Foise Gata Cattana.

Para quedar de pedra. Foise Ana Isabel García, coñecida como Gata Cattana. Poetisa (empregando o nome de Ana Sforza) e unha das grandes do rap actual faleceu o xoves pasado por unhas complicacións cardíacas. Merece unha homenaxe, porque a cordobesa logrou converterse, aínda que quizais soe un pouco tópico, na voz dunha xeración. Máis que en ningún artista actual vin nas súas letras o espello do noso sentir, do noso ser na sociedade que nos viste. Dende a rabia que derrama cantando logra confeccionar esperanza nos nosos adentros, como ela mesma di na canción Cuatro Monedas: “(…) lo poco que tengo para daros es esta fe en el futuro”. A través da empatía que un enlaza cos seus versos constrúese unha forza derradeira que nos toca ter, sexa culpa de quen sexa, esa é outra historia. Porque o que é ben certo e que fomos criados nuns “bos tempos” para desembocar nunha crise que quixo fundirnos, que nos deixou, en certa maneira, en areas movedizas. De súpeto o futuro que imaxinábamos non era límpido, non era sinxelo, e a música de Gata nos regala un pouco de revolución.

Facendo poesía co rap puxo sobre a mesa os conflitos que nos toca soster como xuventude pero tamén dende a condición de muller. Porque os de Gata son berros feministas que da gusto oír, sobre todo na súa canción, unha das máis coñecidas, Lisístrata. Nela invoca ás “fillas de Eva, buscando unha luz”, elixindo a Keny Arkana, vestais romanas ou incluso a faraona exipcia Hatshepsut como referentes. A xenialidade das súas letras tamén radica nisto, na cascada plural de personaxes e historias que participan, con múltiples viaxes, sobre todo, á Antigüidade (é de supoñer que froito da súa formación en Ciencias Políticas).

Conxugando o seu saber, que remite a figuras míticas e históricas, coa proximidade ás voces da xente tece un proxecto musical que se recolle nos seus EP, ou discos curtos, Los siete contra Tebas, Anclas e Inéditos 2015, ós que se lle suman cancións como Cuatro Monedas, deste ano. E en xeral da súa obra se extrae a forza, a confianza e a posibilidade da loita, como canta na canción Efemérides: “(…) al menos somos jóvenes, desciframos pirámides”. Unha batalla dispersa contra un “invisible” que tamén ocupa espazo na súa creación poética. Recomendable o vídeo de Show de Rimas no que fala de que somos

“(…) niñatos soñadores que inventan formulas definitivas
que cantan todavía insaciables a pesar de los momentos de lucidez,
a pesar de que luchamos contra un invisible y la tarea nos quede,
 probablemente, demasiado grande.
 Algunos todavía no han desertado,
algunos todavía creen en alguna idea,
todo lo demás es estar muerto”.

 

Con ansia e tristura esperamos a Banzai, o primeiro álbum de longa duración que gravaba nestes momentos e que será o seu último grito de guerra. Pero esta non é unha despedida definitiva, as súas cancións seguirán facéndonos vibrar, por dentro e por fora, por moito tempo. As letras de Gata Cattana continuarán invitándonos a unha revolución en marcha, alentándonos á creación e reafirmando todo o poder que temos nas mans. Gata é unha desas fillas de Eva nas que se atopa a luz.

 

Lucía Alcaina Romaní

Lucía Alcaina Romaní (Muxía, A Coruña). Graduada en Historia da Arte (Universidade de Santiago de Compostela) e co Máster en Estudios Avanzados en Historia da Arte (Universitat de Barcelona).

Deja un comentario