Entrevista completa a Deica Audiovisual para CROA12

En CROA12 Celeste Conde nos deleitó con un fantástico reportaje titulado “El audiovisual en tiempos de crisis”, para el cual entrevistó a cuatro jóvenes colectivos audiovisuales gallegos.

En el reportaje podréis conocer una optimista visión colectiva sobre la actualidad y el futuro del audiovisual gracias a los alegatos de estos cuatro grupos.

Pero, ¿quieres conocer los detalles previos a este reportaje?

Aquí os dejamos la entrevista que Celeste Conde les realizó a Deica Audiovisual para conocer su historia y sus opiniones sobre el tema.


857475_249318935205098_1678862512_o


 

 

Como nace Deica Audiovisual?  Cal é a súa historia?


Non é posible definir a data exacta na que nace Deica nin o modo. As persoas que facemos parte coñecímonos de maneira case paralela no eido persoal e no profesional como pasa moitas veces nestes casos. Pío e Kaufmann  viñan traballando xuntos xa que compartiron estudos audiovisuais. A Paulo coñecérono na gravación do seu proxecto de fin de curso. O primeiro traballo que fixemos entre os tres foi a gravación dun videoclip para o grupo de punk redondelán “Marxe Eskerda”. Despois dese primeiro traballo decidimos poñernos un nome (“A chave”) que máis tarde foi modificado polo actual Deica Audiovisual. Pouco a pouco fomos facéndonos con material, experiencia e formación e ata unha pequena oficina en Cangas.

Cal é a filosofía coa que nace?  E os obxectivos?

Pregunta difícil xa que nunca chegamos a definirnos de todo. O que tivemos sempre claro é que a nosa unión estaba enfocada sobre todo a  continuar o eterno proceso de formación e dar a coñecer o noso traballo. Ademáis de facer o que realmente nos gustaba. Estes son os nosos obxectivos fundamentais: aprender e darnos a coñecer.

Tamén pretendemos ir gañando algo de cartos para ir mercando novo material e poder algún día gañar os cartos mínimos para poder sobrevivir facendo o que nos gusta.

Quen forma Deica Audiovisual?

Pio Cribeiro (Técnico en Imaxe), Pablo Kaufmann (Técnico en Imaxe) e Paulo Bouzas (Técnico en produción)

Estamos a pasar momentos difíciles e a cultura tamén se resinte. Como vedes o futuro audiovisual aquí en Galicia? Cara onde imos? 

Si,  efectivamente os de abaixo estamos a pasar  momentos máis difíciles aínda dos que xa pasamos sempre e é imposible saber cara onde imos.

Cultura é unha palabra con decenas de definicións estudadas ao longo da historia. Por simplificar,  centráremonos en dúas partes, por unha banda a cultura referida ao gusto ou á creación de Belas Artes e por outra a cultura como conxunto de saberes, crenzas e pautas de conduta dun grupo social, a que constrúe o pobo. Certamente, esta última definición de cultura depende moito do contexto xeográfico e histórico. No noso caso, no galego, son centos de anos de opresión cultural que por sorte non deron en acabar con ela. Esta cultura, a do pobo, é precisamente nos momentos difíciles cando se reforza máis, á hora de ter que buscar alternativas de vida fóra dos límites da cultura da incultura (a do sistema) a que depende dos mercados e polos que o pobo non pode agardar para seguir adiante.

No caso da cultura das belas artes a cuestión é complicada; certo é que as institucións deciden reducir fondos e potenciar só e en menor medida que no habitual, as grandes industrias. Pero moitas veces pasa o mesmo que coa cultura do pobo, ante esta situación os novos creadores que non teñen medios, tiran de creatividade, ilusión e innovación para seguir adiante. É nestes tempos cando máis se innova dende a base.

De todos modos o caso galego é moi particular. Acabamos de saber, por exemplo, que Antón Reixa recibiu no 2012 unha subvención para a súa produtora “Filmanova” de 142.000 euros por parte da AGADIC. Esta subvención foi concedida cando a AGADIC estaba presidida polo actual delegado da SGAE na Galiza, o señor Júan Carlos Fernández Fasero que 23 días despois de conceder esta suma de cartos fichou pola produtora de Reixa. Isto supuña un 30 % da cantidade destinada pola Agadic para financiar a distribución de espectáculos escénicos e musicais. Este non é o único escándalo da Agadic nos últimos tempos. A Xunta ven de nomear como director ao anterior Director Administrativo financieiro da Construtora “San José”, unha da que máis casos de especulación urbanística ten ao longo do estado. Jacobo Sutil é unha persoa totalmente allea e descoñecedora do mundo da cultura. Así poderíamos seguir nomeando casos e casos de escándalos sucedidos arredor do mundo da cultura no noso país.

Así que se sumamos aos tempos duros á pouca vergoña de quen dirixe o cotarro… Que podemos agardar? Só nos queda unha esperanza, é ben certo que por máis que queiran a cultura nace por e para o pobo e non desde os despachos. Facer especulacións sobre o futuro que nos agarda é tremendamente complicado. O que si que sabemos seguro é que non vamos agardar subvención ou o permiso de ninguén para crear a sacar adiante os proxectos que queiramos e que decidamos sacar. Cremos que esta é a mellor actitude que se pode ter ante esta situación, denunciar aos culpables e construír as nosas propias alternativas queiran ou non. Desta maneira estamos seguros que nunca ha faltar traballo (sexa este remunerado ou non) e que a cultura non dependerá de a quen  menos lle importa. Se a xente que gostamos do audiovisual e da cultura traballamos con esta actitude seguro haberá un futuro. Se agardamos a que chovan os cartos non poderemos ter moita esperanza. De todos modos e por sorte parece que van saíndo cousas pouco a pouco e que hai xente que quere contar historias cunha cámara e o está a facer.

Algo a ter en conta é o feito de que están saíndo multitude de proxectos dentro do eido cultural coma revistas, produtoras, compañías de teatro… pero moita da xente que está neste tipo de proxectos novos tamén ten o seu “outro” traballo, que é o que lle da o soldo o final do mes.  Tendremos, quizais, que acostumarnos a que sexa algo, tal vez, permanente?  Vaise poder vivir da cultura ou necesitaremos sempre dese “outro traballo”?

Da cultura, referíndonos as belas artes, vivirase sempre que alguén estea disposto a mercala ou a trocala por algo. Só hai que atopar a esas persoas e se non hai tanta demanda coma oferta simplemente  non poderemos vivir todos e todas das belas artes.

Da cultura do pobo xa bebemos e comemos todas e todos no día a día e facemos parte activa da mesma e esta non dependerá nunca dos intereses do mercado, por máis que así queiran que sexa.

As cousas están cambiando tan rápido que é moi difícil entender cara onde camiñamos e porque, e como adaptarnos as circunstancias. Con respecto a cultura, a día de hoxe non nos queda máis que ser militantes da mesma. Se mañá queremos facer unha curta, longa, docu ou videoclip  vámolo facer haxa ou non cartos polo medio.  Polo tanto, nós, xa temos un traballo  aínda que non asalariado claro, e eses traballo está no audiovisual. De todos os xeitos, nuns tempos nos que mais do 50 % da mocidade galega está no paro (sen contar aos estudantes)  pouco sabemos de ese “outro traballo” ou polo menos un que de un pouco de seguridade.

Antes, os proxectos audiovisuais eran asumidos por unha gran produtora que costeaba todos ou case todos os gastos…. Que é o que cambiou neste tempo? Cal é a maneira de traballar agora?

Nos últimos tempos potenciáronse moito as coproducións tanto na grande industria como no audiovisual alternativo pero con unha diferencia: Na grande industria priorizase o resultado económico, á innovación artística. Isto non pasa tanto co audiovisual alternativo onde a innovación artística xoga, ou debería xogar, un papel fundamental.

Ademáis, potenciáronse moito as coproducións internacionais (sobre todo con Latinoamérica e Europa) que facilitan tamén o movemento de subvencións.
No caso dos de abaixo parte mais da necesidade de colaboración, de traballar cóbado con cóbado para sacar as cousas adiante, con voluntarismo, sinceridade e apoio mutuo.

Nós, por exemplo, nos últimos tempos, temos traballado moito con persoas e produtoras que de certo modo fan parte do mundo de Deica e nós do seu, “Cuerda Floja”, “Samthing Visual”, “Making Dreams”… temos colaborado con proxectos deles e viceversa. Xérase un traballo moi interesante na que se comparten materiais, esforzos, enerxías, e maneiras de entender o audiovisual. Cada unha de nós temos a nosa maneira de velo e o noso selo de identidade. Mesturar todo isto fai posible pensar en proxectos moito máis arriscados e mellora abofé o resultado. Este debe ser o camiño, esquecerse de egos, de “proxectos individuais”, de “a miña película” e pensar mais no “nós”. Que podemos facer entre todos? E que podemos aportar cada unha e cada un de nós?

A nivel puramente económico está sendo moi habitual nos últimos tempos o uso de crowdfunding,  pagando os proxectos por medio de mecenas que aportan cartos a cambio de recompensas por  internet.  É sorprendente a de cartos que se conseguen por este medio para sacar adiante proxectos alternativos.

Por outro lado, co auxe das películas “amateurs”, coas web series, as curtametraxes nas que con poucos medios e pouca xente faise todo…Credes que aínda hai sitio para as produtoras? 

Depende para que produtoras e se non que lle pregunten ao señor Reixa! Para as grandes claro que si, menos pero si, para as pequenas somos nós quenes debemos facernos sitio, con imaxinación e empuxe, e demostrando que podemos sacar cousas interesantes adiante sen depender dos poderosos.

De todos modos parécenos interesantísimo todo iso, a aparición de proxectos que non parten de “profesionais do medio” se non de persoas co a necesidade de contar algo, así debe ser. Nós sentímonos en parte moi dentro de iso. Nós tampouco temos medios, nin orzamentos. Unha produtora non é máis do que un tipo de organización para sacar un proxecto audiovisual adiante. Cando se xuntan un grupo de amigos e fan unha web serie ou unha película “amateur” non son menos produtora do que o somos nós  e é obvio que atopan sitio e xente interesada en escoitalos e miralos. Se non,  non seguirían nacendo cousas así. Hai que dar grazas a que exista todo iso. Oxalá vaia a mais!!
De todos modos, existen diferencias, e obviamente non se obtén o mesmo resultado e de maneira tan efectiva cando é unha produtora profesional a que está detrás do proxecto. Son mundos moi diferentes con obxectivos moi diferentes. A día de hoxe, por sorte, abaratáronse tremendamente os custes. As cámaras son máis baratas e todo o material máis accesible o que facilita que calquera persoa poda plantexarse levar a cabo proxectos audiovisuais.

Por outra banda, acostumouse ao espectador a escoitar música ultra comprimida, vídeo pixelados en internet e en definitiva audiovisual de moi mala calidade. É coma se entras nun museo e aos cadros fáltanlles trouzos ou vense mal porque están a oscuras. Hai que acostumar ao espectador a ser mais crítico co produto, a esquecerse do efecto “Ikea” de consumo rápido de mala calidade para tirar e comprar outro. Para as produtoras pequenas que fan produtos traballados e de calidade é importante isto, que o seu traballo poida ser apreciado.

Ao final, a realidade é que os vídeos que mais triunfan na rede son peidos ou borrachos bailando gravados con un teléfono móbil por unha persoa aínda mais borracha. Obviamente iso non é o que facemos nós, e a calidade do noso traballo fai visíbel que si, que hai sitio para a as produtoras e que así debe ser.

En que proxectos estades metidos actualmente?  (Explicádeos un pouco)

Vimos de rematar a gravación da nosa primeira longa de mans de Cristobal Arteaga. Contamos os últimos 90 minutos dun home que vai ser desafiuzado en un único plano secuencia. Toda unha experiencia na que contamos coa colaboración de moitos amigos. Agora mesmo estamos co proceso de posprodución e distribución do filme por festivais. A ver como vai o asunto…

Ademáis desta longa, estamos con varios videoclips en mente (un xa en proceso de rodaxe).

Tamén estamos coa idea de dous documentais, un deles vamos a comezalo a gravar en verán e o outro aínda está en fase de idea. Non podemos dar moitos máis datos polo momento…

Por último temos algún traballo con algunha pequena empresa que nos permite ir sacando un minimísimo de cartos para ir mercando algo de material e cubrir o mantemento do que xa temos.  Ademáis este verán temos xa confirmadas a gravación dun  par de vodas. Hai que furar onde se pode!

Celeste Conde Gómez

Deja un comentario