Comunicado Festival de Cans

O XI Festival de Cans recibe 178 producións galegas, un 8,5% máis que na pasada edición

 

·  Recibíronse 83 curtas de ficción, 14 de animación, 66 videoclips (a categoría que máis medrou) e 15 doutros xéneros

·  A asociación de directores e realizadores de Galicia súmase a outros colectivos profesionais e entregará o premio á mellor dirección

·  A campaña Apadriña un Jalpón péchase con éxito en pouco máis dun mes e 10 jalpóns e adegas apadriñados

 

O PORRIÑO, 5 DE MARZO DE 2014.- O Festival de Cans recibiu este ano 178 producións galegas para compoñer a súa programación, o que supón un aumento dun 8,5% con respecto ao ano pasado, cando se recibiron 166. A recepción de curtas, que se fixo por primeira vez a través dunha plataforma dixital, concluiu coas seguintes cifras: 83 curtametraxes de ficción, 14 de animación, 66 videoclips e 15 pezas doutros xéneros. A organización, que valora moi positivamente a participación tendo en conta o contexto de crise económica e a escaseza de axudas á produción, está a ver os traballos recibidos, cos que se confeccionará a programación do XI Festival de Cans, que se celebrará do 21 ao 24 de maio.

O número de curtas recibidas é especialmente salientable se temos en conta que o festival se nutre só de producións feitas en Galicia ou por directores e directoras galegas. O apartado que máis medrou foi o de videoclips, no que se recibiron 10 propostas máis que na pasada edición. A cantidade de curtas recibidas mantívose estable en ficción e animación. Esta última categoría segue sendo máis escasa pola dificultade na súa elaboración, que é moi custosa e laboriosa. Aínda así, o festival tratará de manter a categoría de animación, á espera de visionar os traballos recibidos.

Outra sinal dos tempos que observa a organización do Festival de Cans é a gran cantidade de curtas que chegan dende fóra do país, feitas por galegos e galegas que viven fóra de Galicia. Hai moitos traballos de autoría galega pero rodados en moitos lugares distintos, dende Madrid ou Barcelona ata Londres, Estados Unidos e Sudamérica.

Respecto dos xéneros, nas propotas recibidas hai de todo: drama, ciencia ficción, terror e máis dunha obra de contido social, con liñas argumentais que falan de situacións laborais precarias ou extremas. No caso do videoclips, destacan as propostas chegadas desde o ámbito do pop e do rock en galego, aínda que tamén hai pezas doutros xéneros como o folk, o hiphop ou mesmo o electro-latino. É salientable que a maioría dos videoclips son de grupos independentes que en moitos casos se autoeditan e, a pesar diso, non renuncian a contar con videoclip como parte fundamental do seu proxecto.

 

 

Premio á mellor dirección

O Festival de Cans contará dende esta edición cun novo galardón, o Premio á mellor dirección, cunha dotación de 200 euros. O novo premio será valorado polo xurado oficial do festival e entregado pola asociación de directores e realizadores de Galicia, CREA, que se suma así á de actores e actrices (AAAG) e á de guionistas (AGAG) na súa colaboración co Festival de Cans. Para a organización é especialmente importante o apoio das asociacións profesionais galegas, que refrendan coa súa colaboración o interese que ten Cans para o sector.

Con esta nova categoría, entregaranse no festival de 2013 trece premios: dez para curtametraxes, dous para videoclips e un premio de honra. Serán en total 6.400 euros en premios, ademais dos Cans de Pedra que recibirán os gañadores, as coñecidas estatuíñas realizadas polo artesán canteiro local Paco Candán.

 

 

Financiamento do festival: Remata con éxito a campaña “Apadriña un jalpón”

A campaña “Apadriña un jalpón” que a Asociación Cultural Arela, baixo a dirección de Alfonso Pato, abriu este na ano na procura de novos apoios privados concluiu con éxito. En pouco máis dun mes, dez empresas e colectivos apadriñaron cadanseu jalpón ou adega. Trátase de  iniciativas empresariais de todo tipo que apostan por facer que a súa marca se vexa no festival: dende un taller mecánico ata produtoras de eventos, pasando por produtoras audiovisuais, feiras gastronómicas, etc.

Dende a organización recórdase que todas as persoas e empresas interesadas en colaborar co certame aínda poden facelo, xa fóra desta campaña, a través do correo-e patrocina@festivaldecans.com.

Captura

Marta Villar Cruces

Diseñadora Gráfica. Tras estudiar Gráfica Publicitaria en AulaD en Vigo, comenzó este proyecto, al que, con el paso del tiempo, se ha ido uniendo mucha gente. Actualmente compagina su actividad como Autónoma con la dirección de CroaMagazine.

Deja un comentario