Entrevistamos a Javi “GDJazz” Pereiro

O día 10 tivo lugar o sétimo festival de jazz de Nigrán, o Nigranjazz no que puidemos ver tocar ó grande músico israelí Gilad Hekselman e tamén a dous galegos que non lle teñen nada que envexar: Iago Fernández e Javi “gdjazz” Pereiro. Con eles dous tivemos una boa charla.

E se vos quedades con ganas de máis, sabede que Iago Fernández estará de xira por Galiza entre o entre o 19 e o 31 con Telmo Fernández e Phil Wilkinson (organista de New York) e Javi “gdjazz” Pereiro terá o 15 de agosto, dobre concerto en Lisboa ca Orquestra Jazz de Matosinhos (OJM), pola tarde nos Xardíns de Lisboa e pola noite no Hot Clube. O día 21 poderédelo ver no festival de jazz de Cangas (Canjazz) co decateto Factor E-Reset de Marcos Pin, o 6 de setembro ca OJM en O Porto acompañando a Kurt Rosenwinkel, o 18 de novembro outra vez co proxecto de Marcos Pin, esta vez no Teatro Rosalía da Coruña e, finalmente, o 1 de decembro ca OJM no Porto tocando repertorio hard bop.

web

Na túa biografía comentas que comezaches na música con seis anos e logo, ós nove, elixiches como instrumento a trompeta… Que fixo que te decantases por este instrumento? Lémbraste?

A trompeta só a coñecía polas gravacións orquestrais que me pasaba a miña tía (que era trompista) para introducirme na música “clásica”, xa que na miña casa só se escoitaba rock dos 70 e o que saía na radio (80´s). Nestas gravacións, que maiormente eran bandas sonoras de John Williams (máis atractivas para un neno que a música para orquestra de cordas de Vivaldi, por exemplo), descubrín que a trompeta era o instrumento máis flipante de toda a orquestra.

A día de hoxe, cales son os teus referentes na música?

Pois toda a música que escoito e me fai sentir grandes emocións, xa sexa pola interpretación, pola composición en si ou por ambas; si me pon os pelos de punta ou me fai perder o norte momentáneamente moito mellor! Por citar algúns exemplos nomearei algúns dos meus absolutos favoritos: Deep Purple, Tchaikovsky, Bill Evans (pianista), Miles Davis, Pink Floyd, Coltrane, Stravinsky, Joe Henderson, Akinmusire, etc, etc.

Como ves o panorama do jazz en Galicia nestes momentos?

Non teño unha visión demasiado panorámica que digamos, pero penso que temos unha morea de grandes músicos de moi alto nivel que xurdiron nos últimos anos principalmente a causa do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra, e iso estalle a dar boa fama ao jazz feito en Galicia. Así e todo, a grande estafa da crise económica mundial non viu senón a agravar a crise crónica que xa tiñamos os músicos desde sempre pola falta de respecto e recoñecemento profesional do sector. Hai en xeral aínda menos traballo, e aínda peor pagado.

Teño entendido que o teu disco debut coma líder, Black May, aínda que saíu a luz fai pouco, en 2012, xa estaba gravado dende 2009. Que é o que pasou para que tardase tanto en publicarse? E, que poderemos encontrar nel?

Eu son unha persoa moi esixente comigo mesmo e ca miña música, e este disco foi gravado “á caída” en catro horas de sesión sen ensaios previos e cos músicos lendo os papeis a primeira vista, sen “segundas tomas”. E aínda que tiven a sorte de contar con tres grandísimos mestres do jazz, o resultado de cara ás miñas composicións non foi exactamente o que eu procuraba, e iso decepcionoume nun primeiro momento. Ademais, para sacar un disco fai falla diñeiro, e eu xusto naquel momento acababa de mudarme á Coruña e entrei a facer a licenciatura en jazz no Porto; resultado: ruína absoluta!

Anos despois, ca cabeza un chisco máis levantada e ca presión de dous amigos meus, retomei o tema do disco e me din de conta que o disco, a pesares de non estar exactamente como eu quería, estaba cheo de frescura, de boa música e da mestría e bo facer destes mestres cos que contei, e decidín que tiña que sacalo si ou si.

Cóntanos un pouco máis deste disco… cal é a canción a que lle tes máis cariño e por qué?

Supoño que á que lle teño máis “cariño” é a que lle dá o nome ó disco: “Black May”. Foi unha das miñas primeiras composicións, e foi a primeira que realmente me tomei en serio, adicándolle moitas horas de traballo, e que ademáis resultou ser un “hit”, jejeje, posto que a todo o mundo lle gustou, ese tema é pura enerxía!

gdjazzmusic.com

HAZ CLICK AQUÍ Y VISITA CROA16

Celeste Conde Gómez

Deja un comentario