concello, 21:00 h

Side A

Figura relevante do particular caldo de cultivo musical da cidade de Chicago, o saxofonista e clarinetista Ken Vandermark é un home de mil proxectos e formacións (DRV Trio, Vandermark 5, Fire Room, FME, Sound in Action, Tripleplay, 4 Corners, Bridge 61, Sonore, Powerhouse Sound, AALY Trio, Spaceways Inc, Territory Band, Free Fall, Resonace Ensemble), moitas delas distintas combinacións dos músicos cos que habitualmente traballa. Interesado pola excelente escena escandinava do jazz, atopou alí a algúns dos seus compañeiros máis regulares. Entre eles, o pianista Havard Wiik, que forma parte de Free Fall (con Ken e Ingebrigt Haker Flaten) e participa como membro de Atomic na colaboración Atomic-School Days. O terceiro membro do trío é outro dos fillos pródigos da cidade do vento, membro de algunhas das formacións máis importantes do jazz desa cidade, como o Chicago Underground Duo, Trio e Ensemble, a Exploding Star Orchestra, ou o Fred Anderson Trio ou Sticks and Stones, o baterista Chad Taylor, que tamén toca en formacións pop como The Sea and Cake e Iron and Wine. A música de Side A está ancorada na tradición do post-bop, pero sempre abertos ás posibilidades do free, e cunha potente enerxía procedente do rock. As composicións serven de marco para a improvisación, que pretenden fluída, cortante e trascendente, sustentada polo virtuoso dominio dos seus respectivos instrumentos e por unha espontaneidade alimentada por un profundo coñecemento tanto da historia do jazz como das músicas do noso tempo.

Ken Vandemark, saxos tenor e barítono, clarinete baixo
Havard Wiik, piano
Chad Taylor, batería

Hyperpotamus
Luns 1 xullo 2013
MARCO, 20:30 h

Hyperpotamus

Nacido en Tokyo, aínda que con nacionalidade española e infancia viaxeira, Jorge Ramírez Escudero é Hyperpotamus. Ou o que é o mesmo, un home orquestra que traballa co seu corpo. Funk, soul, hiphop… o xogo vogal de Hyperpotamus crea bucles, loops, cos que xoga e surprende á audiencia. A súa proposta levouno á pasada edición do Festival de Jazz de Londres, cidade na que está residindo desde hai algúns anos

Molimo. Chefa Alonso, saxo soprano, Barbara Meyer, violonchelo, Cova Villegas, voz
Martes, 2 xullo 2013
MARCO, 20:30 h

Molimo

A música deste trío de improvisadoras pode definirse como unha viaxe sen medo para crear texturas asimétricas e suxestivas. Entretecen delicados fíos e constrúen madeixas de vivas cores, onde non se escatima a aspereza, o contraste, a dozura, a forza, a melancolía, a poesía.

SSS-Q Susana Santos Silva + Jorge Queijo
mércores, 3 de xullo
MARCO, 20.30 h

SSS-Q

Co seu debut en 2011 co disco Devil´s Dress, a trompetista Susana Santos Silva (Porto, 1979) converteuse nunha das figuras do novo jazz portugués. Forma parte da Orquestra Jazz de Matosinhos desde hai quince anos e participa tamén no European Movement Jazz Orchestra. Chega a Imaxina Sons xunto ao batería Jorge Queixo. Xuntos, nas súas palabras, vagan polos camiños do free jazz e da experimentación promovendo unha relación orgánica entre trompeta e batería. Dous músicos veciños do Porto con experiencias musicais eclécticas e formas singulares de sentir o mundo.

Marcelino Galán. The Gift
Xoves 4 xullo 2013
Auditorio Municipal do Concello, 21:oo h

Marcelino Galán

Para o Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons servir como escenario de presentación dos proxectos jazzísticos galegos sempre é un motivo de satisfacción. Nesta ocasión é o guitarrista e compositor Marcelino Galán (A Coruña, 1972) quen chega a esta novena edición cun novo traballo baixo o brazo. Trátase do disco The Gift, un regalo para nós e para a audiencia do festival no que Galán demostra de novo o acerto das súas propostas como compositor, acompañado dalgúns dos mellores músicos de jazz do país.

Marcelino Galán formouse como músico entre Cataluña e os Estados Unidos, ou máis concretamente entre o prestixioso Taller de Músics de Barcelona e o Berklee College of Music de Boston. Recibiu aulas dalgúns dos profesores máis reputados no mundo do jazz e axiña comezou a participar en festivais e proxectos nos que foi deixando a súa impronta como instrumentista. Será no ano 2003 cando edite o seu primeiro traballo como líder Roho (Xingra, 2003) en formación de cuarteto; jazz clásico revisitado de maneira fresca e contemporánea, unha liña que continuará con Zinco (Free Code, 2008) xa en quinteto, arroupado por compañeiros de viaxe, jam sessions e outras moitas aventuras musicais e que foi presentado na edición de 2008 de Imaxina Sons. Entre eles, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o saxo Pablo Castaño, cos que tamén comparece nesta nova edición de Imaxina Sons. Ese mesmo ano tamén forma parte do celebrado disco Pascala, asinado pola cantante Terela Gradín e o pianista Manuel Gutiérrez .

Integrante de grupos destacados da escena galega, como Monkillos, sería imposible enumerar todas as iniciativas nas que participa e que fan del un imprescindible do jazz en Galicia. Ademais, é profesor de guitarra na área de jazz do Conservatorio Superior de Música da Coruña. Con The Gift sube un chanzo máis na súa aposta como autor, medrando non só no número de músicos que o acompañan senón tamén, e máis importante, na indagación disto que chamamos jazz.

Marcelino Galán, guitarra, Raynald Colom, trompeta, Pablo Castaño, saxo alto, Iago Vázquez, piano, Xacobe Martínez Antelo, contrabaixo, Marc Ayza, batería

Dead Capo
Xoves 4 xullo 2013
Praza da Constitución, 23:00 h

 Dead Capo

Formada en Madrid, a banda Dead Capo é unha das máis orixinais e atrevidas da península co seu proxecto musical amalgama de jazz, swing, rock e vangarda. Música instrumental que se plasma no seu traballo discográfico Sale (2012), segundo para un grupo que naceu en 1999 e gravou o seu primeiro disco titulado Díscolo en 2002. Nos seus inicios, cando a batería era encomenda de Javier Gallego, coñecido xornalista condutor do programa «Carne Cruda», supuxeron unha sorpresa fresca no circuíto de jazz, no que mellor se moven –malia que declaran que no jazz español non son considerados jazzeiros- sen renunciar a conquistar novos públicos máis vinculados ao rock ou ao funk.

Para quen no os coñeza en directo un concerto de Dead Capo pode definirse como unha celebración, como unha feliz conciliación de extremos musicais, entre a liberdade interpretativa e a precisión nos arranxos, entre a rudeza e a sutilidade. Por diante o seu desexo de fuxir das estruturas obvias, pero nunca perden de vista a diversión e o entretemento. Esa é a verdadeira virtude de Dead Capo, poder combinar de maneira convincente o vangardista e o popular. Por iso a súa música admite múltiples lecturas, pode satisfacer por igual ao melómano esixente e a quen tan só quere pasalo ben.

Javier Diez Ena, contrabaixo
Javier Adán, guitarra
Santiago Rapallo, batería
Marcos Monge, saxo tenor

Mostly Other People Do the Killing
Venres 5 xullo 2013.
Auditorio Municipal do Concello, 21:00 h

Mostly Other People Do the Killing

Coa imaxe dunha banda de antiheroes irreverentes, Mostly Other People Do the Killing resulta do encontro de novos e sorprendentes músicos liderados polo contrabaixista Moppa Elliott.

Compositor en MOPDTK. Elliott cualifica o proxecto como de «terrorismo bebop» coa intencionalidade de reinterpretar e manipular até o extremo temas que intencionalmente recollen clichés do son Blue Note dos anos cincuenta e sesenta. Con Elliott, o saxo alto Jon Irabagon (gañador en 2008 da Thelonius Monk Competition dedicada nesa ocasión a saxofonistas), o batería Kevin Shea e un dos improvisadores máis celebrados dos últimos anos e membro destacado da comunidade jazzeira neiorquina, o trompetista Peter Evans, incorporado nos últimos tempos tamén á Electric Acoustic Ensemble de Evan Parker.

MOPDTK chega a Vigo cun novo disco: Slippery Rock. A súa viaxe por xéneros e estilos é unha bomba emocional e hai quen di que se trata dunha extensión das obras de Ornette Coleman e Masada de John Zorn. Eles reivindican o humor na súa aposta desvinculándose de calquera visión clasicista do jazz. En 2011 gravaron un disco ao vivo no Festival de Jazz de Coimbra para o selo portugués Clean Feed. Tras a súa escoita, o crítico Pachi Tapiz escribiu en Tomajazz: » El grupo explota su enorme potencial en directo, lo que logra que el disco sea algo más que un recopilatorio en directo al uso. Peter Evans y Jon Irabagon están especialmente brillantes, aunque todo el cuarteto se muestra sumamente creativo en directo. Los temas, que en algún caso supera los treinta minutos, se sabe cómo comienzan (toman el título de la composición que sirve para iniciar la descarga creativa), pero por fortuna no cómo acaban: aparecen citas de clásicos, nuevas melodías y composiciones instantáneas».

Peter Evans, trompeta
Jon Irabagon saxo,
Moppa Elliott, contrabaixo
Kevin Shea, batería

Tora Tora Big Band
Venres 5 xullo 2013
Praza da Constitución, 23:00 h

 Tora Tora Big Band

En directo esta big band, compendio de culturas de toda Europa, resulta abraiante. Con base en Lisboa, o seu último traballo de estudio titúlase Salteado e volve a cociñar para os nosos ouvidos a fusión de jazz, funk, afrobeat, samba e outros ritmos. Lisboa é a cidade que inspira a enerxía desta formación na que se integran músicos de Portugal, Alemaña, Noruega, Reino Unido, Italia, etc, que comezan a tocar xuntos en 2001.

En 2006 gravan o seu primeiro CD Tora Tora, ao que segue Tora Tora Cult (2007), co que se colocan entre os mellores albumes do ano en Portugal para publicacións como o semanario Expresso. Segundo eles mesmos, parte da contundencia da big band reside nunha forte sección de metais e unha explosiva sección rítmica. Proclaman unha nova sonoridade de brass band e convertéronse nun dos proxectos máis orixinais do jazz luso na súa reaparicición no verán de 2012 tras un par de anos de descanso. Recollen o espíritu das vellas big bands dirixíndose a un público que baila, pero desta vez na viaxe que os Tora Tora fan polos sons latinos, africanos, árabe, reggae ou drum´n bass.

João Capinha, Desidério Lázaro, saxos
Cláudio Silva, Johannes Krieger, trompetas, fliscornos
Lars Arens, Xavier Ribeira, trombóns, eufonios
Filipe Raposo, teclas
Francesco Valente, baixo
Sebastian Scheriff, percusións
João Rijo, batería

Ari Hoenig Trio
Sábado 6 xullo 2013
Auditorio Municipal do Concello, 21:00 h

 Ari Hoenig

Está considerado un dos mellores baterías do jazz mundial. Ari Hoenig (Filadelfia, EUA, 1973) é para a publicación Jazz Times o batería máis obsesivo, espasmódico e musical do jazz. Comezou hai dez anos sendo a sensación do underground da cidade de Nova York e hoxe ninguén dubida en incluílo nun grupo dos grandes. Destaca tamén o Ari Hoenig na súa faceta de mestre; ensina na Universidade de Nova York e na Nova Escola de Investigación Social da mesma cidade. Só ou en colaboración con outros músicos edita material didáctico destinado a amateurs e profesionais e é unha sinatura habitual da revista Modern Drummer, referencia mundial para batería de todos os paus musicais.

A música era un todo no fogar de Ari Hoenig cun pai cantante e director de orquestra e unha nai violinista e pianista. Aos doce anos comezou coa batería e aos catorce xa probaba co jazz. Estuda música en Texas e New Jersey; desprazaríase a Brooklyn axiña e a partir de aí coñece e comeza a colaborar con moitísimos músicos de jazz. Produce os seus primeiros discos como batería solista en 2000 con Time Travels e en 2002 con The Life of a Day. Ese mesmo ano funda o Ari Hoenig Quartet co que se converte en grupo residente do club de jazz Fat Cat no Village neoiorquino. En 2006 grava o disco titulado Inversations, seguido de Bert´s Playground (2008). Pouco depois cruzaría o seu camiño co artista encargado de inaugurar esta novena edición de Imaxina Sons, pianista armenio Tygran, que colaboraría no disco Punk Bop Live at Smalls (2009). Tamén estaría xunto a Ari Hoenig no disco Lines of Oppresion (2011), que o batería considera un punto de inflexión como compositor e líder. Nos últimos tempos, volcado no seu proxecto de trío, alterna a inclusión de piano e de guitarra como contrapunto ao seu traballo na batería.

Ari Hoenig, batería
Rainer Bohm , piano
Demian Cabaud, baixo

Richard Galliano. Tangaria Quartet
Sábado 6 xullo 2013
Praza da Constitución, 23:00 h

Richard Galliano

O acordeón entrou no circuíto mundial do jazz grazas a Richard Galliano (Cannes, Francia, 1950) e na lista de artistas preferentes de Imaxina Sons desde os inicios do festival sempre estivo o seu nome. Nesta novena edición por fin o público de Vigo poderá gozar do traballo dun home do que din que marcou un antes e un despois para os acordeonistas. Chega ao festival co proxecto Tangaria Quartet. Elegancia, jazz e tango, nunha aventura que Galliano comezou hai trinta anos cando foi convidado por Ástor Piazzola como solista de bandoneón na Comedie Française; o arxentino converteríase no seu mentor e amigo até o seu falecemento en 1992.

Sen lugar a dúbidas Richard Galliano é un dos grandes; desde 1980 comparte escenario con outras figuras como Chet Baker, Ron Carter, Joe Zawinul, Al Foster, Pierre Michelot, Biréli Lagrène, Jean François Jenny-Clark, Eddy Louis, Philip Catherine, Aldo Romano, Charlie Haden, André Ceccarelli, Michel Portal, Enrico Rava, Toots Thielemans, Jean- Charles Capon e moitos outros. Durante este periodo tamén compuxo numerosos traballos, aclamados tanto pola prensa como polo público. Desde 2011, ano que asinou un contrato coa famosa discográfica Deutsche Grammophon, Galliano tamén se dedica a revisitar co acordeón a obra de compositores clásicos. Comezou con Bach nun primeiro disco, continou co compositor italiano de bandas sonoras de cine Nino Rota e neste 2013 acaba de lanzar a súa visión de Vivaldi.

Richard Galliano, acordeón
Mauro Negri, clarinete
Philippe Aerts, contrabaixo
Jean-Christophe Galliano, batería

Jazz na Noite. Rafa Fernández Quinteto
Sábado 6 xullo 2013
Xancarajazz, 01:00 h

 Rafa Fernández Quinteto

Con disco homónimo baixo o brazo editado co selo Free Code, Rafa Fernández Quinteto achégase ao Jazz na Noite dentro deste noveno Imaxina Sons. Guitarrista residente en Santiago de Compostela, Rafa Fernández (Noia, 1983), estudou guitarra en Galicia con mestres como Marcelino Galán e Marcos Pin; en 2011 viaxa a Nova York para continuar a súa aprendizaxe con figuras como Greg Ruggiero ou Peter Bernstein.

Rafa Fernández, guitarra
Pablo Castaño, saxo
Max Gómez, batería
Xacobe Martínez Antelo, contrabaixo
Alex Salgueiro, rhodes

Para ver a programación da Academia de Sons preme aquí

 

Iria F. Mouriz

Deja un comentario